Que foi de Libia?
Agora os medios dan en ocultar as denuncias de organizacións internacionais encol da represión na Libia da era post-Gadaffi. Os gobernos occidentais miran para outro lado.
En marzo de 2011 unha coalición de forzas da OTAN, coa destacada participación do exército español e comandada por Estados Unidos, inicia operacións aéreas contra obxectivos estratéxicos en territorio libio.
A acción militar ampárase legalmente nunha resolución das Nacións Unidas que ten como obxectivo “facilitar un diálogo” que remate no “completo fin da violencia, de todo ataque e dos abusos contra civís”. Despois dunha sanguenta e desigual guerra de sete meses, un ataque aéreo de OTAN contra unha columna de vehículos preto do bastión gobernamental de Sirte deixa a Muammar al-Gadaffi en poder das milicias proocidentais. Gadaffi é torturado e executado extraxudicialmente no acto. A Jamahiriya ou "estado das masas" dá paso ao goberno dun Consello Nacional de Transición (CNT), teledirixido polo superpoder global.
Once días despois do inicio do conflito armado, o presidente Obama dirixírase “á Nación”, non desde o despacho oval como viña sendo habitual, senón desde a Universidade Nacional de Defensa en Washington. Obama xustifica a acción militar –el nunca lle chamou ‘guerra’- e trata de gañar o apoio da opinión pública para a súa política de intervención. O seu discurso é, na forma e no fondo, comparábel ao que no seu día representaran Clinton e os dous Bush xustificando as guerras do Golfo e de Afganistán. Obama centra a súa estratexia mediática na defensa dos dereitos humanos dos cidadáns libios e, en menor medida, na defensa dos ‘intereses e valores’ norteamericanos. A palabra ‘petróleo’, non aparece unha soa vez no discurso presidencial.
A pesares das intencións manifestas da ONU e a OTAN, case un ano despois do remate da guerra a situación dos dereitos humanos en Libia non parece ter mellorado. Ao contrario, innumerábeis informes e notas de imprensa de organizacións non gobernamentais, pouco sospeitosas de conivencia co antigo goberno libio, inciden no constante deterioro dos dereitos civís no pais africano. O panorama que describen adquire cores dantescas. Fagamos un pequeno repaso:
,Nun completo e recente informe titulado “Libia: imperio da lei ou imperio das milicias?” Amnistía Internacional fai un detallado reconto dos abusos correntes, que son todos os imaxinábeis: torturas, violacións e execucións sumarísimas, ás que AI pon rostro, nomes e apelidos. Human Rights Watch estima por miles as persoas ilegalmente detidas e torturadas despois da guerra a mans dos prooficiais thuwwar, ou milicias anti-Gadaffi. As detencións ilegais inclúen a xornalistas que cubrían as eleccións xerais ou mesmo a membros do Tribunal Internacional de Xustiza (!). Médicos sen Fronteiras denuncia a denegación selectiva de atención médica á poboación contraria aos intereses occidentais. O racismo, a xenofobia e a limpeza étnica fanse patentes coa persecución e deportación en masa de poboacións enteiras cara campos de refuxiados. Esta é a situación que viven os Tawargha, cidadás e cidadáns libios de cor preta, etnia acusada de complicidade co antigo réxime e cuxa epopea é narrada noutro recente informe de AI titulado “Non estamos seguros en ningures: Tawarghas en Libia”. Toda esta situación prodúcese co consentimento e co apoio do CNT, nunha estratexia de eliminación planificada da poboación disidente que moito recorda ao vivido nas ditaduras latinoamericanas dos 70 ou na posguerra galega.
Os gardaagullas do fluxo de información deciden non dar relevancia nos medios a unha situación que noutro contexto e lugar ben tería xustificado unha intervención militar da OTAN: por menos disto bombardeouse Iugoslavia no 99. O seguinte capítulo da guerra xeoestratéxica polos recursos enerxéticos líbrase en Siria, é aí onde agora se hai que centrar. É alarmante a falta de reacción da ONU, promotora da fracasada resolución que ía garantir liberdade e seguridade ás libias e libios. Mais o máis clarificador é a declaración do Premio Nobel da Paz e presidente dos Estados Unidos, quen a pesar de todo o anterior, e co gallo da vitoria proocidental nas eleccións amañadas no país, tivo a ben felicitar ao pobo libio “pola súa extraordinaria transición á democracia”.
O obxectivo imperial parece estar cumprido. Libia posúe unha importantísima produción de gas natural, e as súas reservas petrolíferas son, segundo datos da propia administración norteamericana, as máis elevadas do continente africano, por riba de países como Nixeria ou Angola. Excentricidades de Gadaffi á parte, Libia case sempre resultou un estado díscolo para occidente pola súa política petroleira independente e controlada en gran parte polo estado. Non en van o exdiplomático estadounidense William Blum no seu libro ‘O Estado canalla’ -The Rogue State- sentenciara “para Washington, Libia sempre foi como o norte magnético: o dedo sempre apuntando cara alí”. Calquera guerra desatada sobre Libia non sería xamais unha guerra polos dereitos humanos dos seus habitantes, senón polos recursos enerxéticos do seu subsolo. Antes Libia, agora Siria. E despois, cara onde apuntarán?