Obama asasina a Osama


Unha intromisión sen ataduras nos miolos das sociedades occidentais para deixar patente os asasinatos que esa sociedade festexa na vinganza e na desorientación do caos. Obama como símbolo do que nunca mudou e o derramamento do sangue como base para o control político do mundo.

A noticia celebrouse en occidente como se en vez de se tratar dun crime fose a salvación da humanidade. E isto poñéndolle moita fantasía, porque xa é difícil que unha sociedade como a que gobernantes e banqueiros fixeron nos últimos anos se mova por algo humano e positivo. Agora que se leva tanto o da reflexión, debería todo o mundo meterse no recuncho máis illado da casa e pensar friamente se alguén, sexa quen sexa, pode ser asasinado por sorpresa e sen posibilidade de defensa. E falo de defensa pensando simplemente en algo do que as hipócritas sociedades occidentais chamadas democráticas sempre presumen, como é o dereito a defenderse, no caso, ante un tribunal de xustiza. Pero cada vez é máis habitual que os pistoleiros ianquis (ou franceses, ou ingleses, ou españois... dentro do rango de atrocidades que cada un constrúe cada día) invadan un país e asasinen aos seus habitantes sempre de noite e con aleivosía, preparando de antemán a noticia convenientemente amañada que aparecerá en todos os medios de comunicación do mundo para transformar o que foi masacre en necesaria xustiza.

Todos os medios de comunicación do mundo, falando en termos imperialistas, que cantando arreo a liberdade de imprenta, unifican cada día con máis gravidade a noticia. Esa liberdade morreu hai tempo afogada polos banqueiros (outra vez eles, que son quen mandan os países e as nacións), de tal xeito que noticias deste tipo cóntanse igual e coa mesma contundencia en todos os medios de descomunicación. Lavado de cerebro, fanatismo, imposición do mesmo xeito de pensar e ver os sucesos. Ocultar os que non interesan e falar dos que meten caña contra quen pensan por si mesmos. Que baixo caeu o discurso da sempiterna liberdade e que falto de argumentación. Educación monolítica da ditadura da economía libre de mercado. Ese é o avance para que non pensemos outros mundos, outra humanidade, outra xustiza, outra economía sen rapina...

Obama, despois disto, volve subir nas enquisas. O do sorriso amábel que esperanzou a medio mundo inocente. Como se un presidente americano, tal como se pagan e levan as campañas electorias nese mundo podrido xa e fanatizado, puidese fuxir do control político e económico duns grupos que tomaron os cartos como deus único e verdadeiro ao que se lle reza despois de cada crime ou cada roubo. Quen nos vai librar dos ianquis, quen destes presidentes armados até os dentes para enriquecerse a conta dos demais? Quen vai poñer outra OTAN de signo totalmente diferente para que ambas as dúas contrapoñan o poder único sempre inxusto, empobrecedor e abusivo.

Matar, asasinar a Osama era un proxecto desde que se opuxo á política imperialista dos EE.UU. Pero xa sabemos o conto: en canto un títere colocado inicialmente por eses aterradores homes e mulleres do goberno norteamericano se lles rebela, xa se converte en demo ao que hai que asasinar. Cantos Osamas teñen creado estes pistoleiros que nen tan sequera aceptan o Tribunal Penal Internacional? Cantos pobos e nacións foron sometidos ao seu xugo? Cantos cartos saíron de aí para enriquecer ás catro familias máis ricas do mundo? Cantas guerras armaron por todo o mundo estes asasinos demócratas e civilizados dos EE.UU.? Cantas torturas e vexacións, canto asoballamento contra a dignidade de calquera pobo que non se quere someter aos seus intereses imperiais: 2750 seres asasinados en New York ou millóns de vítimas que Occidente non contempla porque son os parias da terra, e os parias da terra non teñen valor como temos os occidentais? Quen invade a quen? Quen nos vai defender da pouta destes fanáticos cando poñan o ollo nas nosas terras?

E necesitaba algo, Obama, para lle dar á xente de xeito que revolucionase o escepticismo e a desilusión dos seus votantes. E despois de os seus antecesores converter a Osama no mostro universal a liquidar, pois hai que loitar contra as forzas do mal nese argot fanático e confesional tan característico, a xogada heroica estaría agora en executalo. Ofrecerlle a cabeza ensanguentada a unha sociedade que berra cada día contra o terrorismo que eles mesmos crearon a nivel internacional, dándolle, por riba, tal definición só para os demais (as vítimas), e nunca para eles (os verdugos). E cada vez máis, os que rexen os destinos de moitos países occidentais, manchan as súas mans de sangue sen que por iso sexan xulgados polos homes caladiños que representan a xustiza. Imaxina, lector, lectora, que se me ocorrese dicir no canto de xulgalos, executalos. Supoño que enviarían un comando especial para facelo comigo. E despois condecorarían ao asasino e enriqueceríano con cartos, mais iso si, na intimidade clandestina dos cínicos. Pois apliquemos a mesma lóxica para todos. Se eles matan, os demais teñen dereito a defenderse.

O cadáver de Osama sepultouse imediatamente nas augas infinitas e imprecisas do mar. Saben que o símbolo nunca morre. Os símbolos, esa presenza eterna que aínda aquí non sabemos valorar e que nos van destruíndo cada día. E sen eles non somos nada, non facemos historia nen futuro. Había que sepultalo para que o mundo dos sacrificados e sometidos non erguese un santuario ao que irían cada día milleiros de persoas para clamar a vinganza. Non coido que agora haxa silencio ao respecto. Nen pasividade. Está fresco aínda o asasinato vilmente tamén un presidente dunha nación, a iraquiana. Agora intentan facer o mesmo con Siria, Libia... Ao final sempre o mesmo: había que someter ás potencias petroleiras que aínda non estaban controladas. Tanto barullo en Oriente para acabar dándolle a volta á política nacionalista deses dous países.

Que facer? era a frase que aínda onte facía mover as masas. Plastificadas estas, controladas por ese aparato de aparvar, acostumadas a recibir espelliños sen tan sequera gañalos, aí están, submisas e desorientadas. Pero segue esa outra masa consciente, á que non é doado enganar. E ten que reaxir doutra forma, con outros modelos, con outros métodos de batalla. Os antigos avellaron. Os tempos mudaron. A aventura destes últimos anos de conquistar o aprecio do sistema aí quedou, fracasada para a conquista doutro mundo sen ladróns nen asasinos gubernamentais. Habemos converter a ira que nos embarga fronte a este caos criminal, en esperanza e ilusión noutro mundo. Estudadas as formas novas para atallar o enferruxamento que se nos pegou no cerebro como unha lapa. Pois se non o conseguimos, esta impotencia converterase nunha especie de cadaleito que nos irá afogando. Pobres, explotados, asoballados e enganados do mundo: unídevos.