-Pobreza, ¿onde?


Non se trata de que a pobreza vaia desaparecer, tampouco lles interesa demasiado que iso pase, o que de ningunha maneira se pode permitir e que eses turistas e empresarios que tanto lle custa o goberno traer, atopen a cada paso na cidade de Panamá esa molesta indixencia que chega a infectar a barrios enteiros, convenientemente estigmatizados como"zonas vermellas", nas que nin estranxeiros ni calquer panameño cun mínimo de posibilidades debería entrar nin pola súa seguridade, nin por esa terrible posibilidade de que alguén poida pensar que Panamá e máis que un canal e unha morea de rañaceos.

Isto resume a grandes trazas a política para palia-la desigualdade social na capital, que acolle, unido aos municipios periféricos, a metade da poboación do país. Este pescozo de botella para os habitantes de menos recursos agudizouse coa entrada do novo goberno fai dous anos, a medida do maior número de proxectos e intereses en diversos sectores económicos do novo presidente, un do homes máis ricos do país; o que non quita que ata onde chega a memoria tódolos ministros de Obras Públicas estiveron ligados a empresas de construción.

Cando nos achegamos o ecuador da lexislatura -en Panamá vótase cada cinco anos e simultánea mente por alcaldes, lexisladores e presidente empezan a coller forma os grandes negocios deste período, e obviamente, agudízase o impacto social que provocan.

O primeiro barrio que sufriu cambios foi Curundú, tirado abaixo e feito de novo pola empresa brasileira Oderbrecht, que se encargou de tódalas grandes obras do derradeiro lustro.

Curundú naceu da invasión de terras privadas fai corenta anos por persoas de baixos recursos, e polo tanto, foi apartado de calquer apoio estatal, convertíndono en caldo de cultivo para a creación das bandas armadas e a venda de droga, situación que se multiplicaron a par que se deterioraban as condicións de vida dos residentes. No momento en que as casas de madeira e zinc foron retiradas deixaron a luz o pantano que anegaba o chan do barrio, creado por catro décadas de desperdicios humanos e verquidos de toda clase que ían parar o fondo das vivendas de cada habitante, e que afectaba a vida cotiá de cada un dos seus moradores.

Este proxecto de renovación urbano, que se levou cabo nun ano e medio, e foi o primeiro por seren o menos conflitivo, o ter esa área residencial un interese medio, creou unhas cinco mil vivendas en edificios multifamiliares, ocupadas cando xa se convencera a boa parte dos residente de abandonar a zona en dirección a periferia da cidade, en concreto, ao oeste, tralo canal de Panamá, onde se concentran cada vez máis en macrocidades esquecidas polo goberno como Arraiján, sen apenas servizos sociais, as persoas de baixos recursos que deixan a capital pola presión inmobiliaria.

Amais, xa se reportan as primeiras queixas dos que en teoría residirían neses apartamento, os antigos habitantes de Curundú, o resultaren certas estancias vendidas a persoas de maior poder adquisitivo.

Máis alá desta renovación experimental do barrio, xa se comezan a filtra-los os verdadeiros obxectivos da oligarquía panameña, e as forzas que chocan para conseguilos, todo isto enmarcado na fase tres dunha obra denominada Cinta Costera, as dúas primeiras partes da construción crearon unha autopista canda o mar a base de aterra-la baía de Panamá, o que tampouco evitou os embotellamentos diarios que vive a cidade.

A derradeira etapa do proxecto sería conectar esta rúa coa ponte das Américas, a vía terrestre principal que cruza o canal interoceánico, e neste punto é onde se expanden as posibilidades de negocio.

-Patrimonio da Humanidade

O principal "obstáculo" da vía e que no medio atópase o barrio costeiro de San Felipe, a antiga cidade colonial e centro de poder dende o século XVII, cando naceu tras destruír Henry Morgan e os seus piratas o asentamento inicial de Panamá Viejo en 1671 , convertíndose nun dos poucos lugares onde se concentra a historia nacional e continental, amais, o tamén coñecido coma Casco Antigo e Patrimonio da Humanidade da Unesco dende 1997.

Estas trece rúas que compoñen o casco antigo foron habitadas ate a década de 1940 pola clase alta panameña, nesa época a expansión da cidade levou aos folgados a nivel económico a outras zonas da cidade, de construción máis recente, sendo ocupado dende entón por refuxiados de catástrofes naturais e polos máis humildes debido o alto número de edificios baleiros.

Fai dez anos, ate dez mil persoas residían en San Felipe, hoxe apenas superan os dos mil, desaloxados dos recordos de unha vida a cambio dunha miseria, acadando uns 400 euros a maioría das indemnizacións, nalgún casos para restaurar a vivenda a prezos aos que a xente humilde non ten acceso e noutros so para cerralas e seguir especulando co inmoble ate que o prezo suba ao desfacerse do "problema social".

