Racismo en Israel

Israel é un Estado de aluvión. Paseniñamente, os europeos fundadores do Estado israelí e os posteriores sobreviventes da Shoá en Europa foron construíndo un Estado que pasou do socialismo utópico dos kibutz dos primeiros anos da independencia a unha sociedade capitalista, laica, descrida, atea, materialista e racista.

O editor xudeu Mario Muchnik, no seu libro Mundo judío[i], preguntábase quen é xudeu? A lei rabínica estipula que é xudeu todo fillo de nai xudía pero, nunha sociedade maioritariamente non practicante e atea, a aplicación da lei da sinagoga non é posíbel e a lei civil tampouco o indica. A historia ten exemplos macabros desa identidade cando españois e alemáns eran quen decidían quen era ou non xudeu. Sostiña Muchnik que era xudeu quen se sente xudeu e quen quere selo, sen importar a súa crenza relixiosa.

Dende a súa chegada a Israel mediante unha operación militar israelí de rescate en 1991, Operación Salomón, os 14.500 xudeus etíopes sufriron a imposibilidade de adaptarse a unha sociedade que os «salvara» para mantelos á marxe nunha sociedade na que nunca os deixaron encaixar.

A Operación Salomón foi posterior á Operación irmáns, digna dun filme, The Red Sea diving resort, O complexo de mergullo do Mar Vermello[ii], que narra o falso centro de mergullo que axentes secretos israelís abriron nas costas sudanesas co único fin de rescatar os xudeus etíopes de forma clandestina e levalos a Israel.


A integración desta comunidade aínda está por conseguir. O filme de Radu Mihaileanu, Vaite e vive (2005) narra os prexuízos que enfrontaron e a negativa das autoridades rabínicas a consideralos xudeus .


A comunidade xudía etíope alcanza a 145.000 persoas, das cales máis da metade vive na pobreza. As iexivás (escolas relixiosas) de Daat Mevinim, Darkei Noam e Lamerhav prohibiron a inscrición de alumnos etíopes malia as ameazas das autoridades israelís civís e relixiosas contra eses centros educativos relixiosos.

A negativa de moitos cidadáns a seren transfundidos con sangue de doantes etíopes e o escándalo do anticonceptivo Depo Provera, que se subministrou á forza ás mulleres xudías etíopes, que descoñecían que quedarían estériles, tentando deste xeito un control da natalidade deste grupo, son mostras dos agravios que sofre esta comunidade.


Esta historia de desprezo veu adobiada coa detención do soldado Damas Pakada, que foi gravado mentres dous policías lle daban unha malleira sen causa que a xustificase, como sinala a asociación Tebeka, a organización de defensa para a igualdade e xustiza dos etíopes israelís.

O asasinato por parte da policía dun mozo etíope, Solomon Tekah, en Haifa o 2 de xullo, reavivou as protestas. O descontrol e a xenreira contida de anos de aldraxes viuse nunhas manifestacións que pola súa violencia preocuparon tanto ao presidente Reuven Rivlin coma ao primeiro ministro Benjamin Netanyahu, tanto que ambos os dous entoaron un mea culpa e pediron tempo para tomar as medidas axeitadas e conter unha situación que escapaba do control policial polo seu tamaño e lexitimidade.


[i] Mundo judío. Crónica personal. Editorial Lumen 1983

[ii] Escrita e dirixida por Gideon Raff.