Obxectivo: eliminar a Hugo Chávez
Está cada vez máis claro que as eleccións do 26 de setembro son vistas con interese non só polos seus directos protagonistas, o pobo da República Bolivariana de Venezuela, senón tamén por outros moitos que poden xogarse parte do seu futuro ese día.
Nas últimas semanas comprobamos como se van intensificando os elementos internos e sobre todo externos que procuran influír no resultado electoral, e a maioría dos intervintes non dubidan en recoñecer ás claras que o seu obxectivo final é a eliminación polo medio que sexa do Presidente Hugo Chávez, pois saben que hoxe Chávez é o único garante de que o proceso de transformacións iniciado o 2 de febreiro de 1999 e que coñecemos como Revolución Bolivariana poida seguir avanzando.
Nas últimas semanas a xerarquía da igrexa católica amosounos unha vez máis que o seu reino tamén é deste mundo cunha decidida intervención no proceso político e electoral de algúns dos seus dirixentes e da mesma Conferencia Episcopal Venezolana oficialmente, intervencións que apoian á oposición e atacan ao goberno acusándoo de "inspirarse no réxime comunista cubano" e querer impoñer un "totalitarismo marxista"; a intervención da igrexa sigue a liña do apoio que en abril de 2002 deron ao golpe de estado cando o cardeal Ignacio Velasco foi un dos asinantes do decreto de constitución do goberno golpista.
Os Estados Unidos por medio de diversas axencias gubernamentais seguen planificando agresións e fornecendo de financiamento actividades desestabilizadoras de grupos e partidos opositores e medios de comunicación tal e como denuncian diversos intelectuais e investigadores e certifican documentos oficiais do Departamento de Estado de Estados Unidos recentemente desclasificados.
E si non chegaba con todo isto tamén entraron en acción o senado chileno e a dereita brasileira; en Chile foron senadores da dereita pinochetista e da concertación (democratacristianos e socialistas) os que protagonizaron unha burda inxerencia no proceso electoral venezolano ao aprobar unha iniciativa que esixía a presenza de senadores chilenos como observadores nas eleccións do 26 de setembro por considerar que non hai garantías suficientes de transparencia nas mesmas, tentando deste xeito e coa colaboración do ministerio de exteriores chileno sementar dúbidas sobre a limpeza da cita electoral. Curiosamente esa iniciativa aprobouse ao mesmo tempo que outra na que esixían ao goberno chileno que iniciara o proceso de recoñecemento do goberno de Porfirio Lobo saído das eleccións convocadas polos autores do golpe de estado de xuño de 2009 en Honduras e que foron boicoteadas pola oposición.
No veciño Brasil o papel de manporreiro dos intereses norteamericanos desempéñao nestes momentos o candidato da dereita ás eleccións presidenciais José Serra, pois aproveita o conflito entre Colombia e Venezuela como munición para atacar á esquerda na campaña das presidenciais; Serra acusou a Chávez de apoiar á guerrilla das FARC e a Lula de ser o seu cómplice por ter declarado varias veces o seu apoio ao presidente venezolano nos esforzos por baixar a tensión entre os dous países.
Pero o máis disciplinado e contundente agresor segue a ser o presidente en funcións de Colombia Álvaro Uribe; o goberno colombiano denunciou o día 22 de xullo nunha reunión extraordinaria da Organización de Estados Americanos (OEA) a presenza de máis de 1.500 membros das FARC e do ELN en campamentos ubicados presuntamente en territorio venezolano, esixindo unha investigación para verificar no prazo de 30 días a veracidade das probas. Como non podía ser menos esta acusación contou co inmediato apoio do Departamento de Estado norteamericano e co rexeitamento da maioría dos países da zona que amosaron o seu apoio a Venezuela fronte á nova agresión de quen hoxe por hoxe non deixa de ser un simple moneco que actúa en función das ordes que recibe dos norteamericanos.
Entre as supostas probas aportadas por Uríbe para defender a súa grave acusación está a foto que ilustra este artigo, unha foto na que calquera de nós aínda carecendo de coñecementos sobre estratexia militar ou xeografía da rexión pode comprobar que está tomada en territorio venezolano e que os perigosos guerrilleiros están treinando con armamento de última xeración co obxecto de facer unha nova incursión en Colombia.
O recrudecemento da campaña de ataques contra Hugo Chávez fainos pensar que a oposición, que se frotaba as máns hai uns meses ao observar os problemas á hora de conformar as alianzas electorais no campo bolivariano que finalmente provocaron que o PSUV só asinara co Partido Comunista de Venezuela, non as ten todas consigo e dubida do trunfo electoral o 26 de setembro. Por iso calquer iniciativa que socave o prestixio de Chávez é dada por boa.
Fronte ás continuas agresións tanto internas como externas, aqueles que apoian o proceso saben que unha grande mobilización de masas acudindo a votar o 26 de setembro é o única garantía de vencer, e teñen moi presente o que aconteceu no referéndum constitucional de 2007 cando a abstención de parte da base chavista impediu modificar a Constitución. A perda da maioría na Asemblea Nacional sería un primeiro paso adiante da reacción en Venezuela e un golpe de grande efecto simbólico en toda América Latina.
Fican aínda case dous meses nos que seremos bombardeados con múltiples noticias creadas nos laboratorios do sistema para desacreditar o proceso político venezolano e ao seu líder, fronte a isto compre ter presentes dúas cuestións:
A primeira que os norteamericanos nunca permitirán polas boas que o goberno dun estado actúe só en función dos intereses do seu propio pobo, e para impedilo empregarán todos os medios ao seu alcance, tanto legais como ilegais.
A segunda que o proceso bolivariano fixo avanzar a Venezuela sen que iso signifique non asumir a existencia de erros e contradicións nun país con importantes problemas estruturais aos que aínda non se lles atopou solución.