Os Països Catalans ou un conxunto de pobos que perderon unha guerra
Para poder explicar a complexa realidade social, política e económica das Illes Balears, Catalunya e o País Valencià neste século XXI no que xa estamos de cheo, debe terse moi en conta a que, sen dúbida, foi a súa catástrofe nacional: a Guerra de Sucesión, a principios do século XVIII. Unha derrota militar en toda regra que significou a perda das institucións de autogoberno (Generalitat, Corts Catalans, Gran i Xeral Consell de Mallorca, etc.) e o inicio do intento de xenocidio contra a lingua e a cultura catalás.
Certamente os Països Cataláns, ese conxunto de territorios de lingua e cultura catalás situadas no extremo leste do Estado español son unha das comunidades nacionais máis complexas, pola súa realidade plural e a súa heteroxeneidade socio-política, da Europa Occidental. Para entender a súa realidade (absolutamente imposíbel sen valorar de forma xusta e ponderada a súa enorme diversidade interna e os distintos "templos" da súa evolución política) dedicaremos algúns artigos, desde Terra e Tempo, a facela máis próxima ao lector galego.
Cabe dicir, neste sentido, que a Nación Catalá foi confederal desde o seu nacemento. Unha esencia concretada, unha vez terminada a súa expansión natural medieval, nas Cortes da Coroa catalano-aragonesa que durante séculos reunía a cataláns, valencianos, baleares e aragoneses, de forma máis ou menos equitativa, e que era absolutamente distinto ao concepto de poder real castelán (baixo o que, dunha forma ou outra, quedaron sometidos, durante a Baixa Idade Media e principios da Idade Moderna, galegos e vascos). A Guerra de Sucesión Española (1701-1715) que enfrontou á Casa de Borbón (con apoio de Francia e os territorios do Reino de Castela) e á Casa de Austria (sustentada por unha alianza internacional ao redor de Inglaterra, Portugal e Austria; e polos Països Catalans e Aragón) non foi, senón, o colofón dun proceso, para levar a forma de entender historicamente a política dos casteláns a todo o conxunto da Península Ibérica (esta vez coa inestimábel axuda do moderno e francés concepto do Estado-Nación centralizado que preconizaba a vencedora Casa de Borbón, a través do seu pretendente Filipe d'Anjou, despois Filipe V). Unha guerra que foi, e segue sendo percibida, a nivel popular, como unha guerra de ocupación dos territorios de cultura catalá (a título de anécdota, en Mallorca e en Catalunya, na contorna rural, o retrete do fogar é coñecido, aínda hoxe, como Can Felip, "a casa de Filipe"). Un conflito que tivo a súa segunda parte na contenda de 1936-1939, pero que quedou, na psicoloxía colectiva do pobo, como o final das liberdades nacionais e o choque entre dúas maneiras de entender o mundo e entender Europa nese afastado século XVIII (austriacistas contra borbónicos; confederalistas contra unitaristas; en definitiva, cataláns contra casteláns). Esa Guerra é chave para entender o problema nacional de Catalunya, as Illes Balears e o País Valencià. Significa o fin dunha forma confederal (interna e externa) de entender a organización estatal no espazo cultural catalán e supón o fin das constitucións e foros de autogoberno ao aplicarse en 1707 (País Valencià), 1715 (Mallorca, Menorca e Eivissa) e 1716 (Principat de Catalunya) o Decreto de Nova Planta. Un decreto aplicado a sangue e lume (Filipe V é, a día de hoxe, "personaxe non grato" en moitos concellos, e do seu infausto recordo como represor quedou gravada na retina popular a queima da cidade valenciana de Xàtiva, que desde entón ten un cadro do monarca virado ao revés presidindo a sala consistorial: todo un símbolo) e que supón o inicio do intento de xenocidio lingüístico e cultural contra os Països Catalans, así como o fomento da división e o enfrontamento entre os diferentes territorios catalanfalantes aproveitando a, de por si, existente diversidade e pluralidade interna. Aínda que o lector se sentirá familiarizado co 11 de setembro de 1714, caída da cidade de Barcelona en mans franco-españolas, é remarcable que o último territorio en ser ocupado foi a illa de Mallorca, no outono de 1715. En 2015 cumpriranse trescentos anos. Xa vai sendo hora, pois, de que a historia camiñe noutra dirección.