Os nosos prezados presos
O pasado domingo facíase pública a sentenza que condenaba a vinte e catro saharauís detidos dende a destrución do campamento de Gdeim Izik, tamén chamado polos seus ocupantes da Dignidade, e mantidos en prisión preventiva por máis de dous anos. O Tribunal militar de Rabat, reunido dende o día 8 de febreiro, condenaba aos acusados polos delitos de "constitución de bandas criminais, violencia contra as forzas da orde con resultado de morte, premeditación e mutilación de cadáveres" a penas de prisión a perpetuidade para nove dos procesados, trinta anos de cárcere para outros catro, vinte e cinco no caso doutros sete detidos, vinte para tres máis e dous para os restantes dous últimos aos que se puxo inmediatamente en liberdade pois a duración da detención previa ao xuízo superaba o tempo da súa condena.
Unha vez máis, a intransixencia política e o desprezo á xustiza practicados comunmente polo Reino de Marrocos, convertía o libre exercicio da opinión dos independentistas saharauís nunha traizón a un Estado e unhas leis que todos eles s negaban a recoñecer e o resultado dunha integración territorial imposta que a comunidade internacional tampouco acepta. Era outra ocasión máis na que o estado marroquí mostraba o seu desprezo á legalidade internacional e trataba de crear unha fractura que fixese naufragar a solución política inminente para o contencioso do Sahara Occidental propugnada por Cristopher Ross e sepultase no inverno a primavera política e a esperanza nacente que a significación de Gdeim Izik fixera xerminar entre a poboación saharauí dos territorios ocupados. Un xeito de sinalarlles que o camiño da súa reivindicación política da autodeterminación e a independencia seguía pechado para eles.
Moitas foron as voces que nestes poucos días se alzaron tanto dende as organizacións de defensa dos dereitos humanos, como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch, diversas institucións e partidos políticos de diferentes países, xuristas e observadores no proceso, diferentes analistas dende diversas perspectivas (xurídicas, políticas, éticas) para denunciar e poñer en evidencia a falta de lexitimidade do tribunal, a súa incompetencia xurisdicional, a escasa precisión das acusacións, a carencia de probas que fan do xuízo unha farsa e unha burla á legalidade, ao dereito e á xustiza. E eu non quero abundar nelas. Repetir as mesmas palabras e argumentos moitas veces non lles outorga maior fortaleza senón que, pola contra, corre o perigo de converterse nunha ladaíña de lugares comúns.
Eu, neste pequeno artigo, quero darvos outra perspectiva desta barbarie que vos traia a memoria, as vivencias e, por que, non o perfil humano duns homes, duns loitadores, duns cidadáns comprometidos coa defensa do seu pobo pero que sexan tamén testemuño da súa humanidade, da súa forma de vivir o seu compromiso, que poñan en evidencia a inxustiza que contra eles se comete. Porque, polo menos, cinco deles compartiron comigo o seu pan e a súa esperanza de liberdade durante unha curta pero intensa estanza en El Aaiún no ano 2010, tan só uns poucos días antes da creación do campamento a consecuencia do que hoxe se lles quere condenar. Eu coñezo, coñecín, a Ahmed Sbai, Brahim Ismaili, Cheikh Banga, Ennaama Asfari e Mohamed Tahlil, polo menos, talvez algún máis, de entre todos os procesados; e hoxe, aínda que me custe e me doia, quero trasladarvos algúns retallos desa memoria, dalgunhas experiencias e emocións compartidas con eles e con outros compañeiros e compañeiras loitadores, como todos eles, pola dignidade e os dereitos do seu pobo. Quizais así poidades percibir mellor a arbitrariedade do seu castigo.
Coincidín con eles nunha viaxe de regreso dende a Primeira Conferencia Internacional sobre "O dereito dos pobos á resistencia. O caso saharauí" celebrada en Alxer ata a capital do Sahara Occidental e os seus diferentes lugares de residencia. Eles eran un numeroso grupo de defensores saharauís dos dereitos humanos e nós un pequeno equipo de acompañamento que buscaba unha maior seguridade persoal para o seu regreso ao territorio. Se algo chamaba a atención nese grupo era a variedade de idades dos seus integrantes e o carácter mixto deste, garantido pola presenza dun importante número de mulleres. Non pasaba desapercibida a xuventude, o pulo e a enerxía do ainda mozo Cheikh que entón contaba tan só con 21 marabillosos e intensamente traballados anos. Detido e condenado xa por dúas veces, membro do Colectivo de Defensores de Dereitos Humanos Saharauís CODESA e da Asociación marroquí de dereitos humanos, AMDH, rama ASA, tiña a impropia e desusada madureza á que o condicionaba a súa tráxica historia e a do seu pobo, pois nas dúas ocasións fora torturado e sometido a violencia física aínda sendo menor de idade.
