Sahara libre!
É tempo de dignidade para un pobo que reclama os seus dereitos máis básicos negados polo empeño colonizador dun reino que segue facendo o que quere cos parabéns das institucións e das organizacións de dereito internacional e por suposto, coa pasividade do estado español. Estes días semella que o problema do pobo saharauí saltou a axenda mediática como se o conflito fose novo, como se agora, de repente, os marroquís se volvesen tolos e sen razón atacasen aos saharauís ante un estado español que é o convidado de pedra nesta situación, esquecendo (coma sempre) o seu pasado colonizador.
E cando pedimos responsabilidades ao goberno español do PSOE atopámolo estancado no seu cómodo rol de mirar para outro lado actuando en función do que os seus asesores lle din (agora opinamos, agora non) burlándose de todo o que un pobo padece. Fago unha paréntese para pedir aos militantes e aos simpatizantes deste partido que obriguen aos seus dirixentes a posicionarse e a asumir as súas responsabilidades. Isto é, o que en xustiza, lle deben ao pobo saharauí.
A situación do Sahara é complicada, falla de información, agresións e sobre todo a ausencia de respostas para saber que o que está acontecendo realmente neste intre. Os conflitos semellan lonxanos e irreais, quizais porque estamos alienados nun sistema que se empeña en vendar os nosos ollos e facernos crer que non é posíbel actuar, que non hai alternativa, que son conflitos alleos a nós, que debemos seguir as nosas vidas e pasar rapidamente os dous segundos que a prensa dedica ao tema ou os 5 minutos que o telexornal recupera dicindo: "que magoa!, como é posíbel?" para despois, de novo, volver esquecer que hai pobos aos que non se lle permite vivir en paz.
Pero o problema é máis grave xa que defendemos un ordenamento xurídico internacional que nos minte, porque permite aos marroquís agredir e asasinar aos saharauís, porque nestes conflitos, vale xa de eufemismos.
A ONU foi creada para emendar vellos erros do pasado, para garantir que as institucións internacionais tivesen peso e capacidade na resolución conflitos entre pobos. Para que, en definitiva, non se volvese a repetir o que aconteceu coa inútil Sociedade de Nacións, incapaz de evitar as guerras que marcaron a historia europea.
E nalgún momento todos cremos que ía ser posíbel. A Asemblea das Nacións Unidas redactaba os seus principios estruturais destinados a apuntalar o ordenamento xurídico internacional para iso aprobábase a declaración de bos principios de dereito internacional ou a tan coñecida resolución 2625 de 24 de outubro de 1970, que advertía aos estados de absterse de recorrer á ameaza ou ao uso da forza nas súas relacións internacionais contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera estado.
Tamén recoñecía, esta declaración, o principio da igualdade de dereitos e de libre determinación dos pobos, explícase no texto, que todos os pobos teñen dereito a determinar libremente (sen inxerencia externa) a súa condición política e procurar o seu desenvolvemento económico social e cultural. Segundo este principio todo estado ten o deber de respectar a vontade dos pobos e en virtude destes principios deberán pór fin rapidamente ao colonialismo, tendo debidamente en conta a vontade libremente expresada dos pobos. E por suposto, deben ter presente que o sometemento dos pobos á dominación e explotación estranxeira constitúe unha violación destes principios así como unha denegación dos dereitos humanos fundamentais recollidos na Carta da ONU.
Lembro cando estudei isto na facultade, era como si me sentise aliviada porque había un texto legal internacional que respaldaba todo no que eu acreditaba porén, os anos e a coñecemento dos conflitos como o do Sahara, facíanme dubidar das intencións ou da capacidade da ONU. No Sahara... Onde está a ONU? Ou é que hai conflitos de primeira e de segunda? Ou acaso hai mortos polos que paga a pena implicarse e mortos que simplemente serán anécdotas para nós? Semella que si.
Eu sempre me sentín orgullosa de militar na organización política na que estou, pero estes días máis, por unha cuestións básica, no BNG non nos escondemos dos conflitos, falamos e esiximos solucións aos problemas dos pobos que teñen vetada a súa libre determinación. Seguiremos loitando, dende o nacionalismo, para conseguir que todos os pobos poidan decidir libremente sobre si mesmos, loitaremos para chamar as cousas polo seu nome, sen medo, e coa confianza que nos dá acreditar noutro modelo de ordenamento internacional, e por suposto todos os días implicarémonos na defensa da liberdade do pobo saharauí estea ou non na axenda dos medios.