Política á italiana
Percurso e ensinanzas da traxectoria política italiana dos últimos trinta anos.
Hai poucas semanas realizáronse en Italia eleccións xerais ao seu congreso e senado, nas que –a mio avviso- se manifestou a incapacidade de erguer alternativas serias e fortes para resolver os graves problemas que enfronta ese país. Para mellor valorar o saesepodes no que hoxe está metido o pobo italiano (ao igual ca outros moitos países, incluído o noso) pode ser útil ollar con perspectiva cal foi a evolución da súa política e institucións na historia recente.
Dous son os fitos que marcan este período en Italia, ambos ocorridos a principios da década dos noventa: o suicidio do Partido Comunista Italiano e os procesos coñecidos como Mani pulite e as súas consecuencias xudiciais e políticas nos seguintes anos.
Foi durante décadas o Partito Comunista Italiano (PCI) o maior partido das súas características en Europa Occidental. Dende a posguerra situouse como segunda forza política trala Democrazia Cristiana, relegando á socialdemocracia a un posto irrelevante, e só cos sucesivos acordos do resto das forzas políticas, o denominado Pentapartito, foi mantido fóra do goberno da república. Nos anos 70 e 80 acada a súa maior incidencia con preto dun terzo dos votos totais, no escenario dunha forte crise económica e social. Sucesos como o secuestro e asasinato polas Brigate Rosse de Aldo Moro, presidente democristián do consello de ministros e valedor da entrada dos comunistas no goberno, ou as fortes resistencias tanto doutros partidos como da mafia impediron que o apoio popular acadado se traducise en avanzos que non fosen a nivel local e sindical ou a desenvolver o rol de oposición. O PCI tivo numerosos debates sobre o distanciamento da liña marcada polo PCUS, sobre o eurocomunismo e verbo da relación cos socialdemócratas, mais mantivo até á fin unha forte presenza, implantación e militancia. Porén, coa queda do muro de Berlín, o secretario xeral do PCI Acchille Occhetto inicia un proceso de liquidación do partido, renunciando na práctica ao marxismo e claudicando ante o sistema capitalista. No ano 1991 o PCI disólvese para crear o Partito Democratico della Sinistra (hoxe tamén desaparecido) ficando unha parte menor dos seus 1,5 millóns de militantes integrados na Rifondazione Comunista.
A desaparición do PCI en 1991 non puido ser máis inoportuna, visto que xusto nos anos seguintes se produciría a caída do sistema político existente até entón e o xurdimento da Segunda República, co cal o comunismo non puido ter –nin sequera até hoxe- papel case ningún de influencia nesta nova fase. Foi precisamente en 1992 cando se deu comezo á serie de investigacións e procesos xudiciais chamados Mani pulite, que farían saltar polo ar o sistema de partidos xurdidos trala Segunda Guerra Mundial. A partir do descubrimento en Milano de graves casos de corrupción de salientábeis membros do Partito Socialista Italiano (Mario Chiesa é gravado pola policía recibindo o enésimo sobre con cartos dunha empresa concesionaria ao que Craxi, presidente do seu partido, cualifica inicialmente como caso único ou mazá podre), os procesos e detencións esténdense a Italia toda. A corrupción afecta á case totalidade dos partidos con imputados ao máximo nivel, por finanzamento ilícito, e non só. Expresidentes do Consello de Ministros como o socialista Bettino Craxi fuxiría finalmente ao estranxeiro para evitar a cadea, onde morrerá. Tamén outras institucións do Estado se verán envolvidas nunha voráxine que semella non ter fin. No eido empresarial numerosas firmas participan de casos de corrupción: a Fiat, a Bayer, o Fininvest de Berlusconi que non deixará dende aquela de ter unha tormentosa relación coa xudicatura,...
Medrou daquela na sociedade italiana a sensación que todo estaba podre. Os propios maxistrados que perseguiron as actividades ilegais sofreron presións e ameazas. Estendéronse os xuízos polo país enteiro durante varios anos, pero as maiores consecuencias foron a nivel político e institucional. En sucesivas eleccións os grandes partidos da chamada Prima Repúbblica entran en colapso, mentres a abstención e movementos moralizantes e de suposta rexeneración política recollen a indignación popular en parte alentada polos mass-media. A xenófoba Lega Nord –logo ela mesma receptora de fondos ilegais- consegue importantes apoios, mentres o empresario e propietario de medios de comunicación Silvio Berlusconi entra en política e substitúe o espazo da vella Democrazia Cristiana, aliado cos neofascistas do MSI-Alleanza Nazionale. Os continuos intentos de estabelecemento de alianzas e de refundacións no campo da socialdemocracia e da esquerda non fan senón continuar até hoxe cun proceso de perda de perfís ideolóxicos e de apoios que deixa espazos libres á dereita e ao populismo. Fálase dende 1994 da Seconda Repubblica, froito de numerosa lexislación que, entre outras cuestións, modificou o sistema electoral proporcional a un maioritario misto que, porén, non deu aclarado o panorama partidario italiano.
Logo de varios gobernos do bufonesco Berlusconi e da inxerencia dun Monti imposto pola Europa do capital, en febreiro deste ano realizáronse novas eleccións no país. De entre os máis de 50 partidos presentados ningún nidiamente de esquerdas obtivo representación no parlamento, fóra, en certos, aspectos do Sinistra Ecologia Libertà (SEL) coaligado co PD de Bersani, partido autodenominado de centro, con todo o que isto significa. Tanto o PD como a coalición de dereitas de Berlusconi obteñen o mesmo resultado do 29,6% e 29,2% dos votos. Unha nova formación dá a sorpresa ao situarse como terceira forza co 25,6%, o Movimento 5 Stelle de Beppe Grillo, comediante popular e populista que na onda dixital tan na moda constitúe o seu movemento a partires de grupos de amigos de Beppe Grillo, logo do fracaso de tentar ser o candidato do PD co que agora di non pactará nunca. Co verniz dun etéreo ecoloxismo as súas propostas semellan unicamente centradas na rexeneración formal da democracia burguesa, incluíndo críticas a partidos políticos e sindicatos. Panorama todo el sen dúbida descorazonador para poder enfrontar o poder do capital que campa ás súas anchas mentres o pobo italiano semella dar paus de cego.
En resume, a comprobada corrupción do sistema pode provocar a voadura dos partidos tradicionais, sen que por iso automaticamente veña unha nova política favorábel ás maiorías sociais. A deserción na loita e o desarmamento ideolóxico das organizacións e da sociedade son as verdadeiras claves que fan que calquera oportunidade de mudanzas reais do sistema, de avances para a clase traballadora e as clases populares sexan oportunidades perdidas ou mesmo pasos atrás. O poder económico e a dereita política –sexa cal for a forma en que se presentan- móvense como lampreas nas augas toldadas da corrupción e o populismo. Só organizacións fortes e a combinación de teoría e praxe acaída a cada momento poden axudar a enfrontar o enorme poder do capital con certas posibilidades de éxito. O resto son tristes fogos de artificio.