Os mercados deciden
O xoves 18 de setembro, día no que se celebraba o referendo no que Escocia decidía se se independizaba ou non do Reino Unido, a edición dixital de El Pais afirmaba que os mercados apostaban polo triunfo do non en Escocia. Ese mesmo día nas casas de apostas, moi tradicionais por aquelas latitudes, tamén gañaba o non. Ao día seguinte pola mañá un xornalista explicaba con certa fachenda desde a Bolsa de Madrid, que os mercados xa tiñan descontado o non escocés; resumindo, que os mercados xa daban por descontado que o non estaba asegurado. E non se equivocaron.
Os mercados traballan con datos e follas de cálculo, teñen enquisas e medios de comunicación moi poderosos que traballaron arreo para que o resultado fora o acaido aos seus intereses, era necesario insuflar medo na sociedade escocesa, o sistema non podía consentir que no mesmo corazón do capitalismo europeo se abrira unha pequena fisura que alumeara a máis mínima esperanza nos pobos do mundo, especialmente en Europa.
Comisarios europeos, entidades financeiras e mesmo a OTAN saíron a un tempo a anunciar a apocalipse en Escocia, conscientes de que o problema non era esta nación, que de acadar a independencia non só solicitaría automaticamente formar parte da Unión Europea e da OTAN, senón que sería recibida cos brazos abertos, malia cacarexar o contrario nos días previos ao referendo. Non, ese non era o perigo; o perigo era que o virus da democracia e do dereito dos pobos a decidir, isto é, o virus do nacionalismo, si se podía transmitir a outras nacións, que como na Galiza ou Euskal Herría onde si hai movementos de liberación nacional contrarios á Unión Europea e á OTAN, si podía ser un perigo a medio e longo prazo para a globalización que estas representan e defenden.
Os mercados necesitan un mundo máis global para non só facer os seus negocios con menos obstáculos, senón para impoñer á clase traballadora as súas políticas de recortes sociais, laborais e económicos. E niso están. Cada vez é máis habitual do que sería desexábel, pero para iso gobernan, escoitar dos mandatarios europeos (Rajoy, Merkel, Hollande... tanto ten!), que os estados deben ceder cada vez máis soberanía, é dicir, afastar cada vez máis lonxe do cidadán decisións políticas que lles afectan directamente, quedando as autoridades “locais” como meros delegados do imperio, que simplemente executan as políticas ditadas.
Di Warren Buffet, un dos homes máis ricos do mundo, que “os da súa clase van gañando”, e é certo. Tamén é unha realidade que os mercados deciden por nós. Mais como vimos no caso escocés e mesmo no catalán ensina as uñas e utilizan todas as súas armas, incluída, como dixen antes, a propia OTAN, para insuflar medo nos pobos rebeldes como Escocia, porque é consciente que na actual fase da globalización e do capitalismo o nacionalismo avanza despertando conciencias en persoas que ven estupefactas como o Estado español, por exemplo, que presume de democrático, impide o máis elemental en calquera democracia, votar!