Outra volta de rosca no tempo

Outra volta de rosca no tempo

A posible solución definitiva para o conflito do Sahara Occidental permanece estancada sen que nada faga prever a súa próxima conclusión nun prazo de tempo aproximado. Nin do posicionamento actual das partes enfrontadas, o reino de Marrocos e a Fronte POLISARIO, nin da actitude política excesivamente cauta da comunidade internacional se pode esperar un cambio nesa dinámica de pasividade indolente que prexudica gravemente e provoca a incerteza nas sociedades afectadas por ese estancamento.

Esta tesitura ten levado a unha virtual paralización da situación política que condiciona ao conflito e, con iso incrementou as dificultades e afectado de xeito moi negativo ás dúas sociedades directamente implicadas neste: a marroquí e a saharauí, moito máis vulnerables que os seus propios estados. Ambas as dúas perciben como se acentúa a carencia dunha perspectiva razoable de futuro, condicionadas por un presente sempre en risco de impugnación, pendente de resolución, desequilibrado e incerto. Unha situación que tamén inflúe no conxunto do Magreb, na xeopolítica do vasto Sahara e que non deixa de afectar ao continente africano, ao mundo islámico e, en definitiva, a toda a comunidade internacional. E que, por iso, precisa dun tratamento que aborde non só a dimensión bilateral do problema senón tamén os seus posibles efectos nos diferentes contextos nos que esta problemática, particular e concreta, interactuar. Unha perspectiva bastante máis complexa da que habitualmente manexan quen asumen a responsabilidade de favorecer a súa resolución e xerar as condicións máis favorables para iso.

Dende esa urxencia colectiva que implica a busca de resultados e compromisos estables e inaprazables, o obxectivo perfilado non é outro senón o de concibir e formalizar unha hipótese de traballo flexible e factible, unha posible ruta, que intente abrir paso á pacificación, á negociación efectiva e ao desbloqueo dos seus posibles condicionantes. Un texto que se constitúa en ferramenta para a reflexión e a discusión de novas opcións a explorar; e que posibilite a formulación de diferentes opcións e perspectivas en torno aos problemas abordados, dende as que actualizar e renovar a percepción e o entendemento das cuestións e favorecer, con iso, as súas posibilidades introspectivas e a súa operatividade práctica.

Propiciando, ese sería o noso desexo, un diálogo beneficioso para o entendemento de ambas as dúas partes dende a constatación das súas diferenzas, cuxa consecución está moito máis alá do noso horizonte.

En definitiva, son os intereses implicados os que teñen a capacidade plena para asumir os seus retos e decisións; algo que só a eles lles compete e no que para nada quixera influír quen trata de facilitarlles novos elementos e argumentos que os inciten e sirvan nas súas posibles estratexias. Formulado de forma explicitamente neutral, aínda que non a partir dunha escritura neutra senón comprometida, o noso reto asume a posibilidade de formular libremente e sen restrición algunha a súa formulación; e deixa, para os diferentes actores involucrados neste contencioso, a delicada responsabilidade de establecer as condicións fácticas para unha busca de solucións que, no contexto actual, xulgamos precisa, imprescindible e inaprazable aínda que farto dificultosa.

Porque, é un feito contundente e irrebatible, que os anos pasan de forma inexorable e, con eles, cambian as circunstancias que afectan aos diferentes contextos operativos, creando novas conxunturas que varían e transforman as opcións e os obxectivos. Un argumento, asumímolo, de nulo valor dende o punto de vista xurídico, e que ten en relativa conta a esencia das cuestións, pero que resulta coherente dende unha perspectiva basicamente histórica como a que aquí adoptamos. Menos preocupada pola natureza e lexitimidade dos dereitos que polos procedementos que as sociedades conciben para esforzarse por poñelos en práctica.

