Reflexións ao redor de Orlando
Mataba onte. Sen saírmos da Europa occidental, para non caír na armadilla de pensar que se trata dun fenómeno que non atinxe os nosos países ‘civilizados’, podemos citar até 15.000 homes e mulleres que foron retid@s nos campos de concentración da Alemaña nazi por seren homosexuais; o caso de Declan Flynn (30 anos), espancado até à morte en Baile Átha Cliath (1983); ou o atentado nazi no emblemático bar gay Admiral Duncan de Londres, que cobrou 3 vidas –Andrea Dykes (27 anos), Nik Moore (31 anos) e John Light (32 anos)– e deixou unhas 70 persoas gravemente feridas (1999).
Mata hoxe, no século XXI. François Chenu (29 anos), agredido e afogado por neonazis, e Alexis Frumin (21 anos), asasinado tamén a mans de neonazis por motivos racistas e homófobos, ambos en Reims (2002 e 2007); ou, xa na Galiza, Julio Anderson Luciano (32 anos) e Isaac Al-Dani Pérez Triviño (27 anos), brutalmente asasinados en Vigo (2006). E se dou nomes non é para caír ao anecdótico, mais para que se visualice que se trata de persoas e non de números ou simples estatísticas.
Matará mañá tamén se non se mudaren os alicerces sociais que a sustentan e alimentan, isto é, o patriarcado, froito do sistema capitalista.
Como calquer persoa normal –e uso a palabra intencionadamente– fiquei anoxado polo brutal e covarde atentado terrorista do pasado 12 de xuño nun bar gay de Orlando que se saldou cunha cincuentena de persoas mortas e outras tantas gravemente feridas. Así, xunto con moit@s compañeir@s do BNG e de Galiza Nova, participei na concentración silenciosa –faltan as palabras para expresarmos a repulsa que sentimos ante un acto de odio de tal calibre– convocada en Compostela e noutras cidades galegas.
Mais, aínda así, quixera levar a reflexión sobre o acontecido máis alá e, de xeito especial, sobre a manipulación mediática que o rodeou máis alá da simples repulsa por este acto vil, xa que non podo deixar de preguntarme por que o que acontece nos EUA ten sempre máis ‘valor’, máis impacto mediático, que o que ocorre aquí.
E non é que non aconteza aquí na Europa, mesmo na Galiza. Non à mesma escala, nen necesariamente con mortes directas, mais a homofobía, como o machismo, agride constantemente e todos os días de mil formas diferentes, que van desde o acoso (físico, ciberacoso, etc.), o rexeitamento familiar, as agresións físicas ou o ‘estupro corretivo’, endémico en todo o mundo desde o Perú até a África do Sul, ao suicidio, cuxa taxa é catro veces máis alta para as persoas LGBTI+.
Deduzo que a razón pola cal non se fala de todo isto nos medios é que iso implicaría entender a homofobía como algo permanente, constante e estrutural que non se pode extirpar sen unha mudanza total do sistema que supoña derrocar o patriarcado e o capitalismo. En vez disto, o que se prefire é retratar este tipo de feitos como un problema espectacular e puntual onde podemos lamentar o acontecido, chorar as vítimas e logo seguir vivindo como se nunca pasase e non for volver pasar.
Tamén se podería pensar que a propria magnitude do atentado sexa razón suficiente para xustificar a súa difusión mediática face a agresións menos ‘rechamantes’ que pasan desapercibidas. É verdade: cincuenta vidas inocentes son unha grande perda, como tamén o é unha soa. Mais cumpre desmentir o mito de que este fose o maior atentado rexistrado nos EUA. Visibelmente, os medios sistémicos esquecen determinados atentados en función das súas vítimas, dos seus perpetradores e dos réditos políticos que se pode sacar da súa mediatización.
Sen ánimo de subestimar a magnitude da matanza de Orlando, talvez sexa pedagóxico lembrar que ao cualificalo do ‘maior atentado’ dos EUA fican eclipsados o Masacre de Wounded Knee de 1890, cando a cabalaría dos EUA matou entre 150 e 300 mulleres, homes e crianzas da pobo lakota, sendo galardoados 20 militares polos seus actos, ou o linchamento en masa de parceiros negros que terminou con 237 mortos en Arkansas en 1919, ambos crimes contra a humanidade cometidos por razóns raciais. Se callar, ficaron convenientemente esquecidos ao se tratar de matanzas que no seu día foron sancionadas polo proprio sistema e polas cais aínda non se chegou a pedir perdón, nen moito menos se chegou a acometer as reparacións precisas para tentar fechar estas feridas abertas. Mellor esquecelo, mellor calalo...
Aínda que non se atinxise o mesmo grao de catarse e histeria colectivas provocadas no seu día polos asasinatos de Charlie Hebdo, que deron lugar a unha grande ostentación de choro e renxer de dentes por parte d@s dirixentes europe@s que desfilaron ao carón do carniceiro Netanyahu (pois, afinal de contas, as vítimas de Orlando non eran máis que un puñado de maricas...), acho que, no fondo, o motivo que leva a unha determinada propagación mediática deste terríbel evento radica en que permite contrapor os EUA –corazón do imperio, país ‘occidental’ por antonomasia, o ‘nós’ civilizado, democrático, progresista– ao inimigo designado do momento, nomeadamente o terrorismo islámico (o mesmo que alimentaron os proprios EUA non hai tanto no Afeganistán), ou sexa ‘eles’, ‘os outros’, enchoupados dunha cultura allea, bárbara, autocrática e atrasada.
Serve este como máis un pretexto para alimentar a psicose islamófoba ao redor da ameaza terrorista, encarnada no inimigo que está dentro, americano de nascemento mais non de corazón, neste caso fillo de afegá(n)s como tantas veces se repetiu nun primeiro momento nos medios: refuxiados, musulmáns, talibáns, terroristas en potencia. Eis o perigo, a ameaza, o inimigo.
Que quede claro que isto non é unha apoloxía nen do Estado islámico (DAESH) nen de ningún acto homófobo condenábel cometido en nome do islam. Ora ben, à luz da propaganda islamófoba con que se envolveu interesadamente o atentado nun primeiro momento, acho interesante repasar rapidamente os incidentes citados acima e perguntarse cantos deles foron perpetrados por musulmáns.
A homofobía non está aí fóra, nen é algo que vén de fóra, nen se manifesta sempre de forma tan ‘espectacular’. Como a violencia contra as mulleres, a homofobía é un cancro silandeiro que roe e corroe constantemente as persoas desde dentro do proprio sistema capitalista, patriarcal por natureza e de necesidade. É consubstancial a el. Non é algo que se poida lamentar un día e logo esquecer. É algo que cumpre combater do único xeito posíbel, libertándonos do xugo do capitalismo para camiñarmos cara a un mundo verdadeiramente máis libre, máis xusto e máis equitativo. O mundo que comezaremos a forxar na futura República Socialista da Galiza.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.