Perú: retórica da desesperación
É imposíbel unha campaña electoral no Perú en que non estea presente a sombra de Mario Vargas Llosa. A súa «sombra» é a súa opinión sobre o candidato que votará na segunda volta, cando só hai dous para elixir. Todos os anteriores candidatos de Vargas Llosa están presos ou en busca e captura, polo que nestas últimas eleccións a elección da opción de Keiko, filla do seu maior inimigo, estaba máis que anunciada, porque cumpría os dous requisitos: estaba presa e despois da campaña una orde xudicial pedía a súa detención.
O «mal coñecido» (Keiko Fujimori) foi a elección unánime dunha burguesía peruana temerosa ante un Pedro Castillo apoiado maioritariamente no interior do país, sen nada que ocultar e moito que mostrar, e que, ademais, forma parte deses millóns de seres invisíbeis que os limeños alcuman como terrucos, que nos media nin sequera contaban na intención de voto… non existían, non aparecían nas enquisas ni na vida dunha burguesía limeña afeita a invisibilizar a ¾ da poboación peruana.
Foi un duro golpe ver que un profesor de humildes nenos, sen máis medios que o pobo, lograse derrubar o xigantesco poderío do status quo limeño. Nin Alejandro Toledo, que fachendeaba de cholo e de limpabotas na súa nenez, pode equipararse a Castillo. Toledo era xa un político que viña de estudar e dar aulas en Standford, é dicir, un candidato tan ao gusto dos estadounidenses que hoxe, tras requirimento de extradición xudicial, non é entregado por Estados Unidos ás autoridades peruanas.
O «milagre económico» peruano[i] estaba desinchado como modelo no inicio da pandemia. Combinou investimentos estatais, impostos á extracción mineira e algo que non se di, as remesas dos millóns de peruanos na emigración. No Perú 4 de cada 10 persoas son autoempregadas (informales para os peruanos) sen posibilidade de prestacións sociais ou axudas que tiveron que saír á rúa, gañar a vida e perdela unha vez infectados polo Covid, sendo Perú un dos países coa taxa máis alta de decesos pola pandemia no mundo.
Vargas Llosa que, ademais de escritor, é nigromante declarou «que el nuevo régimen (Castillo) traerá hambre y desocupación a su país, y una corrupción ilimitada en el manejo del aparato del Estado».
Estou convencido que nada diso sucederá. En primeiro lugar, porque as dotes adiviñas de Vargas Llosa non acertaron con ningún dos seus anteriores candidatos que, segundo el, eran unha marabilla.
Pedro Castillo demostrou capacidade de traballo e de organización na campaña. El e Verónika Mendoza foron os únicos candidatos con ideas durante a campaña e os debates e xa temos abundantes cifras macroeconómicas que sitúan o país nun crecemento sen precedentes que baten frontalmente con milleiros de peruanos que faleceron na pandemia porque, se non saían á rúa, non comían nin eles nin os seus.
«No más pobres en un país rico» proclamou este mestre incansábel, co seu sombreiro cajamarquino. Esperamos o mellor deste «David» que ten o status quo en contra…. Menos o pobo, que maioritariamente apostou por una vida máis digna e por un membro dese mesmo pobo para conseguila.
[1] Título tomado dun artigo de Vargas Llosa en El País sobre as eleccións peruanas.
[i] Segundo The Economist, entre 2001 e 2016 a economía peruana medraba a unha taxa anual do 5,6% e a porcentaxe de pobres pasou dun 60% a un 21%. Por suposto as cifras macroeconómicas son capciosas e nunca reflicten a verdadeira vida do home a da muller da rúa, a microeconomía da sobrevivencia.
Xurxo Martiz Crespo