Aínda é factible, se se considera que paga a pena, apostar pola estabilidade, a cooperación e o entendemento na zona como un legado que transmitir, sen hipotecas, aos descendentes das próximas xeracións. Unha opción a considerar e avaliar que precisaría da coraxe e a vontade necesaria, pero tamén de profundos cambios de estratexia e actitude que deberían asumir tanto os directamente implicados coma o conxunto de poderes e intereses que os rodea.

Aínda hai marxe, cada vez máis escasa, para asumir a confirmación dese fracaso e reverter a enerxía necesaria para o uso da forza nun esforzo máis creativo e palpable; arriscando decididamente pola vida, pero non en favor de calquera tipo de vida.

E é que, afondando nos nosos argumentos, ese contencioso hai tempo que deixou de poder ser abordado como un problema bilateral ou un mero litixio fronteirizo. Por moito que afecte, en maior medida, aos principais litigantes ninguén pode estimar que as súas consecuencias non afecten a outras instancias ou problemáticas aparentemente alleas. É evidente que a súa existencia ten unha influencia negativa nas relacións entre Alxeria e Marrocos e, por engadido, na operatividade dese organismo de cooperación mercantil que pretendía ser a Unión do Magreb Árabe. Como afecta ás relacións bilaterais entre Marrocos e España e, por extensión, á política da Unión Europea que nunca poderá ter influencia real na zona mentres considere vital a súa relación preferente co reino alauita en detrimento dunha proxección multilateral. Do mesmo modo que inciden nos retos a afrontar por todo o occidente do continente africano.

O seu peche en falso ou a súa axeitada resolución terán peso no futuro da Unión magrebí, como o terán na seguridade e a estabilidade do Sahara, hoxe fortemente convulsionado polas súas propias contradicións internas e polo desafortunado intervencionismo das potencias occidentais. De aí a urxencia por resolver a única disensión na zona á que se lograra reconducir cara á opción da negociación política. O seu fracaso podería contribuír a incrementar a conflitividade e a inestabilidade de todo o ámbito, no plano político e militar, por decenios. Os exemplos aínda sangrantes de Libia, Mali ou Sirya deberían de servir de seria advertencia sobre as nefastas consecuencias duns enfrontamentos sen outros obxectivos definidos que non sexan a busca de novos equilibrios de poder e, que, polo mesmo, carecen de calquera previsión ou plan para a súa finalización. Un panorama de desoladora inseguridade e unha incómoda antesala das murallas da prosperidade e do capital tras as que se refuxia Europa.

Unha situación á que non é en absoluto alleo o resto do continente, na súa aposta por favorecer unha política de concertación coordinada a través da Unión Africana, na que os mesmos africanos asuman a construción dos seus retos futuros dende a cooperación e o entendemento. E que senten, igualmente, que lles afecta as grandes potencias que se disputan a hexemonía mundial e que saben, por experiencia, que as vantaxes se constrúen non a partir das grandes decisións senón sobre a base dunha continuada serie de pequenas intervencións; fronte ás que só poden opoñerse accións igualmente definidas e coordinadas que conformen novas maiorías. A máxima divide et impera segue sendo operativa, hoxe como o foi nas orixes do poder da Roma antiga, para construír posibles supremacías políticas ou conseguir unha maior efectividade no combate. Se os prazos para o acordo se alongan e se dilatan ata a extenuación e ninguén se preocupa por poñerlles fin de xeito efectivo, cabería considerar o interrogante daquel quen ou quen son os posibles beneficiarios do mantemento desa situación. Algo que está fose dos propósitos deste texto pero que non debería deixar de inquietarnos á hora de valorar os seus efectos e as solucións a adoptar.

Posto que recoñecemos que os tempos cambian e, con eles, as circunstancias que afectan ao proceso e que, nel, nada se manifesta como idéntico ao anterior senón como diferente, teriamos que saber entender e aceptar a posibilidade de explorar novas actitudes e procedementos para os que resultaría primordial que os representantes marroquís e saharauís entendesen o seu compromiso de forma consciente, e aceptasen a súa responsabilidade histórica e a súa función representativa non dende unha posición carismática ou profética senón como resultado dun mandato imperativo colectivo, encarnación dunha vontade popular. Garantes da fluidez das súas actuacións, como o serían do futuro das súas respectivas sociedades, integradas nese esforzo negociador.

