Punto de inflexión (I)


Entre o 10 e o 12 de marzo a UPG estivo presente unha vez máis no Seminario Internacional “Os Partidos e unha nova sociedade” que desde hai vinte anos organiza o Partido do Traballo de México, e que permite tomar a temperatura á situación política do continente americano e a nivel mundial, reflexionar sobre os avances e retrocesos dos movementos revolucionarios, progresistas e nacionalistas e sobre as liñas da xeopolítica actual e estreitar lazos con organizacións de outras nacións. Nesta ocasión o Seminario superou as 600 persoas inscritas das que 315 éramos delegados e delegadas internacionais de 130 organizacións de 41 países de todo o mundo. Unha vez máis Galiza estivo presente por medio das nosas análises sobre a situación mundial e sobre o actual contexto político nacional e estatal.

Nas dúas anteriores edicións había unha grande preocupación polo avance da dereita en América Latina e pola extensión dunha crise económica que orixinada nos EEUU e na Unión Europea xa empezaba a producir efectos noutros ámbitos xeográficos do planeta. Pero nesta ocasión xa non estábamos diante dunha preocupación pola posíbel extensión de perigos localizados, Venezuela e Brasil fundamentalmente, senón da realidade dunha forte ofensiva da dereita e do imperialismo que deu xa nos últimos meses importantes réditos electorais, destacando Arxentina e Venezuela co acceso de Macri á presidencia no primeiro caso e a perda da maioría no parlamento para os apoiantes do proceso político bolivariano no segundo. Ofensiva que tamén modificou o ambiente político no Brasil cun ataque ao proceso político encabezado polo PT que ademais de atacar á presidenta Dilma Rousseff apunta nesta nova fase sobre todo ao icono da esquerda brasileira Lula da Silva, ataque que mentres escribo este artigo abre un novo capítulo ao anunciar o abandono do goberno o Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB), o partido máis forte do sistema electoral brasileiro sen ideoloxía definida e que desde o remate da ditadura foi chave para manter os gobernos e que se ten caracterizado sempre por actuar en función de interese propio de grupo e non de concepcións ideolóxicas ou políticas.

Tanto en 2014 como en 2015 respirábase tensión interna debido aos enfrontamentos entre organizacións presentes como consecuencia das críticas alí feitas a determinados aspectos que se consideraban negativos para o futuro de algúns dos procesos políticos, críticas desde o meu punto de vista leais ao proceder de quen acompañaba esa crítica dunha presenza na rúa e nas institucións cóbado con cóbado na defensa dos procesos políticos en cuestión, pero que eran moi mal recibidas polos representantes das organizacións que dirixían eses procesos por ser as máis fortes.

Na edición deste ano o ambiente mudou, o perigo non é potencial nin está localizado senón que é un perigo real e estendido; e diante do que os medios do sistema están publicitando aos catro ventos como o final do ciclo progresista en América Latina algúns sectores progresistas desgraciadamente semellan estar paralizados e non dan superado a sorpresa producida ao comprobar como amplos segmentos das clases populares participan das protestas ou apoian co seu voto a opcións de dereita que obxectivamente son contrarias aos seus intereses e que se opuxeron ás medidas que fixeron mellorar as condicións de vida deses mesmos segmentos das clases populares.


Por contra puiden comprobar como outros si manifestaron un recoñecemento da gravidade da situación e din traballar para superar este punto de inflexión partindo da valorización dos éxitos acadados pero tamén dunha análise rigorosa dos éxitos cometidos.

Neste segundo grupo que considero o importante pois é o que pode permitir unha reactivación ideolóxica e política para iniciar unha contraofensiva foi moi chamativa, e non só para min, a intervención do Vicepresidente para os Asuntos Internacionais do PSUV Rodrigo Cabezas que non se cortou en recoñecer os moitos erros cometidos ao longo do proceso bolivariano debidos fundamentalmente a “...unha observancia dogmática por parte do estado do feito económico...” que os levou a basear a súa economía case en exclusiva no monopolio petroleiro empregando os beneficios en capitalizar os programas sociais pero non en desenvolver outros sectores que lles permitiran contar cunha economía diversificada, a unha actitude sectaria cos seus aliados nalgunhas ocasións e a unha falla de firmeza no castigo á corrupción do adversario e nas propias filas, erro este último que lles fixo perder credibilidade. Os erros propios e unha actuación intelixente da oposición asesorada polos EEUU fixeron que hoxe a situación en Venezuela sexa moi delicada, pois está en xogo o principal froito de todo o feito até o momento que é a Soberanía e independencia nacional de Venezuela.

E destaco esta intervención non tanto polo contido, pois eses erros xa había tempo que tiñan sido advertidos por organizacións venezolanas, senón polo feito de que formen parte da intervención no seminario do máximo responsábel do PSUV para os asuntos internacionais. Pode parecer tarde pero para reaxir o primeiro que compre é unha análise do camiño realizado con erros e acertos, e ese recoñecemento de erros cometidos entendo que vai nesa liña.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.