Palabras feridas
Cantaba Silvio Rodríguez nun dos seus éxitos "a covardía é asunto dos homes" e dende logo que acertaba de pleno. Non fai falla escarvar moito para ver a miseria que nos rodea e non falo precisamente de asuntos monetarios senón de intelectualidade ou, se mo permiten, de entusiasmo, vamos o que en termos pedagóxicos se chama actitude.
A crise institucional no mundo árabe (como lle chaman os dogmáticos plumas da corte imperial) é un bo exemplo da fuxida ideolóxica que nos mostra este nutrido grupo de parias de caste superior ao servizo da intelixencia económica e política. Non vos parece que agora que os propios cidadáns deses pobos tomaron a iniciativa lexítima de loitar polos seus intereses como grupo (escapo do vocábulo sociedade) para restaurar ou iniciar outro tipo de participación no futuro das súas políticas no seu amplo espectro aparecen esas voces tan solemnes clamando polas democracias asoballadas durante tanto tempo sen ter pronunciado unha soa palabra durante os anos de secuestro legal ao que se viron sometidos? Están, sigo preguntando, esas voces autorizadas moralmente a falar neses termos mentres durante todo ese tempo aproveitáronse da produtividade desa xente mediante a explotación dos seus recursos, dos seus mercados, etc, sen dicir nada?, onde estaban logo e onde están para seguir randeándose nesa perigosa rede de tea de araña que só deixa ver un anaco da vergoña propia?. Non lembro a ningunha desas meritorias editoriais falando de Kuwait, de Arabia e de tantos outros países que ao cambio de deixar escapar as súas fontes naturais de riqueza someten ao seu propio pobo á máis ruín das miserias, a propia identificación, a liberdade en maiúsculas, a identificación de ser persoas.
Onte, por un casual (que conste) escoitaba na cadea cope unha noticia que falaba da suspensión do gran premio de Bahréin de formula I, por non garantir a seguridade da mencionada proba, e dicíano ademais co nada contraído énfase de asociar ese gran premio e todo o que o envolve á corrupción dos gobernantes dese país, á vergoña desnaturalizada da pobreza contra un mundo distinto, das prevaricacións fronte á miseria xeral. Curiosamente a min (será que non dou para máis) veume á cabeza outro gran premio de Formula I, o de Valencia, onde parece que as prevaricacións, os lustrosos palcos acollendo aos convidados de toda índole e as presións para supeditar a realización dese gran premio ao éxito dun partido político concreto mostrábanme un mundo non tan distante como poderíamos pensar ou imaxinar.
A covardía é asunto dos homes e somos nos os únicos responsables do seu éxito. Todos estes días podemos ver como esas palabras outrora acendidas, cargadas de poder (incluso ira en algún momento) de seguridade hoxe son monecos rotos nas mans de quen se dedica a roubar na memoria. Lembrades ao presidente da Xunta de Galicia prometendo acabar con todo o malo e hoxe transformando esa pírrica e esperpéntica anunciación nun simple mutismo ou na Lei do máis silencioso, escapar pola porta de atrás, NON TEÑO COMPETENCIAS. Evidentemente o Sr. Feixóo é dobremente mentireiro, primeiro por mentir nese prognóstico electoral de salvador celestial (contaría supoño coa axuda de Deus) e mentireiro por falar de competencias, xa que de non telas xa estaría no certo antes de presentarse (recordemos que xa tivera responsabilidades de goberno). Máis en definitiva, terei que darlle a razón, o presidente da xunta é un incompetente e mais nada, dende o momento en que asumamos isto seremos aínda un pouco máis libre. Pero a parte de incompetente tamén compre resaltar que é covarde e, por riba, con esa covardía premeditada e maliciosa. Eu querería preguntarlle á xente que votou ao PP se o farían hoxe, se contemplaron a sucesión de acontecementos dun presidente que se declara incompetente sen facer nada, que non di ren sobre o tema das caixas galegas por medo ou por rédito electoral (mais ben ao contrario) xa que o seu partido está de acordo co que se está facendo e tampouco son quen de dicilo en público, dun presidente que non sabe defender os sectores primarios senón que se dedica a recortarlle axudas con voltas para diante e voltas para atrás (mirade as voltas que lle deu ao contrato de explotación sustentable), un presidente, en definitiva, que non ten gañas de facer nada polo noso país. Eu aínda recordo co suave recendo da xente que se baleira nos demais e como se tiñan afrontado os problemas dende a Consellaría do Medio Rural, coa forza e co entusiasmo preciso para ser máis libres, nin mais nin menos, con equivocacións pero con gañas.
Hoxe, amigos e amigas case podería dicir que temos un presidente insubmiso, insubmiso aos seus gobernantes. Será tempo de preguntarlles se aínda acreditan na palabra dun mentireiro, dun covarde que só é capaz de ferir as palabras e desprestixiar o traballo da xente que si quere facer cousas en beneficio de todos e de todo.