O abanico de actuacións para conseguir isto vai dende a contratación de criminais para ameaza-la xente a deixar que os edificios en pésimo estado de conservación terminen por caer, para obriga-la xente a que os abandone, sendo o lugar da República que máis o precisa, é o única barrio o que non se dedicou un dólar para restaurar edificios en todo o país.

-A obra

Aínda que en principio sería un túnel o que concretaría ámbolos sitios, o goberno deixou aberta a posibilidade de que as empresas que participasen no concurso podería presentar planos alternativos. Unha vez licitado e valorado o túnel Oderbrecht quedou coa obra, sen embargo, só coa incorporación dunha adenda ao contrato xa firmado poderíase trocar o senso completo do proxecto, acudindo representantes do estado a París para convencer a Unesco de que un recheo arredor do borde da muralla e do leito mariño sería a mellor opción.

A filtración dun vídeo do proxecto real a un medio escrito deixou as claras a intención do goberno, e alí chocan os intereses das construtoras, por unha banda Grupo Corcione e Grupo Suárez, relacionadas con presidente e o ministro de obras públicas, que buscan rechear dous millóns de metros cadrados fronte ao Chorrillo, para enchelo de rañaceos e forzar a desaparición do barrio.

Pola outra, empresas inmobiliarias que mercaron os edificios de San Felipe e teñen medo de que o aterrado por fora do barrio faga perder o título de Patrimonio da Humanidade e así se rebaixe o valor da súa inversión, tendo en conta que os directores de varios xornais nacionais, maxistrados da corte suprema e empresarios destacados residen alá.

Por iso, os choques e denuncias entre faccións a favor ou en contra do recheo nos medios de comunicación nunca falan dos desaloxos, cando máis, os "bos", que tanto aman o patrimonio e que as pedras queden no sitio, continúan presionando a diario a policía para que desaloxen os poucos veciños que aguantan no lugar, e así seguir gañando coa explotación inmobiliaria dun dos lugares máis caros do país, onde o metro cadrado pode superar os mil dólares.

-O Chorrillo

A beira de San Felipe, aparece o Chorrillo, que pecha a baía de Panamá, un dos barrios máis pobres de Panamá, na que cada anaco e pelexada por case tantas bandas armadas como rúa coas que conta. Nado polo asentamento de traballadores afroantillanos na construción do canal, limitaba coa antiga Zona do Canal de Panamá, unha franxa de 10 millas arredor da vía de soberanía norteamericana.

Orgullosos da pertenza ao lugar, os habitantes do barrio creceron apoiados pola súa proximidade o mar, converténdose a pesca e os pequenos restaurantes que antes enchían as rúas nas súas sinais características, sendo común ate fai poucos anos que cada domingo os panameños fora cal fora a súa clase social, acudirán ao Chorrillo a comer peixe frito con patacóns (unha fritura con plátano verde). Esta humildade non impediu que moitas das personaxes que dan cara a Panamá no mundo, coma o boxeador Roberto "Mano de Piedra" Durán ou o futbolista falecido Rommel Fernández proviñeran de eiqui.

Esta realidade foi trastocada pola invasión dos EUA en 1989, o Chorrillo, pola súa proximidade a Zona e por ser dos poucos lugares onde o povo opuxo resistencia, recibiu os maiores golpes daquel episodio, amais das bombas de racimo e as armas químicas que o exercito invasor experimentou en Panamá, o barrio enteiro, poboado de casa de madeiras, foi queimado polos imperialistas.

Nunca vivirán nada igual a ese episodio, as pilas de cadáveres dos panameños nas rúas, os asaltos casa por casa de militares sobreentrenados, e o lume final que tentou borrar a imaxe da sangue regando o piso trastocou completamente a mentalidade dos residentes. O medo, e a accesibilidade as miles de armas que quedaron soltas polo país fixeron o resto. Todo este proceso coa indiferenza das institución estatais, beneficiada polos camiños da corrupción o converterse o Chorrillo nun área de chegada e distribución de droga.

Con todo isto, o barrio que pisan e unha das xoias da coroa das posibilidades inmobiliarias en Panamá, sempre ávida de zonas costeiras, cunha situación xeográfica magnífica, lindando co Cerro Ancón, San Felipe e o mar, teñen acceso directo as estradas máis importantes do país, isto xerou dende fai anos presión cara os seus habitantes para que deixen a zona, o que parece que se vai concretar con esta obra, dado que xa se están formalizando as compras de terreo e se planea a intervención do Bope, unha sección especial da policía con adestramento militar.

O reflexo disto, e que distritos antes tranquilos coma Arraiján, están repetindo os patróns de violencia que levan os expulsados cara alá, creándose xa as primeiras bandas organizadas, que sen representar nin de lonxe a maioría da poboación destes lares, rematan por atemorizala e repeti-los estigmas que moitos xa sufrían, o gran diferenza e que esa terra nova xa non vale tanto, e se antes non se fixo nada por eles, menos esperanzas quedarán cando a pobreza de moitos xa non chegue aos ollos dos turistas, ate o de agora, o que máis semella importar.