Samuel Ruíz, profecía e liberación

Samuel Ruíz, profecía e liberación

Onte faleceu o que foi durante corenta anos (1960-2000) bispo de san Cristovo das Casas en Chiapas, México. Recordo a famosa foto, camiñando co subcomandante Marcos na Serra Lacandona, nada de porte de príncipe da igrexa: uns pantalóns gastados e mesmo raídos, botas guerrilleiras, zamarra e faciana de pobreza e de paz. Hoxe, os cristiáns recordan a conversión do fariseo Paulo de Tarso, narrada por Lucas dunha forma un tanto cinematográfica. Paulo non caeu do cabalo, e seguro non escoitou ningunha voz misteriosa... posiblemente abriu os ollos, unha descuberta de inxustiza e de opresión. A Samuel Ruíz pasoulle algo semellante. Nomeado bispo é convidado por un gran cafeteiro a xantar na súa mansión colonial. No carro atravesa os cafeais e contempla os indios escravizados: mulleres, nenos, anciáns, custodiados por homes armados. Na casa do empresario, católico e español, as toallas levaban iniciais gravadas con fío de ouro. Na sobremesa chegou a iluminación co primeiro sorbo de café: "Sentín que estaba a beber o sangue daqueles indios". E todo mudou como en Paulo de Tarso.

Comeza todo un traballo de organización de comunidades indíxenas (creáronse 200 con funcionamento asembleario e democrático), promoción das mulleres, alfabetización, cooperativismo e formación de líderes que saberían do asasinato e a represión. Foi o encontro coa teoloxía da liberación. Samuel Ruíz converteuse nun bispo incómodo como moitos outros en Latinoamérica, incómodo para os terratenentes, para o goberno, para o Vaticano e os EUA. Resistiu a manobra orquestrada internacionalmente contra os teólogos da liberación sempre sospeitosos de predicar o marxismo. O desembarco das sectas ultraconservadoras financiadas por Reagan con millóns de dólares, compraron a moitos indíxenas mergullados na miseria e na ignorancia. Pero Ruíz foi símbolo de resistencia e coherencia. O un de xaneiro de 1994 prodúcese o levantamento e a aparición do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN). Todo apuntaba a unha carnicería e Ruíz meteuse de cheo no diálogo: "Detrás do levantamento non está a teoloxía da liberación. É o reclamo de terras, a represión, a fame o que provoca o momento no que se di basta!". Presidiu a comisión de paz para mediar entre os guerrilleiros e o exército mexicano para lograr un plan de autonomía e xustiza para Chiapas. Non escapou da difamación, persecución e atentados.

Chegou a Chiapas coa idea de cristianizar e aprender o español aos indíxenas. Anos despois falaba tzeltzal e tzotzil as linguas propias e a xente chamáballe tatic (paiciño).

A historia de Chiapas recórdame a doutra terra empobrecida e espoliada, con lingua propia, e tan necesitada da entrega revolucionaria e evanxélica de xentes coma Ruíz, que non busquen as portadas, a celebridade nin o benestar, que saiban vestir as roupas dos gandeiros e mariñeiros, dos obreiros, e lonxe das luces dos despachos penetren na escura selva onde agarda tanta loita e liberación.

Na memoria de Samuel Ruíz deixo este poema do seu amigo e tamén bispo, o catalán Pere Casaldáliga, loitador nas selvas da Amazonia Brasileira:

"Non ter nada.
Non levar nada.
Non poder nada.
Non pedir nada.
E, de pasada,
non matar nada;
non calar nada!"