Primeiro Aberri Eguna sen violencia

Primeiro Aberri Eguna sen violencia

Este ano celebrouse, o pasado día 8, o primeiro Aberri Eguna desde que ETA cesara definitivamente a súa actividade armada dando lugar a apertura dun proceso para resolver o conflito que xa dura cinco séculos. Foi precisamente en Iruñea, capital do reino de Navarra e de Euskal Herria, que fai agora 500 anos invadira a sangue e fogo o innomeable duque de Alba, onde as organizacións independentistas celebraron esta festividade da Patria Vasca nun acto festivo e reivindicativo que amosaba a esperanza e a alegría da sociedade vasca por esta nova situación. Os vencidos, como os denominan os españois, con panos verdes e estrelas de oito puntas, marchaban exultantes de ledicia enchendo de principio a fin todo o recorrido da manifestación convocada pola Rede Independentistak. Pensan que a independencia é necesaria para saír dese furado negro que chaman España, saben que están no bo camiño para conseguila e que loitar por ela non é ningunha quimera.

Mentres EA, Aralar, Alternatiba e a esquerda abertzale apoiaban esa marcha de Iruñea que reivindicaba a independencia para os sete territorios de Euskal Herria, o PNV, co obxectivo de xestionar o próximo Goberno Vasco, pedíalle a Madrid en Bilbo máis autonomía para Araba, Bizkaia e Donostia.

Pero que fora o primeiro ano sen a violencia de ETA a algúns non lles fixo cambiar o “chip”. Para eles non mudou nada, ou non lles gusta o novo escenario, e sacan peito facendo todo o que poden para volver aos tempos pasados, utilizando todo o que este nas súas mans, homes e mulleres vestidos de negro que actúan con unha bestialidade terrible.

Moitas veces teño escoitado o conto daqueles dous marcianos que atoparon un tricorne e a un deles non se lle ocorreu outra cousa que poñelo na cabeza; cando o outro lle preguntou que era aquela cousa contestoulle que non sabía, pero desde que o puxera na testa entráranlle unhas ganas tremendas de repartir leña. Algo parecido lles debe pasar a todos os servidores da orde nestas violentas ditaduras do capital, que xa teñan tricorne, gorra, ou embozados con burka negro que os fai impunes, como os homes comandados polo noso paisano nacido en Verín, Rodolfo Ares (Fofó, no bairro de Otxarkoaga onde se criou), aproveitan a mais mínima oportunidade para facerse notar na súa faceta máis tráxica e a única que, por desgraza para os cidadáns, desempeñan a perfección e con unha grande profesionalidade. Sen embrago noutras facetas esa profesionalidade roza o ridículo, como se pode ver no artigo Los “Balza Boys” de xa fai case seis anos.

Non fai moito puidemos ver polas cadeas de televisión como dispersaban aos do 15M os Mossos d´Esquadra ou como a policía española mallaba nos seus inimigos, os estudantes valencianos, cando protestaban polos recortes en educación.

,O celo de todas estas policías na violencia é tal que o pasado día 5, despois do partido entre o Athletic de Bilbao e o Schalke 04, sobre as 23.30, as hostes de Ares aproveitaron que supostamente dúas persoas se atopaban feridas con lesións importantes -ou que había unha lea entre dous rapaces, como tamén dixeron- para disolver con porras e pelotas de goma unha pequena praza ateigada de xente que celebraba a vitoria da súa equipa e ferindo de morte, con unha pelota lanzada a corta distancia, ao rapaz Íñigo Cabacas Liceranzu cando se atopaba cuns amigos tomando unha consumición na ventá dun bar que servía de barra. Pero claro: como estaba cerca a herriko taberna de Indautxu deberon pensar que era o lugar máis apropiado para levar a cabo unha carga indiscriminada que lles proporcionara medallas e quizais lles puido mais esa razón de peso que actuar correctamente sen violencias gratuítas como fan as policías doutros países aos que os medios españois critican e tachan de ditatoriais. Só así se pode entender ese xeito de actuar tan aterrador como o relatado por Ziortza Ruiz que se atopaba daquela no lugar dos feitos.

Pero esta morte para algúns non debe ter importancia xa que UPN, PSN e PPN negáronse a apoiar un texto no Parlamento Navarro que lamentaba a morte de Íñigo mentres a Ertzaintza se dedicara a quitar carteis que denunciaban o caso e detendo a quen os colocaba. Por iso non se pode crer a Rodolfo Ares cando por unha parte pide perdón aos familiares e por outra chama mentireiros aos que presenciaron os feitos. A xente que estaba na praza cualificou o acto de asasinato e pensa que esta acción vai quedar impune namentres os tribunais castigan con 10 anos de cadea por tirarlle merengue francés a Yolanda Barcina. Digo que esta morte non debe ter moita importancia pois tampouco Íñigo Urkullu falou dela coa saña con que o fai outras veces, por exemplo cando alguén tira ovos con pintura roxa e marela contra as paredes dun batzoki.

Tamén é curioso o trato dado a este feito polos medios de comunicación, pois o diario El País encadrábao nas páxinas de deportes o que deu pé a que alguén se preguntara con ironía porque que a queima dun caixeiro automático non a encadraban na sección de economía e case todos facían fincapé na proximidade da herriko taberna a modo de xustificación.

Por todo isto o pobo vasco quere sacudirse o xugo dos descendentes do duque de Alba que levan cincocentos anos oprimíndoo. Unha gran maioría deste pobo quere arredarse canto antes daqueles que agora queren criminalizar as protestas, aínda que sexan tan pacíficas como as de Gandhi, facendo leis para prohibir todo tipo de manifestación contra as súas decisións antipopulares, para que a única voz que se poida escoitar sexa as mentiras da súa propaganda e as únicas manifestacións permitidas as que convoquen eles con Rouco Varela na praza de Oriente.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------