Sen dúbida, a primeira condición previa para facilitar o proceso de diálogo, e que nunca foi abordada de forma directa polos diferentes negociadores propiciados polas Nacións Unidas, é a esixencia dun recoñecemento mutuo, da identificación do outro, do contrario, como un igual con razóns distintas. Esta esixencia é un paso previo primordial para calquera achegamento efectivo. Algo que parecería doado pero que, non obstante, nunca se produciu; pola contra, se facemos un rápido análises sobre o léxico utilizado para caracterizar a parte antagonista encontrariámonos cunha linguaxe que pretende perpetuar o conflito frontal coa utilización dun vocabulario insultante e desmesurado, cheo de intencións e falto de contidos; algo especialmente evidente en relación coas análises da prensa marroquí ou o contido das mensaxes emitidas a través da rede informática. Trataríase de plasmar unha guerra ideolóxica, pola suposta conquista da opinión pública internacional, entendendo o valor que esta puidese adquirir á hora de apoiar ou ratificar unha hipotética decisión en favor de calquera das partes. Podería cuestionarse, mesmo considerar se existen opinións ou análise que non sexan partidarios.


,Non parece razoable nin útil para a resolución deste problema que os organismos que median e supervisan nese proceso non esixan das partes o maior respecto e denuncien a súa utilización de argumentos disparatados ou interesadamente falsos. E se, esa estratexia a executa a parte de maior peso específico, o resultado de toda esa renuncia fai que creza a desigualdade entre as posicións, unha actitude bastante afastada do factor de equilibrio que as institucións internacionais deberían ser na súa condición de árbitros e intermediarios; moi afastados da súa verdadeira función e da necesaria equidade que permita avanzar no logro de resultados. Non pode construírse ningunha solución viable e con futuro se non existe o recoñecemento expreso e patente do outro como un igual. É a base elemental do respecto dende o que poden ser consideradas e valoradas as diferenzas. Todo o demais sería o froito dun comercio no que o beneficio se conseguise co maior engano e o triunfo favorecese o máis inicuo; nun mundo dislocado e sen lei no que o destino inexorable dos pequenos fose engordar o bandullo dos grandes.

Outra das cuestións importantes para esa previa creación de condicións preparatorias do diálogo debería de ser a paulatina elaboración dun vocabulario común para identificar os problemas e as situacións. Poñamos un exemplo: se os saharauís denominan "ocupación e conquista militar" ao que os marroquís definen como "reintegración no seo da nación" encontrámonos ante un desencontro que non só indica unha valoración distinta dun mesmo acontecemento senón unha diferenza discursiva que resalta o mutuo desentendemento. Os matices dos usos semánticos achegan ou afastan e manifestan, de forma evidente, a vontade coa que as partes dialogantes afrontan a súa interlocución. Canto maiores sexan as disimilitudes que se evidencian na linguaxe utilizada máis profundas serán as diferenzas a abordar e menores as posibilidades de encontrar un diagnóstico común aproximado.

Outro factor a concibir e materializar nese hipotético establecemento das condicións previas á negociación debería de abordar a construción dalgúns dos elementos básicos dunha memoria común acerca do sucedido que se constitúa no mellor antídoto para evitar a súa repetición a curto prazo e constitúa un posible nexo de entendemento. Aquí poderíanse definir os seus carácteres con maior claridade. O punto común para constituír esa memoria debería de ser o rexeitamento radical á barbarie e a violencia desatadas como consecuencia da guerra. Dende o rexeitamento da morte inicua e sen sentido debería de tecerse a conciencia do respecto, a comprensión das dificultades da historia, a estima do valor do sacrificio e a insensata inutilidade da tortura. Sacar á luz do día esas historias que o son da sociedade enteira, pero que afectan a persoas e a familias con rostro, e marcaron as súas vivencias e as súas mentes máis aínda que os seus corpos, é unha terapia sandadora e, á vez, a posibilidade atinada de dar sentido para todos ao seu sufrimento individual. Non haberá superación das feridas sociais que non respecte o valor dos danos particulares. Outro esforzo sobre o que traballar sen descanso ao tempo que se abordan os problemas políticos, principal obxectivo da negociación.

