Puerto Rico


Na primeira guerra do Golfo (1990-1991), os soldados que servían[i] baixo a bandeira dos Estados Unidos (EUA) bebían Perrier. Unha xornalista latina entrevistaba os centos de latinoamericanos que se alistaban coa promesa de conseguir o seu permiso de residencia en EUA, dominicanos, hondureños, salvadoreños, venezuelanos. Xunto a eles outros centos de portorriqueños que fuxían de desemprego e se alistaban para poder enviar diñeiro «a la madre».

O popular cantante portorriqueño Daniel Santos (1916-1992), alcumado El jefe, El inquieto anacobero, foi recrutado polo exército de EUA en 1941. Daniel grava o tema «Despedida[ii]» en que se pregunta quen coidará a súa nai doente.

A canción impresionou a sociedade portorriqueña da época e a súa difusión foi prohibida por antiestadounidense. Daniel, anos máis tarde, militará no Partido Nacionalista de Puerto Rico e gravará un disco con temas a favor da independencia[iii].

Pero nin a inmensa popularidade de Daniel Santos, superior a de Sean Connery na súa defensa da independencia de Escocia, nin a recente solicitude do gobernador, Alejandro García Padilla, de declarar a bancarrota de Puerto Rico, ante a imposibilidade do pagamento dos 72.000 millóns de dólares de débeda pública, vai facer que os 3.6 millóns de residentes opten pola independencia da illa.

O recente anuncio do gobernador é un exemplo máis da falacia, repetida en distintos lugares como Irlanda, Escocia, Catalunya, Euskal Herria etc, que asegura que a pertenza a entidades maiores, ou máis ricas, asegura un nivel económico que a independencia non dá.

O pobo portorriqueño observa inerte como a metrópole non recoñece o resultado do plebiscito do 6 de novembro de 2012, no cal a maioría da poboación, 44,61%, quixo ser un estado máis de EUA fronte ao 4,4% que quere a independencia, ou o 24,32% que quere o status quo actual baixo o eufemismo de Estado Libre Asociado, cando na realidade son unha colonia dos Estados Unidos.

Mentres, o preso político máis antigo do mundo, 34 anos, Óscar López Rivera, podrece na cadea nos Estados Unidos. Condenado a 70 anos por ser membro das Forzas Armadas de Liberación Nacional de Puerto Rico, en 1999 Óscar rexeitou unha «oferta» para saír libre en 2009 baixo certas condicións. Óscar foi recrutado á forza polo exército estadounidense en Vietnam e lembra a carta de alistamento: «Recibí una carta del gobierno de EE.UU. diciendo y yo lo que menos quería era ir a la cárcel, así que fui».

Repetindo a historia de Daniel Santos, Óscar toma conciencia da situación do seu pobo na guerra. Os portorriqueños cumpriron máis de 100 anos de situación colonial, baixo varios eufemismos. Alienados cun falso benestar, sen visado en New York ou vivindo a «Vida loca» de Ricky Martin, seica esta próxima batalla da bancarrota sirva para acordar conciencias.



[i] Como consecuencia das masivas protestas pola guerra de Vietnam, o servizo militar non foi obrigatorio en EUA desde 1973.

[ii] Da autoría de Pedro Flores.

[iii] Yanki,go home era un dos temas.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.