Reflexións no ámbito internacional (I): Europa xa non semella ser exemplo de avances

Reflexións no ámbito internacional (I): Europa xa non semella ser exemplo de avances

Vén de celebrarse na cidade de México unha nova edición do Seminario Internacional “Os Partidos e unha nova Sociedade”, evento que contou con participación de organizacións políticas, sociais e sindicais e intelectuais dos cinco continentes, e que desde hai dezaseis anos amosa a capacidade do seu organizador o Partido do Traballo de México para reunir organizacións e persoas de distintos perfís ideolóxicos e traxectorias históricas con disposición para poñer en común as súas experiencias de loita e construción de alternativas ao sistema capitalista imperante.

Nesta ocasión presentáronse no seminario máis de setenta ponencias dando conta de procesos políticos en curso, os efectos da crise económica, as articulacións de políticas de alianzas, o problema ecolóxico, os cambios na xeopolítica internacional, etc…

Tendo en conta a diversidade e pluralidade dos e das asistentes un encontro deste tipo ademais do interese que suscitan as ponencias conta con outra compoñente igual de salientábel, é o contacto bilateral ou multilateral entre quen participamos nel, contacto que permite afondar en aspectos referenciados nas intervencións e descubrir tamén novos elementos ausentes das mesmas. En posteriores artigos farei referencia a aquelas cuestións que me pareceron de maior interese pero hoxe quero salientar algo que pode resultar estraño pero amosa que estamos nun momento de rápidas e pouco previsíbeis mudanzas dos marcos referenciais.

,No último tercio do século pasado falar de crise económica, empobrecemento da poboación, imposicións a estados soberanos, Fondo Monetario internacional ou Banco Mundial era falar de etiquetas que se lles poñían aos países do sul, tamén chamados países subdesenvolvidos; pero na actualidade podemos comprobar que as etiquetaxes mudan coa mesma rapidez coa que muda a situación económica e iso comprobámolo en México nestes días.

Quen procediamos do chamado “primeiro mundo” fomos quen aportamos maiores referencias á crise económica e ás súas consecuencias: aumento do desemprego, perda de dereitos sociais, desaparición das clases medias, empobrecemento xeneralizado, pesimismo, involución democrática...

Por contra, moitas das persoas que procedían do “terceiro mundo” ou dos “países emerxentes” incorporaban ás súas intervencións: aumento da produción, conquista de dereitos sociais, redución dos niveis de pobreza, democracia participativa, ofensiva ideolóxica, recoñecemento dos dereitos dos pobos…

Foi impactante escoitar a un grego falarnos de fame, desnutrición e aumento da pobreza nun dos berces da cultura occidental ao tempo que un boliviano lembraba a decisión do goberno de Evo Morales de reducir a idade legal para poder xubilarse; e non o debeu ser menos escoitarme a min falar de que en Europa estamos nun período de resistencia fronte á eliminación de dereitos cando poucos minutos antes unha antiga comandante guerrilleira salvadoreña facía referencia ás melloras acometidas no seu país no ámbito educativo, aos créditos á produción agrícola e a unha reforma fiscal favorábel ás rendas menores.

Téñome referido en diversas ocasións á necesidade de superar o eurocentrismo por consideralo desviación propia dunha esquerda prisioneira das definicións de manual, fíxeno de novo na ponencia presentada en México e considero que a comparativa entre os actuais retrocesos no continente europeo e os avances noutras latitudes deixan ás claras que non hai nada inmutábel, estamos diante dunha realidade cambiante na que depende en grande parte da capacidade de actuación do pobo organizado que haxa avances ou retrocesos.