No seu informe, recollido no Boletín de recursos de información do Centro de Documentación Hegoa, Carlos Martín Beristáin non dubida en sinalar unha serie de puntos que, entende, constituirían unha axenda para a transformación do conflito e o desbloqueo do sufrimento cívico; entre os que destacaría a desmilitarización da vida cotiá, a necesidade de reparación e a normalización das exhumacións e o dereito ao duelo, como aquelas que afectan especialmente á vida diaria dos afectados e afectadas. Se se concitase a vontade suficiente como para avanzar no proceso de fundamentar estas precondicións, podería lograrse un avance fundamental no recoñecemento do contrario como persoa humana, como igual, só distinto na súa diferente apreciación das cousas. E, a partir desa percepción, construír as bases do respecto mutuo que permitan achegar as linguaxes diferentes a un nivel de signos e significados comúns. Dende o que intentar abordar os elementos dunha historia común dende o recoñecemento do dano, o perdón e a vontade do desagravio mutuo.

Nada mellor que asentar este razoamento nos pensamentos de dous grandes loitadores, de dous grandes homes, que souberon sobrepoñerse ao seu propio sufrimento e facer da humillación e da derrota persoal unha vitoria para toda a humanidade. Dicía José Mujica, o ex-presidente de Uruguai, encarcerado e torturado, que "a política é a loita para que a maioría da xente viva mellor e vivir mellor non é só ter máis senón é ser máis feliz" e que "a liberdade é para que se poida pensar distinto, porque para estar de acordo non se precisa liberdade,". A nosa outra referencia é o soñador dunha África en paz consigo mesmo malia todas as vexacións, Nelson Mandela, para quen "ser libre non é soamente desamarrarse as propias cadeas, senón vivir dunha forma que respecte e mellore a liberdade dos demais" e que traza as bases de todo camiño de reconciliación cando sinala que "se queres facer a paz co teu inimigo tes que traballar con el. Entón convértese no teu compañeiro". Dous bos contrapuntos para a reflexión.

Iniciados estes primeiros pasos sería o momento de desenvolver un proceso de auténtica negociación na que os tempos veñan marcados non por prazos prefixados senón pola consecución de cada un dos obxectivos propostos, cuxa plasmación supoñerá a mellor verificación de que as dúas partes apostan por consolidar a paz global no contencioso e en toda a rexión. Ese labor debería de seguir reservada en última instancia, segundo a nosa perspectiva, a ONU pero conviría asumir cambios significativos na metodoloxía da xestión e observación do labor de mediación. Pode non ser inapropiado que exista un representante especial do Secretario Xeral que coordine o seguimento puntual dos temas e manteña constantes contactos bilaterais con ambas as dúas partes, pero a MINURSO, como tal, debería de desaparecer deste horizonte polo descrédito gañado ao longo de todos estes anos. A súa "neutralidade" enganosa, a súa falta de definición no momento de desenvolver calquera labor de mediación ou interposición desgastou totalmente a confianza que se podía ter respecto á súa actuación. Algo parello ao labor do chamado "Grupo de Amigos do Sahara Occidental" nas Nacións Unidas cuxo papel non parece xustificado se consideramos os resultados prácticos da súa xestión, sen dar ningún paso que propiciase avanzar na solución deste conflito mediante unha acción diplomática coordinada.

