Os poderes da dereita en crise
Subín no ascensor con Montoro, o portavoz económico do PP no Congreso. Traxe de corte perfecto, da cor azul mariña moi propia dos de Génova, e algo de gomina no pelo. Nunca entendín a atración dos da dereita pola gomina, será para domar calquer atisbo de rebeldía no pelo. Tamén os dos poderes financeiros a utilizan. Ves?, teñen moitas cousas en común ademais do liberalismo ideolóxico. Teño que fixarme nos xefes da Igrexa a ver se tamén a usan.
Non pretendo mofarme do trío da dereita, pero acontece que ás veces te fixas nunha nimiedade para dar paso a unha reflexión, digamos que máis profunda.
Nestes tempos nos que a palabra máis utilizada debe ser a de crise, caín na conta de que o espectro ideolóxico aposentado na dereita está verdadeiramente en apuros. Outra cousa é o resultado, as consecuencias da capa caída porque son inasequíbeis ao desalento, sobreviven a todo por moitas que fagan. Vexamos como están as cousas.
O escándalo da pederastia na Igrexa
A Igrexa está sumida nun escandaloso proceso de pederastia e abusos sexuais a menores. E o goteo continúa, comezou hai anos en EE.UU pero a mancha de petróleo se estende pola civilizada e occidental Europa. As que farían en África, Sudamérica ou Asia, pero ficarán no esquecemento. Pregúntome por que non van ao cárcere os bispos e curas abusadores. Disque en moitos deses casos o delito prescribiu. Unha música que nos sona familiar, igual que as ditaduras que inexplicabelmente prescriben.
Ademáis da inxustiza que todo iso rezuma, o que me pasma é que a xerarquía eclesiástica teña "o santo morro" de realizar agresivas campañas contra a lei de interrupción voluntaria do embarazo e cale e outorgue ante os abusos sexuais a menores dentro da súa propia casa. Piden perdón e "santas pascuas". Con todo o que teñen, xa é hora de que vaian ao fundo do problema e abran un debate serio sobre a permanencia de arcaicos principios como o do celibato. Abonda xa de hipocresías porque a carne é débil, non só a do común dos mortais, tamén as dos curas e as dos bispos.
O PP ante o "Gürtel"
Deixo a dereita relixiosa e paso á dereita política onde non luce precisamente a primavera. Teñen "Gürtel" para un bón anaco pero grazas á catástrofe do volcán e o caos aéreo, grazas ás falcatruadas do Tribunal Constitucional e a persecución a Garzón e grazas a un torpe Goberno que tamén ten crise para rato, o PP pode permitirse o luxo de ter unha pequena tregua. Mais, o escandalazo do caso e a non-reación de Rajoy serían motivos suficientes para que non se ergueran da cama en moito tempo.
Rajoy practicou o deixarse ir. Por un lado, cabe deducir que hai moito que agachar da época Cascos-Arenas e daquela convén a non-ación, e por outro, podemos estar ante un líder tocado, ao que lle custa horrores ter mando e ao que lle medran os ananos cada vez que aparece un problema. De todos os xeitos, e como bo liberalista que é, segue, incluso nos feos asuntos de corrupción da casa, o principio liberal: "laissez faire, laissez passer" (deixade facer, deixade pasar). Algunhas voces comentan que Rajoy está totalmente convencido de que os asuntos de corrupción non lles pasarán factura á hora das elecións. Non digo que non, pero non se negará que a súa figura sae vapuleada e moi cuestionada.
Do poder financieiro partiu a crise
Logo está o terceiro en discordia, o poder económico-financieiro-empresarial en situación de aguda crise. De aí partiu a crise económica mundial que invadiu os confíns do mundo. E a pesar da que está a caer a dereita financeira resiste e aguanta cando o sucedido debería provocar unha auténtica revolución. E por moito que se recoñeza que son culpábeis, non se cuestiona o modelo. Todos se cadran para defender o sistema como está, e unicamente introducen pequenos parches que non moven os cimentos. No Estado español, nin parches siquera. Así que sofrirán perdas económicas, que xa doe, pero don´t worry, en canto se recompoñan voltarán e seguro que con máis forza. Non hai tal morte do neoliberalismo porque os que mandan se ocupan de reanimalo, non de enterralo.
Disqusicións aparte, coido que me vou adicar a exercitar a arte da nefelomancia. Permíteme Antonio Tabucchi esta licencia copiada da túa novela "O tempo envellece apresa". A nefelomancia consiste en adiviñar o futuro a través da observación da forma das nubes. A ver se no ceo atopo un pouco de esperanza, algunha nube que indique que a dereita, nas súas distintas manifestacións, acabará pagando as que fai.