Oxalá que siga subindo o níquel!

Oxalá que siga subindo o níquel!

O níquel, metal utilizado na fabricación de aceiros especiais, é unha das materias primas que está recuperando o alto prezo que tiña antes do inicio da actual crise economico-financeira. De xaneiro de 2009 a xaneiro do 2010, o prezo aumentou nun 91%, chegando aos 19.500 € por tonelada a finais de marzo, lonxe aínda dos 31.200 € de promedio que chegou a valer no 2007, pero con perspectivas de seguir aumentando durante o ano. Tamén se recupera o prezo do cobalto, metal utilizado nos aceiros rápidos e no endurecemento das ferramentas cortantes. É unha boa noticia para Cuba, País con elevados índices de extracción e reservas nestes dous metais que, a maiores, teñen un importante peso no conxunto das exportacións e, por conseguinte, na captación de divisas.

A finais do 2005, Fidel Castro estivo na Universidade d'A Habana para conmemorar o 60 aniversario do seu ingreso na universidade e pronunciou un discurso que moitos consideran o seu testamento político, pois meses despois a enfermidade retirouno da primeira liña no Goberno e no Partido Comunista. Nun momento da súa intervención, longamente preparada segundo el mesmo expresou, manifestou: "Este País pode autodestruírse por si mesmo; esta Revolución pode destruírse, os que non poden destruíla hoxe son eles; nós si, nós podemos destruíla e sería culpa nosa". Fidel denunciou abertamente e sen eufemismos a corrupción imperante en numerosos sectores da produción e dos servizos. Utilizou exemplos reais para sinalar prácticas delictivas, incluíndo o roubo, en moi diversos sectores - transporte, enerxía, industria... - por numerosos traballadores e directivos. De igual maneira foi implacábel na crítica á cegueira dos economistas empeñados en manter o cultivo da cana de azucre no centro da economía cubana.

A intervención de Fidel tivo a virtude - e a grandeza e valentía - de recoñecer publicamente unha das graves eivas internas da sociedade cubana, poñéndoa diante dun espello e dando inicio a unha ola de análise autocrítica que, impulsada polo Partido e as organizacións de masas recorreu toda a illa. Outras deficiencias e distorsións deixaron de ser temas tabú: indisciplina e absentismo laboral, desinterese no traballo, xestión rutineira das empresas, produtividade baixísima, distribución irracional do emprego...

Uns meses despois, Raúl Castro substitúe a Fidel á fronte do Goberno, dando paso a unha paulatina, mais moi importante, mudanza nas leis sociolaborais, nos métodos de xestión e no proteccionismo do Estado. A situación económica non permite demoras na aplicación de medidas correctoras, mesmo aquelas que poden entrar en contradición con "principios" que parecían inmutábeis.

Raúl conta con varias vantaxes e características que fan máis asumíbeis os cambios introducidos. É irmán de Fidel, é comandante da Revolución, dirixiu o exército - unha espiña dorsal nun Estado sometido a unha permanente ameaza militar - con brillantez e ten experiencia na xestión eficiente. O exército cubano ten, desde hai moitos anos, un numeroso grupo de empresas en diversos sectores - principalmente no turismo e na agricultura - con dependencia e xestión directa da institución militar. Son de sobra coñecidas as gravísimas consecuencias negativas provocadas na economía cubana pola caída do bloque socialista e a desaparición da URSS; neses difíciles anos, coñecidos como "período especial" as empresas xestionadas polo exército ensaiaron novos métodos de toma de decisións, xestión directiva e relacións laborais con resultados moi alentadores. Hai unha opinión xeneralizada en Cuba de que esas empresas eran as máis solventes e produtivas da illa.