Todo o contrario que Ahmed ou Mohamed, maiores en idade pero máis discretos e reconcentrados, menos expresivos nas súas manifestacións externas, pero dunha gran fortaleza interior que non se correspondía cun físico magro, feble e enfermizo no caso do primeiro. Secretario Xeral do comité para a protección dos presos, membro da Asociación Saharauí das Vítimas de Graves Violacións dos Dereitos Humanos cometidas polo estado marroquí (ASVDH) e integrante do Comité contra a Tortura de El Aaiún Ahmed fora detido e condenado en tres ocasións anteriores. Mohamed Tahlil é o Presidente da ASVDH en Boujdour e a súa acción contra a represión marroquí levouno a varias detencións e condenas das que a máis rechamante se produciu en 2006 cando foi arrestado, torturado e se abandonou no deserto a cincuenta quilómetros do lugar da súa detención.
Brahim, pola súa banda, é afable, repousado, cun sentido militante que nace dunha convicción internalizada e sen fisuras. Un home íntegro e resolto, casado e pai de dúas criaturas encantadoras. Fun o seu hóspede e gocei da súa cordialidade e da da súa familia. Preso xa en 1987, pasou polos cárceres marroquís noutras dúas ocasións despois de sufrir a persecución, as vexacións, o acoso físico e verbal para él e os seus por parte da seguridade marroquí. A súa casa estaba, xa entón, sometida a constante vixilancia policial por axentes que non só vixiaban as entradas e saídas senón que seguían a distancia cada un dos nosos movementos.
Ennaama é, e espero que non se enfade se algún día me le, o intelectual deste pequeno grupo. Licenciado en Dereito Público Internacional pola Universidade de MarraKech e Presidente da Comisión para a defensa dos dereitos humanos no Sahara Occidental, con sede en Francia, renunciou á comodidade do exilio por vivir os problemas cotiáns do seu pobo sendo condenado en 2008. Esperto, dialogante, defensor con decisión da loita pacífica é a persoa menos caracterizada para propiciar ese clima de revolta armada que todo o proceso pretende describir. Eu vino argumentar, nunha discusión acendida, a favor da non violencia como estratexia de acción e non dubidei da súa honestidade e das súas conviccións que se asentan na súa formación como xurista.
Pequenos retallos de grandes historias ao servizo dunha inmensa causa. A da xustiza e a dignidade para todas as xentes, incluída o sufrido e enganado pobo marroquí. A quen os seus medios de comunicación lle informan acerca duns feroces criminais que, en número reducido, secuestran e reteñen no campamento a 20.000 dos seus concidadáns, atacan á forza pública e denigran os seus cadáveres, silenciando que esa mesma forza e o exército sometían a un constante acoso e vixilancia ao campamento cuxa consecuencia máis grave (e esquecida) foi o metrallamento polos militares, o 24 de outubro de 2010, nas inmediacións do campamento, dun coche no que viaxaban seis persoas co resultado de cinco feridos de bala e un morto: o menor de 14 anos Najim Elgarhi, enterrado sen autopsia e sen a presenza da súa familia, cando aínda non se desatara violencia visible ningunha. Que doado resulta modificar o sucedido a base de silencios e artificios verbais.
Cualifícase de barbarie o desprezo aos mortos pero non se investiga o menosprezo dos vivos polo exercicio sistemático e continuado da tortura sobre os presos producíndolles queimaduras, violacións físicas, arrincamento de uñas, afogamentos simulados, alteración do sono... Quen denunciaron publicamente estas violencias están entre os condenados ás penas máis duras.
Nada se demostrou sobre as súas supostas accións e todas as preguntas xiraron sobre a súa militancia, sobre a súa actividade propagandista noutros países, sobre as súas relacións coa Fronte Polisario e o movemento independentista. Un xuízo para nada político e axustado ás regras do dereito.
Ahmed e Brahim foron condenados a cadea perpetua, Cheikh e Ennaama a trinta anos, Mohamed a vinte. E con eles Abadalahi Bhai y Abdalahi Lakfaouni, Deich Eddaf, El Bachir Jadda, El Hussein Ezzaui, Hassena Alia y Hassena Dah, Hussein Zaui, Larosse Abdeljalil Lemghaimad, Mohamed Ayubi, Mohamed Bani, Mohamed Burial, Mohamed Elbachir Butenguiza, Mohamed Kuna Babeid, Mohamed Lamin Haddi, Mohamed Embarek Lefkir, Sidi Abdulah Tubali e Sidi Ahmed Lemjeyd. Todos eles culpables confesos de ter soñado unha aurora de liberdade para o Sahara Occidental e para o seu pobo.