Onde os asasinos instrúen aos policías

Onde os asasinos instrúen aos policías

As cloacas do Estado non paran de destilar ese líquido pestilente e nauseabundo no que os corruptos que o gobernan móvense coma peixes na auga, pero que crea ese ambiente irrespirable para a inmensa maioría dos que non somos coma eles e repúdianos ese cheiro.

Fai uns días apareceu nun diario madrileño que o terrorista da extrema dereita, que secuestrou e asasinou o 1 de febreiro de 1980 en Madrid a estudante vasca, Yolanda González, Emilio Hellin Moro, que agora seica cambiou o nome e chamase Luís Enrique Helling Moro (por aquilo de que quen manda é a kaiser Merkel, tivo a ben engadir unha “g” ao final para reivindicar que seu pai tamén era alemán). Este militante de Forza Nova foi condenado por ese asasinato a 43 anos de cárcere en 1982, pero en 1987, despois de intentar escapar, aproveitou un permiso de seis días para fuxir a Paraguai onde estivo protexido polo ditador Stroessner. En 1990 foi entregado ao Estado español, pero, tras unha evasión e dous intentos de fuga, déronlle outro permiso carcerario e foi posto en liberdade no ano 1996. A partir de aí montou unha empresa informática para seguir facéndolle traballos o Estado, diferentes dos que fixera antes de terrorista da extrema dereita asasinando a persoas inocentes que el xulgaba militantes de ETA. Como si se tratara de un descoido, o Ministerio do Interior dixo que ía investigar, pero pode o lector ou lectora imaxinar a posibilidade de que se lles puidera infiltrar e o contratado fora, na vez de Enrique Hellin, un terrorista de Al Qaeda condenado pola traxedia 11M?

Aínda que este sufrido pobo está curado de espantos e a súa capacidade de asombro non ten límites, a aparición desta noticia causou unha gran conmoción e rabia na sociedade vasca e nos familiares de Yolanda, pero neste caso non saíron as asociacións de Vítimas do Terrorismo rachando as vestiduras, dicindo que iso é humillar a vítima e a súa familia. Será porque consideran que existen vítimas de primeira e de segunda. Dá a impresión de que eles están para defender ao Estado, incluso nos seus excesos, pois nunca pediron xustiza para esas vítimas da guerra sucia.
Para botar mais sal na ferida, Iñaki Azkuna, considerado en internet mellor alcalde do mundo mundial (como lle gusta dicir a el) parece ser que mandou borrar un mural que fixeran a primeiros de febreiro, na memoria de Yolanda, os seus veciños de Deusto Ibarra. Despois o concelleiro de Obras e Servizos dixo que todo fora cousa da Ertzaintza (a que tamén instruíu o profesor asasino). O que non dixo o concelleiro foi quen lles deu o diñeiro aos alumnos de Hellin para pagarlle a empresa que a borrou, si fixeron un escote entre eles ou si lle pasaron a factura ao Goberno de Urkullu. O que está claro e que lles saíu o tiro pola culata, pois os veciños volveron pintar o mural para que quede alí como lembranza desas atrocidades fascistas e arbitrariedades policiais, xa que agora, debido a crispación social, é moi difícil que poidan xustificar por segunda vez a súa desaparición.

Mentres pasan estas cousas con total normalidade e impunidade, está prohibido protestar ou apupar aos gobernantes cando nos parlamentos toman decisións contrarias aos nosos intereses que antes das eleccións prometeran non tomar, pero están permitidas (cando non son premiadas con condecoracións e ascensos) practicas que son execrables en calquera país minimamente decente, como a tortura, a corrupción, o suborno e unha xustiza sempre a favor dos mesmos. Aquí a xente honrada, a xente humilde, quédase sen piso e ten que seguir pagando toda a vida ao banco que llo arrebatou. Os ladróns andan por fora repartindo sobres e facendo peinetas aos roubados, e as persoas que se opoñen a este tipo de feitos son carne de cadea perpetua made in Spain ou Lei Parot. Non se pode agardar nada dun réxime no que a Garda Civil arremete coa súa patrulleira contra unha pateira chea de emigrantes, co resultado de un morto e seis desaparecidos, e o único condenado é o inmigrante que conducía a pateira.

Xa dicía Eduardo Galeano que este é o mundo ao revés, e como proba pode valer un documento que circula estes días pola internet no que aparece un dos poucos líderes políticos que alcanzou unha lexitimidade democrática tan incontestable como é o finado presidente Hugo Chavez, na que di: Eu son Xefe de Estado porque me votou a maioría, e ao réxime do meu país chámanlle ditadura, e mais abaixo vese unha foto do sogro do Urdanga, co seguinte texto: Eu son Xefe de Estado porque me elixiu un ditador, e ao réxime do meu país chámanlle democracia.

Neste país do Borbón pensan que xa abonda con que nos conten pola televisión como nos rouban os nosos dereitos, os nosos cartos e o futuro dos nosos fillos. Mentres tanto nosoutros solo podemos levar un monumental cabreo, sempre que o fervor das nosas neuronas non exceda das paredes da nosa vivenda ou do caixeiro onde teñen que pasar as frías noites do inverno os desafiuzados, porque si antes a rúa era do galego por accidente xeográfico, don Manuel Aznar Iribarne, agora anda o seu delfín Gallardón intentando poñerlle portas ao campo para impedirnos que saiamos a el, inventando leis que vulneran dereitos fundamentais e ese dereito dos pobos a decidir que alporiza tanto aos “democráticos” militares, xa que a Constitución non se pode antepoñer ao patriotismo, porque o patriotismo é un sentimento moito mais antigo e a Constitución solo é un papel. A este paso solo os militares, asasinos, mentireiros e ladróns van ter dereitos, sentimentos e traballo neste país.