Son os métodos empresariais aplicados polo exército nas súas empresas, os que agora están sendo incorporados ao conxunto do tecido económico cubano, tanto na industria como na agroindustria ou nos servizos. Coñecido como "perfeccionamento empresarial", a arquitectura central do método xa aparece descrito en "Romper o cerco", libro concibido a base de entrevistas realizadas por Isabel Rauber e publicado hai nove anos en edición a cargo da central sindical cubana CTC. Descentralización das decisións, capacidade executiva das dirección da empresa para tomar decisións operativas, de xestión e de produción; adecuación das plantillas ás necesidades da produción; salario móbil con eliminación dos topes salariais; ligazón entre salario e produtividade; disciplina laboral... son algúns dos principios aplicados. E simultaneamente, e por veces o máis difícil, discusións abondosas sobre a necesidade de introducir estes cambios e arrumar definitivamente o burocratismo, o inmobilismo e as rutinas de moitos anos. Cambio de método na produción, cambio de mentalidade no traballador.

Ao tempo que se xeneraliza a aplicación do "perfeccionamento empresarial" en toda a illa, o Goberno introduciu outras medidas "para estimular as forzas produtivas e posibilitar a elevación de ingresos": aumento da idade de xubilación; autorización para "ter máis de un contrato de traballo e percibir o salario correspondente", excluíndo do pluriemprego a dirixentes estatais, profesionais sanitarios, investigadores, profesores e auditores; legalización do traballo a tempo parcial para estudantes de bacharelato e universidade...

Citemos só dúas actuacións realizadas en outras frontes. Para reducir a importación de alimentos e aumentar a oferta de produtos agrícolas, adxudicáronse varios miles de hectáreas de terra produtiva a particulares e cooperativas; para diminuír o gasto enerxético substituíronse todas as bombillas por outras de baixo consumo ao tempo que se reduciron as perdas eléctricas reparando ou substituíndo as redes de distribución e transporte.

O goberno presidido por Raúl Castro eliminou varias prohibicións que pesaban sobre a poboación cubana, autorizando a estadía en hoteis reservados para turistas, permitindo a compra de obxectos electrónicos para o fogar, de teléfonos móbiles, electrodomésticos, computadoras... Estas medidas permitiron captar divisas en poder das familias, pero máis alá da súa incidencia económica foron especialmente importantes polo impacto psicolóxico e simbólico na poboación.

O abano de medidas e iniciativas encamiñadas a dinamizar a economía do País e a aumentar o benestar da poboación foi, e segue a ser, moi amplo e multidireccional e non sendo sempre foron ben recibidas, Mais o certo é que as novas directrices económicas axudaron a manter e impulsar un crecemento económico importante que medido en términos do PIB foi do 11,8% no 2005, do 12,5% no 2006 e do 7,5% en 2007.

Infelizmente, o ano 2008 foi un ano aciago para Cuba. Aos primeiros síntomas da crise económico-financeira mundial engadíronse as catástrofes naturais. Tres furacáns asolaron Cuba nun período moi curto de tempo causando perdas estimadas en 8.000 millóns de euros, equivalentes ao 20% da súa produción económica anual. Como consecuencia de todo elo o crecemento do PIB nese ano, sendo importante, quedou no 4%. Xa no 2009, coa crise recorrendo o planeta, o PIB cubano tivo, pese a todo, un lixeiro crecemento cifrado no 1,4%.

A crise castigou, e aínda castiga, grandemente a Cuba que ten unha importante dependencia das importacións de productos enerxéticos e alimentarios. Obrigada por mor do bloqueo norteamericano a pagar as compras en condicións moi desvantaxosas e a uns prezos moi superiores aos que rexen no comercio internacional, Cuba necesita dispor dunha abondosa reserva de divisas. Pero se os prezos internacionais das mercadorías exportadas (níquel, cobalto...) caen e os das importacións (alimentos...) soben, o desequilibrio na liquidez pode ser preocupante, e mais aínda no caso cubano no que a taxa de cobertura está moi por baixo do 50%. Se a isto lle sumamos a diminución das remesas enviadas polos cubanos do exterior e a frouxa temporada turística, é doado comprender o serio problema de liquidez que atravesa Cuba.

As perspectivas para o 2010 non son moi optimistas e os resultados estarán moi condicionados polo desenlace das negociacións en curso para reprogramar a débeda. Con todo, as previsións son de que o PIB medrará un 1,9% en computo anual.

Permítaseme acabar plaxiando a José Luis Guerra: Oxalá que siga subindo o níquel!