Cremos que, o momento presente, implica apostar por outro tipo de propostas e, neste caso, arriscarse, dende o propio marco do máximo organismo internacional, a favor de que África pase a asumir a responsabilidade directa sobre asuntos, como este, que directamente o afectan. Dende esa concepción, a Unión Africana debería de ser o organismo delegado pola Asemblea Xeral para desenvolver a supervisión do proceso, e, ao seu lado, a Unión do Magreb Árabe, na que están integrados todos os estados da rexión membros da citada organización e signatarios da súa Carta Magna. Estes dous organismos deberían de traballar de xeito continuo coas partes, no esforzo para levar adiante unha negociación efectiva de cada un dos puntos a resolver. E deberían de ser os que establecesen a composición dunha nova misión, máis reducida e operativa, para a supervisión cotiá dos problemas. En todo caso, deberíase de favorecer unha maior implicación do continente e a rexión afectada polo conflito na busca de fórmulas para abordar unha conclusión desexada. E por suposto, o funcionamento dunha mesa de diálogo entre as partes cun funcionamento que considerase reunións periódicas.

O programa dese proxecto de arranxo debería de considerar unha serie de obxectivos ou fases cuxa consecución permitise ratificar a viabilidade do proceso en si. Calquera intento de bloqueo ou atraso inxustificado neste, toda interpretación errada ou discutible da súa posta en práctica, podería ser denunciada ante a opinión pública e sometida a responsabilidades ante a comunidade internacional de nacións.

O primeiro punto indeclinable de todo posible entendemento debería de ser o da liberación inmediata e sen reservas de todos os prisioneiros políticos e de opinión. Para iso debería de confeccionarse unha lista única na que se incluísen os detidos nos cárceres marroquís e os que, a xuízo de Marrocos, estivesen retido pola Fronte POLISARIO en nome da República Árabe Saharauí Democrática. E acordarse a súa liberación supervisada sen ningún tipo de condición ou de requisito. A liberación dos detidos tería que constituír un primeiro paso cara a adiante para adoptar medidas de liberdade e normalización social. E a continuación, determinar o xeito de permitir e autorizar todo tipo de organizacións sociais e políticas pacíficas que teñan presenza na comunidade, incluíndo, naturalmente, aquelas que defendan posicións diferentes que as maioritarias no contexto de cada sociedade.


,Ese proceso de relaxamento e normalización da vida política debería de dar paso a outro punto, dentro da negociación, que permitiría asegurar a libre circulación das persoas entre as súas diferentes zonas de asentamento, tanto por vía aérea ou marítima coma polas fronteiras terrestres. Esa posibilidade de tránsito controlado pero fluído e seguro debería de permitir un maior grao de normalización da vida da zona e contribuír, paradoxalmente, a garantir unha maior seguridade nesta.

Establecidas as bases para unha progresiva relaxación das tensións políticas e sociais mediante a consecución dunha primeira serie de resultados palpables, cuxo significado e importancia é posible avaliar, debería de abordarse unha das cuestións máis complexas e delicadas a formular: o control sobre o uso dos recursos económicos e bens do territorio. Un dereito en principio a compartir pero, tamén, a delimitar con meticulosidade e precisión.

Se a adopción destas medidas se fose materializando, a vida da poboación saharauí e da cidadanía marroquí experimentaría un considerable avance cara á normalización dos seus comportamentos, liberados da tensión inherente ao propio conflito e en disposición de atender prioritariamente aos seus propios asuntos, pero tamén de asumir a súa cota de participación cívica. Con responsabilidade, e sen medos ou reservas, asumindo o seu papel activo na consolidación destes procesos. Un momento adecuado para tratar de materializar unha progresiva desmilitarización da vida pública, singularmente no territorio do Sahara Occidental, restituíndo ás forzas armadas na súa xenuína función defensiva ou na preparación para hipotéticas accións militares, á marxe das actuacións que teñan que ver coa orde pública.

