Os nobel da paz e as industrias de armamento

Os nobel da paz e as industrias de armamento

Din as malas linguas, que son as que sempre acertan e aínda as veces se quedan cortas -pero que son mais de fiar que os mentireiros oficiais-, que a famosa Fundación Nobel ten grandes inversións en compañías fabricantes de armamento. Din que por unha parte predica a paz mentres pola outra fai negocio coa guerra e coas verdadeiras armas de destrución masiva, xa que o xestor dos seus fondos é un importante inversor en mísiles e bombas de racimo. Isto explicaría porque case sempre lle deron o premio de Nobel da Paz aos maiores asasinos que imparten a guerra e o terror polo mundo adiante, que tanto énfase poñen en consumir eses produtos de morte e destrución e que tantos dividendos lles dan a quen os produce. Parece ser que o descendente de galegos Adolfo Pérez Esquivel e a guatemalteca Rigoberta Menchú foron uns dos poucos que romperon a regra.

É certo que a Barack Obama non lle deron o premio polos méritos contraídos anteriormente, xa que até daquela predicaba todo o contrario do que logo faría, pero eles sabían que animándoo un pouco co premio... Sabían os desa sinistra e poderosa Fundación que de casta lles ven a todos os galgos cando toman posesión da xefatura do Imperio do Mal. Ademais de non levar a cabo ningunha das promesas que fixera cando andaba en campaña, como a de cerrar Guantánamo e outras propostas, foille collendo gusto as cousas mais execrables do seu antecesor no cargo e como siga nesta liña de seguro que vai superalo. Todo depende de como vaian os balances económicos desas compañías ou da súa caída de popularidade ante a fanatizada sociedade estadounidense.

Para conseguir eses fins nunca aforrará medios por moi bárbaros que sexan, aínda que para elo teña que violar os mais sagrados dereitos das persoas e dos pobos, que para iso se consideran o pobo escollido por ese Deus, que falaba de ti a ti tódolos días pola maña co seu antecesor, para invadir, espoliar e ter o sagrado dereito de vingarse de quen lle pete en calquera país do mundo utilizando a criminais e drogadictos, que o mesmo lle dá por matar a Bin Laden que liarse a paus con barras de ferro cos seus propios paisanos nunha discoteca ou nunha escola. Pero a eses criminais hai que perdoarlles e non se lles pode aplicar ningunha lei internacional cometan as atrocidades que cometan, ...e levan cometidas moitas mais que o propio Bin Laden!

Que tolos e irresponsables deste tipo gobernen o pais que quere exercer de xendarme mundial e dar leccións de democracia xa constitúe un perigo para a humanidade, pero o mais grave de todo é que esa falta de cordura tamén está globalizada entre os dirixentes deste mundo e a maior parte dos nosos gobernantes. Presidentes lacaios e faltos de ideas como Zapatero, ao que se lle enche a boca co Estado de Dereito, aplauden coas orellas e báilanlle a auga, dicindo que foi o propio Bin Laden quen o buscou, ou a portavoz da Comisión Europea, Pia Ahrenkilde, que tamén considerou favorable a súa morte porque non contradí os valores e principios da Unión Europea, que avoga pola liberdade, a democracia e o fin da pena de morte a escala mundial. Árdelle o eixo!

Ninguén, por criminal que sexa, pode ser executado sumariamente sen un xuízo xusto. Incluso Barack Obama, Javier Solana, o trío das Azores, que deberían ser postos ante os tribunais internacionais, e Felipe González ante a xustiza española e francesa, teñen dereito a defenderse dos seus presuntos crimes de guerra, xenocidios contra a humanidade ou do terrorismo do GAL. Mentres non sexan condenados por un tribunal con todas as garantías son presuntamente inocentes e ninguén pode avogarse o dereito de vingarse. Pero así é esta lei da selva, que conta, ademais, con uns potentes medios de desinformación que nos queren facer ver do branco negro, converter o bo en malo e o delito mais horrendo en virtude. Produto dese lavado de cerebro é a reacción dos estadounidenses celebrando o asasinato coma feras sedentas de sangue nunha comuñón que non tiña nada de espontánea e si de teledirixida.

Ante esta situación, os que pensamos que outro mundo mellor, mais xusto, mais humano e mais democrático é posíbel, non podemos quedarnos de mans cruzadas e ser simples axentes pasivos desta sociedade mafiosa. Debemos organizarnos, debater e mobilizarnos contra estas inxustizas. Temos que cambiar esta sociedade o mais axiña que poidamos e o próximo domingo temos a oportunidade de empezar por cambiar as institucións mais próximas a nós votando a única organización galega que tivo a cordura e a valentía de opoñerse as guerras imperialistas no Congreso dos Deputados; que loita e mobilizase contra a Reforma Laboral que recorta os dereitos dos traballadores; que se opuxo a innecesaria Reforma das Pensións, contra a que, o pasado día 11, presentou tamén no Congreso dos Deputados unha emenda a totalidade por antisocial; reclama un mellor prezo para o leite que producen os nosos labregos e esíxelle ao goberno galego que cumpra a legalidade con respecto ao noso idioma, porque agora é tempo de compromiso e non de escorrer o vulto.

En España non, pero en Galicia hai alternativa fronte a política de dereitas dos partidos estatais e está demostrado que onde goberna o BNG se cambian as cousas nun sentido positivo, porque non todos somos iguais.