Os focos de novo contra Venezuela
Esta semana vivimos unha tormenta internacional desatada polas declaracións de Barack Obama sobre as condicións básicas dun hipotético proceso de paz entre Israel e Palestina, nas que esixía ao estado israelí a volta as fronteiras de 1967, e a posterior resposta -negativa obviamente- de Benjamín Netanyahu e das distintas organizacións relacionadas co lobby xudeu, que a súa vez motivaron unha recollida de sinaturas de intelectuais israelís descualificando o inmobilismo do primeiro ministro.
Ante o debate que xerou e o cruce de declaracións públicas entre os principais implicados, que tensa cada vez máis as relación entre ámbolos dous presidentes -o que non afecta aos acordos económicos e militares, claro está-, puxo en dúbida a credibilidade política dese mutuo apoio.
Neste contexto, o pasado martes, o goberno de Estados Unidos de América (EUA) decidiu apartar esta discusión do foco dos medios de comunicación, o faceren públicas as sancións contra Petróleos de Venezuela (PDVSA) e outras seis compañías internacionais de menor tamaño por facer negocios con Irán, e así, segundo EUA, apoiar o programa nuclear da nación persa, ou cando menos así o interpretaron os grandes medios, referíndose literalmente o vicesecretario de Estado James Steinberg, o apoio irresponsábel ao sector enerxético de Irán como xustificación para a medida.
As "sospeitas" do goberno federal proveñen dun acordo entre Caracas e Teherán en setembro de 2009 para o subministro de 20 mil barrís diarios de gasolina, relación comercial que xa se extinguía este ano ao resolveren Irán a súa dependencia neste senso, como informou PDVSA en febreiro, dato este último que aínda non foi rebatido a ningún nivel, esgotándose a lóxica para lanzar estas acusacións máis de tres meses despois.
Esta aireada sanción, que afecta a tres empresas dos Emiratos Árabes Unidos, e unha de Singapur, Mónaco e Israel, ademais de PDVSA, prohíbelles asinar contratos co goberno federal norteamericano, pero non inflúe nos máis dun millón de barrís diarios que o país latinoamericano vende aos consorcios privados de EUA, colocándose como o quinto país que máis hidrocarburos lles exporta, co cal o efecto práctico da medida é moi limitado, e se circunscribe máis que nada a dotar da percepción desexada a opinión pública.
O curioso é que o retorno de Hugo Chávez as páxinas dos xornais arredor do mundo dáse nun intre no que o presidente de Venezuela está máis centrado ca nunca na política nacional, por unha parte polos efectos das chuvias que xa a finais do pasado ano e nos derradeiros meses provocaron grandes desperfectos ao longo do país, e que esixen a presenza do presidente pola necesidade de tomar medidas inmediatas; o outro motivo dese baixo perfil dos derradeiros tempos tamén resposta as eleccións presidencias que se celebran no 2012, e da campaña electoral permanente que aínda sendo de baixa intensidade, está a ter lugar dende as pasadas eleccións lexislativas.
Sexa como for, conseguiron mover ao sur a atención dos medios, obtendo como non podía ser doutra forma unha resposta de similar cariz, contundente a nivel dialéctico, pero sen afectar aos intereses estratéxicos do país. O primeiro en explicar a posición do goberno foi o Chanceler Nicolás Maduro, que a considerou coma unha acción hostil á marxe do dereito internacional, e que viola a Carta das Nacións Unidas.
Pola súa parte, Chávez, que se atopa repousando por unha lesión no xeonllo, case agradeceu aos gringos nas redes sociais por potenciar a moral nacionalista e antiimperialista de Venezuela con estas agresións. Un día despois, todos os edificios nos que opera PDVSA no país andino amenceron rodeados de traballadores manifestándose contra a medida tomada polo goberno de Obama, apoiando así mesmo a súa soberanía enerxética e a posición do goberno bolivariano.
Tamén se deu nas dúas ou tres xornadas de impacto informativo, unha petición recorrente entre certos ámbitos dos traballadores foi ameazar con interromper o subministro de petróleo venezolano aos Estados Unidos de América, solicitude que se repite case en cada episodio da confrontación política entre ámbolos estados.
Sen embargo, e isto tamén contribuíu a que o tema se diluíra da actualidade para a opinión pública, a rápida resposta de diversos integrantes do goberno desactivou estas protestas, sentenciando que Venezuela garda medidas desa índole para cando sexa realmente preciso. Isto opaca o verdadeiro valor desa relación comercial, que se torna imprescindible para os dous, e que podería ocasionar gravísimos efectos tanto en EUA como en Venezuela, que lle destina máis do 60% das súas vendas, dados que non cabe matizar para poder afrontar con senso pragmático os retos que afronta a sociedade de Venezuela.
Por unha banda, EUA non ten capacidade aínda de improvisar outro vendedor, o teren que afrontar un amplo número de transaccións e acordos para trocar a PDVSA e as súas filiais coma vendedores. Pola outra, Venezuela tampouco pode polo momento prescindir dese comprador pola proximidade relativa para colocar os seus produtos, a pesares de que nun futuro a xigantesca demanda china poida absorber esa cantidade tanto a infraestrutura do negocio como as condicións actuais, dificultan que isto teña lugar no breve prazo de tempo que se precisaría.
Se ben é certo que nos últimos anos os fondos de reserva de Venezuela disparáronse, non o é menos que a dependencia que ten a economía do petróleo imposibilita rachar eses acordos coas empresas norteamericanas sen poñer en risco a pervivencia dos plans sociais que sustentan a acción do goberno venezolano para a eliminación da pobreza, que constitúe un dos exemplos directos da prioridade social que quere mostrar o socialismo do século XXI, e que obriga a todos os estamentos desa sociedade a actuar con precaución no tocante as relacións internacionais, lembrando que os resortes de poder seguen estando cara o norte.