Se o progresivo acceso aos pasos anteriores se concretase e formalizase estaríase en condicións de asegurar que ese clima de distensión e de liberdade política alcanzase non só aos habitantes da zona senón a todos os visitantes e organismos de cooperación, cuxa presenza debería de asegurarse e non impedirse, e cuxa capacidade de acción se definirá na medida que teña efectividade, sen mediatizar a dinámica política dos cidadáns dos diferentes ámbitos territoriais.

Esa apertura deberá de ser total á hora de colaborar coas misións que lles corresponden aos mediadores e observadores internacionais designados. Esta é unha das condicións máis esixentes da proposta: a total liberdade de acción para todos os organismos internacionais encargados da supervisión e fiscalización da actuación das partes. Só dende unha presenza constante, activa, de apoio e estímulo consolidarán as necesarias garantías externas que permitan avanzar e desbloquear todas as dificultades.

Todos os elementos descritos son imprescindibles para conseguir a normalización da vida dos diferentes sectores de poboación afectados pola posta en práctica das condicións do noso posible acordo. Insistirei niso unha vez máis: un dos problemas fundamentais para que o contencioso transite por unha vía morta é o feito de que non se asuma con rotundidade, por todas as partes implicadas, incluídas algunhas primeiras potencias mundiais, a realidade de que sen o recoñecemento, por parte de Marrocos, de que a súa interlocutora é unha sociedade con criterio e capacidade para designar os seus propios representantes, non é posible vehicular un arranxo efectivo deste. Unha sociedade coa que negociar e á que, dende a súa perspectiva (a das autoridades marroquís), tratar de atraer, pero que non pode ser sometida, como parte dunha vitoriosa conquista, nin está integrada por un conxunto de súbditos, leais ou desleais, a un poder ao que nunca serviron ou renderon obediencia, porque historicamente sempre se sentiron libres de toda autoridade afastada e seguros, aínda que ameazados, no seu propio territorio. Unha terra sen estado, para desespero da estreita mentalidade dos seus colonizadores, pero cunha sociedade que, baixo a influencia dese mesmo mundo colonial, e coñecendo da transformación política que se producía no seu ámbito, evolucionou para facelo posible e tratar de conquistalo cun sacrificio inmenso e desproporcionado.

E aínda quedarían puntos de negociación a abordar antes de chegar a formularse as cuestións básicas do debate. Un deles, de singular importancia nestes momentos polas tensións que vive a zona e o conxunto do territorio sahariano, sería o de establecer as condicións que posibilitaran as garantías para asegurar a seguridade da zona e, singularmente, dos extensos límites fronteirizos con Alxeria e Mauritania. Un esforzo que requiriría a coordinación efectiva dos mandos militares e de seguridade para favorecer unha política conxunta de control.

Unha contribución importante á tranquilidade e a protección da poboación civil sería a planificación dunha acción conxunta para o desminado da fronteira. Ese labor debería de incrementarse coa implicación directa do estado marroquí e un maior apoio financeiro internacional que puidese multiplicar a efectividade do máis que meritorio traballo desenvolvido por esta organización no, cuxo obxectivo básico é o de reducir os danos causados pola violencia armada e axudar á reconstrución das vidas dos que son obxecto desta.

Traballos como os descritos son os exemplos que convén ter en conta en busca da distensión efectiva que permita situar ao conflito no camiño da súa resolución. Porque ese ese é o fin primordial a partir do que se pode preparar a axenda da parte central das negociacións, a que fai referencia á posible saída política e as súas diferentes modalidades e as diferentes formas de cooperación a desenvolver, con independencia da solución adoptada para o punto anterior. Aquilo que, actualmente, parecese constituír a clave de toda solución efectiva e que, na formulación conxectural e suposto que tratamos de plasmar no noso traballo, non debería de ser senón o colofón abordado cando as cuestións preparatorias, e prioritarias, estivesen resoltas.

