Os cubanos que deixaron de selo: os «cubañoles»
Cuba non admite a dupla cidadanía para os seus cidadáns. Calcúlase que, unha vez analizados todos os expedientes de solicitude de cidadanía española ao abeiro de distintas normas e da Lei de memoria histórica, preto de 200.000 cubanos, un 1,7 da poboación da illa, será español.
A esta cifra debemos engadirlle os máis de 25.000 cubanos que por residencia no Estado español adquiriron a condición legal de «españois» desde o ano 2000 até 2011.
O escritor Manuel Vázquez Montalbán, en ton chocalleiro, aseguraba que de aquí a 50 anos o rei dos españois sería mulato, debido a alta taxa de matrimonios cubano-hispanos da década dos 90, case 900 por ano.
Porén, a lexislación cubana non recoñece a dupla cidadanía. Regulada polo Regulamento de Cidadanía, Decreto 358, de 1944, Cuba pertence, xunto a Estados Unidos, ao pequeno feixe de Estados que non permiten a adquisición dunha cidadanía estranxeira.
Unha agresión española á soberanía de Cuba
As sucesivas leis[i] que desde o Estado español permitiron a adquisición da cidadanía española a milleiros de estranxeiros (que non emigrantes), neste caso en Cuba, representa un serio problema de Estado.
Non era a primeira vez que ducias de milleiros de cubanos adquirían unha cidadanía estranxeira, por exemplo a estadounidense, pero si é a primeira vez que se adquire sen emigrar.
En 1997 o avogado cubano Mario Antonio Fernández Pérez[ii] envía á Asemblea Nacional do Poder Popular un traballo académico coa finalidade de modificar o Regulamento de Cidadanía de 1944 e eliminar o baleiro xurídico en que se encontran os cubanoespañois[iii]. En palabras de Fernández: «A única resposta foi o silencio».
Pero o problema magnifícase internamente desde o momento en que algúns dos novos españois (cubanos) residentes en Cuba pretenderon das autoridades locais o recoñecemento desa nova cidadanía adquirida ou mesmo exixiron, mediante escrito dirixido ao Consello de Estado e á Dirección de Inmigración e Estranxeiría, que se lles aplicase a lei e se lles quitase a cidadanía cubana: a resposta administrativa foi, outra volta, o silencio.
Aínda así, os novos españois teimaron na exixencia de que a súa cidadanía española fose a única recoñecida en Cuba, querían vivir como «estranxeiros na súa propia terra». O avogado Mario Antonio Fernández Pérez, representando o cubano-español Abel Ernesto Cabañas Águila, envía ao rexistrador do estado civil unha solicitude de renuncia da cidadanía cubana por ter adquirido a española.
A contestación negativa á solicitude derivou nun recurso perante o ministro de Xustiza de Cuba que, polo momento, é a única resposta[iv] convincente e lóxica para a non admisión da renuncia nin da adquisición:
«República de Cuba. Ministerio de Xustiza. Ditame Nacional Nº14/96.
( )...É dicir, que formula como unha causa da perda de cidadanía cubana a adquisición dunha estranxeira, pois (Cuba) non admite a dupla cidadanía; pero iso non significa que ao adquirir unha cidadanía estranxeira, automaticamente se perda a cubana, pois existe un procedemento e unhas autoridades facultadas para decidir ao respecto de conformidade co Regulamento de cidadanía.
Xa que logo, como pretender que decisións foráneas teñan virtualidade nas relacións xurídicas da nosa nación, que teñan efectos extraterritoriais? Neste caso, o Auto do 17 de febreiro de 1994 do cónsul xeral español. De igual forma, como descoñecer o regulado no artigo 11 da Constitución sobre a soberanía do noso Estado?
Lic. María Isabel Acevedo Isasi
Directora de Rexistros e Notarías».
De vítima a vitimario.
O Estado español non se preocupou de chegar a acordos, nin de informar, por ser parte implicada, a aqueles Estados en que os seus cidadáns son destinatarios e obxecto de leis cuxa aplicación representa un atentado contra a súa soberanía.
O corolario grotesco desta situación é a culpabilidade gratuíta que se lle atribúe ao Goberno cubano por non chegar eles a un acordo que nunca se lles propuxo, por unha lei estranxeira que non lexislaron aplicada aos seus cidadáns.
O imperialismo non só está nas armas senón tamén nas agresións disfrazadas de «dereitos».
[i] Por exemplo, a 18 de 1990, a 29 de 1995, a 36 de 2002 ou a Lei de memoria histórica e a súa disposición transitoria sétima.
[ii] Autor do traballo ¿Cubanos con doble ciudadanía? premiado no Concurso anual da Organización Nacional de Bufetes Colectivos da Unión Nacional de Xuristas de Cuba, 1997.
[iii] A Constitución cubana de 1976, reformada en materia de cidadanía en 1992, di: «Artigo 32: os cubanos non poderán ser privados do dereito a cambiar de cidadanía. En consecuencia, cando se adquira unha cidadanía estranxeira, perderase a cubana».
[iv] La Habana, 15 de outubro de 1996.