Os emisarios da mentira


Amargo ten que saber o pan que comen aqueles que, día a día, e a sabenzas, escriben as mentiras que lles dita o réxime para que de tanto repetilas se converten en verdades absolutas. Eles, coas súas mentiras e medias verdades, utilizando o odio e a rabia unhas veces e adxectivos despectivos noutras, crean falsas alarmas sociais para apuntalar este sistema mafioso onde os dereitos das persoas están por debaixo dos intereses dos mercados. Os que non pensamos coma os que lles ditan o que teñen que dicir ou escribir non somos "politicamente correctos" e non entramos dentro da súa estreita faixa "democrática".

Triste oficio o de escribir ao ditado sen ningunha opción de pensar por si mesmos e facer o traballo sucio a quen lle paga deixando a dignidade propia no tinteiro. Debe ser moi triste ser un ninguén ou, peor aínda, ser o que queiran outros.

Son os negros do sistema que escriben a novela que lles dita o grupo de presión e a liña editorial para a que traballan. Son, por dicilo así, lexionarios do neoliberalismo, propagandistas ou mentores do The Party.

Dan pena e noxo algúns periodistas de medios chamados progresistas, axencias de noticias, e cadeas de televisión pagadas por todos, que día si e día tamén andan a procura das mentiras oficiais fabricadas polos chamados disidentes cubanos e das mentireiras Damas de Branco para propagalas aos catro ventos como verdades incuestionables. Non teñen empacho en chamarlle disidentes e loitadores polos dereitos humanos a delincuentes comúns que despois de chegar a cadea foron captados polos mercenarios da chamada disidencia cubana e pagados por Estados Unidos.

Parece enfermiza a súa teima de inventar malleiras mortais da policía cubana cando nunca puideron aportar ningunha imaxe que se parecera no mais mínimo as intervencións brutais e desproporcionadas dos Mossos de Escuadra, da Ertzaintza ou da Policía española ante pacíficas manifestacións populares por reivindicacións mais que lexítimas. Preocúpanse polas presuntas mortes en folga de fame dos delincuentes cubanos, pero calaron covarde e miserablemente cando o preso Tohuami Hamdaoui morreu -este si- en folga de fame, nas cadeas españolas defendendo a súa inocencia e denunciando ser vítima dun error. ¿Porque a maioría dos políticos dos dous partidos maioritarios e a prensa española se poñen sempre ao lado dos delincuentes cando estes son cubanos e incluso reclaman para eles o dereito de asilo que lle negan a cidadáns de países que están en guerra, nos que a súa vida corre perigo e nos que non se respectan os mais mínimos dereitos humanos? ¿Non hai delincuentes dabondo entre eles neste remedo de democracia corrupta, que teñen que importalos de Cuba?

Estes mesmos medios cambian de aptitude e silencian as protestas destes disidentes cando despois de chegar ao Estado Español se poñen en folga de fame porque non lles deron o que lles prometeran e pola ausencia de persoal para atendelos en situacións de enfermidade ou cando "teñen algunha necesidade especial". Sei que unha muller que recibiu tratamento contra o cancro en Cuba agora ten dores e non puido conseguir cita até o ano que ven. Claro; non lles dixeron que neste paraíso capitalista español a medicina non é como en Cuba, aquí a medicina é mais ben un negocio e por iso andan a privatizala.

Chufan e báilanlle a auga aos criminais de guerra que en nome da loita contra o terrorismo aterrorizan e atacan pobos inocentes en guerras coloniais para espoliar os seus recursos naturais namentres protexen a terroristas como Posada Carriles e teñen retido, por vinganza, a un antiterrorista cubano e encadeados inxustamente a outros catro. Eles son os encargados de repartir bitolas de ditadores aos dirixentes que non se pregan aos seus intereses, por non ser corruptos e negarse a darlle as riquezas do seu país as grandes multinacionais do imperialismo a prezos de ganga. A democracia debe ser inherente a corrupción e onde non hai corrupción non hai democracia e por iso no Estado español hai tanta. Para eles soamente hai democracia onde gobernan os monicreques de Ángela Merkel, Sarkozy, FMI e axencias de clasificación. Solo hai democracia nun país cando un empresario, provocador e irresponsable, protexido pola policía, pode insultar aos traballadores facendo cos dedos o símbolo da vitoria diante dos que pola súa mala xestión van ao paro e a ruína, como fixo o presidente de Ryanair, Michael O'Leary, no aeroporto de Loiu. Solo nunha democracia bendicida por eles se pode xulgar a unha persoa por recriminar a un xuíz decano que non cumpría a Lei de Normalización Lingüística. O mundo ao revés, que diría Eduardo Galeano.

Pero si dá pena o servilismo desa prensa canalla, como lle chamaba o amigo Pepe Rei antes do seu accidente, cando aínda exercía de periodista dignificando esa profesión, mais pena me dan as vítimas das consecuencias das súas mentiras e intoxicacións.

Fai tempo empezaron a meterse coa Corea do Norte pero parece ser que dispoñía de armas atómicas capaces de alcanzar os EE.UU, polo que o xendarme ordenou: quietos parados! Agora tócalles atacar a Siria para despois ir mais doado a por Irán e non se cansan de dicir que o exército bombardea a poboación como si nesa guerra civil imposta polo imperialismo os terroristas financiados por eles dispararan con frechas de Cupido. En Libia saíronse coa súa facendo unha carnicería e remitindo a situación social dese país a fai mais de cincuenta anos, e, o que é peor, sen posibilidade de volta atrás, xa que agora a economía e o goberno dese pobo está nas mans das estranxeiras multinacionais do petróleo as que lles importa un farrapo de gaita a saúde, a ensinanza e o benestar dos traballadores libios. Esperemos e fagamos todo o que estea nas nosas mans para que non lle pase o mesmo a Siria.

Atravesamos tempos difíciles que levan camiño de empeorar polas medidas que toman o rexistrador da propiedade allea e o bombeiro frustrado que nos gobernan e pensamos que temos dabondo co que nos ven encima polos recortes destes liquidadores dos servizos públicos, pero tamén temos que darnos conta do alcance que pode ter nas nosas vidas o que lles está a suceder a outros pobos. O que lle está a pasar hoxe a outros, mais cedo que tarde, vai influírnos a nós. Si eles globalizaron a opresión, a guerra e o terrorismo contra os mais débiles nosoutros temos que loitar pola paz globalizando a solidariedade entre nós e con outros pobos que hoxe están a sufrir o que mañá nos pode tocar a nosoutros. Temos que poñer todos os medios para frear este ambiente de terror e medo, vencendo e denunciando a mentira que diariamente nos impoñen nos seus medios de propaganda e intoxicación. Aí, nesa batalla, é onde podemos derrotar as súas sinistras intencións.

Temos a obriga de loitar contra aqueles medios e desenmascarar aos que manipulan a información mentindo descaradamente para facer dixerible o mais indixesto para o noso raciocinio.