Chegados a ese punto, as respectivas sociedades civís e os seus lexítimos representantes estarían en condicións de asumir os compromisos máis serios e transcendentes, dende a participación, o debate e a expresión consensuada das súas respectivas vontades. Un momento no que a participación civil debería de ter alcanzado o seu nivel máximo, cun grao de implicación que facilite o interese e o desenvolvemento da conciencia colectiva. E en que os sectores novos das respectivas sociedades deberían de ter un papel fundamental, pois eles serían os chamados a construír o futuro sobre as bases do acordado. Iso supoñería unha maior dinamización da sociedade marroquí, na que os estudantes, os profesionais novos, os diferentes sectores da comunidade deberían de xerar todo tipo de asociacións participativas e o seu goberno alentalas e facilitar o seu desenvolvemento. Igual mobilización cábelle á sociedade saharauí tanto no seu territorio orixinario como nos campamentos de refuxiado ou na diáspora. Ao lado das asociacións civís de carácter oficial viñeron articulándose outros colectivos, expresión da coordinación para a defensa de dereitos ou a simple articulación de correntes de opinión ou foros de reflexión que son o camiño a potenciar para conseguir ser o contrapunto e o complemento da acción de goberno.

Todo ese esforzo xa en marcha e que só se necesita potenciar e ampliar é o horizonte desexable para a consideración serena acerca do exercicio da autodeterminación e as súas posibles consecuencias. Non se trata, de entrada, de decidir se o que se quere é promover a independencia, a anexión a Marrocos ou unha edulcorada autonomía, que non deixa de ser outra fórmula da opción anterior. Ese non é o punto central dun debate que pón en discusión a soberanía.

O elemento capital desa discusión debería de ser determinar se se considera como prioritario o dereito do pobo saharauí a pronunciarse sobre o seu destino, nun plebiscito de autodeterminación, ou se lle nega ese privilexio que pertence ao dereito de xentes. Sempre dende a consideración das opcións e saídas máis favorables para o conxunto dos afectados e dende os mínimos prexuízos posibles. Os mesmos condicionantes que se deberían de aplicar con calquera das opcións, no caso de ser as asumidas e expresadas pola vontade popular.

Outros puntos a abordar igualmente, e de non menor importancia, nesa negociación serían a determinación das relacións bilaterais e as súas garantías, a cooperación no ámbito económico e as áreas e empresas nas que concretala ou as características asumibles na constitución dunha efectiva Unión Magrebí (en diálogo cos restantes países incluídos neste organismo).

As sociedades constrúense dende o diverso e o complexo, en modelos e sistemas que non sempre poden facerse compatibles ou reducibles a unha única fórmula. Todo o demais é caer na tentación dun pensamento único que, como tal, só favorece ao que posúe máis recursos para difundilo e facelo valer. Tan só o respecto é o que pode formular posibilidades de convivencias dende as identidades múltiples. E hoxe por hoxe, é preferible intentalo dende a articulación de modelos de cooperación internacional que dende a busca de estados corais, vertebrados en torno a unha única concepción.

O Sahara Occidental segue a esperar unha solución efectiva a problemas que non son froito das decisións, acertadas ou equivocadas, dos seus habitantes; que, tan só, sufríronos e seguen a soportalos.

Dende aquí quixéronse formular os argumentos para construír unha posibilidade efectiva para acurtar ese desespero. Sabemos que non está na nosa man a posibilidade de logralo pero se temos a conciencia de que, nun contexto semellante ao deseñado, a vontade libremente expresada pola poboación saharauí non terá por que constituír un novo motivo de enfrontamento senón, máis ben, a gozosa manifestación dunha decisión libre e soberana dos que, en boa veciñanza, asumen ser os responsables do seu propio destino. Un modo de dignificar os pobos saharauí e marroquí e de preparar para os seus fillos e descendentes un futuro no que a esperanza sexa algo máis que unha bonita palabra sen contido.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.