O regreso de Noriega
O 20 de decembro de 1989, os Estados Unidos lanzan unha invasión en todos os frontes contra Panamá, un país que contaba daquela con apenas dous millóns de habitantes; a operación, que tiña ironicamente por nome Causa Xusta, levaba coma obxectivo a captura de Manuel Antonio Noriega, Comandante en Xefe das Forzas de Defensa e ditador de fato do país centroamericano.
Durante a súa época de dominio Noriega fora desmontando as reformas sociais impulsadas pola cabeza máis destacada dos militares panameños, que tomaron o poder en 1968 entre disputas partidistas de carácter burgués, Omar Torrijos, que conseguiu firmar cos EUA uns novos tratados do Canal de Panamá, revertendo os tratados orixinais nos que se brindaba aos norteamericanos unha franxa de dez millas arredor do Canal a perpetuidade, e que derivaron no retorno a Panamá da soberanía do Canal o derradeiro día de 1999, rachando a situación colonial que vivira o país canaleiro dende a súa fundación.
Entre outros, firmou préstamos co FMI que obrigaron a Panamá a transformar unha estrutura económica estatal baseada no impulso dos asentamentos agrícolas, o traballo cooperativo e a industrialización progresiva do país a un representante da libre empresa inmerso nun mercado capitalista global e cunha dependencia case crónica do sector servizos. Todo isto enmarcado nun aumento da represión, tanto a esquerda como a dereita, e no deterioro dun sistema político xa feble de por si, perdendo lexitimidade tanto dentro coma fora do país.
A principal forza de Noriega era un importantísimo coñecemento das intrahistoria nas actividades de axencias norteamericanas como a DEA, encargada en teoría da loita contra o tráfico de drogas, debido a que el mesmo se converteu dende 1960 nun axente da mesma, chegando a reunirse en varias ocasións con George H. W. Bush cando este fora director da CIA.
,Tamén tivo unha participación moi destacada no caso Irán-Contra, xa vinculado a CIA encargábase de mover maletíns con cocaína a través do aeroporto de Tocumen, en Panamá, coa axuda dos militares que comandaba para destina-los beneficios da súa venda o financiamento da Contranicaragüense, acumulando unha cantidade moi importante de información sobre os métodos ilícitos destes departamentos de intelixencia.
Cando o Irán-Contra ve a luz e a relación de Noriega co tráfico de drogas se fai cada vez máis evidente, con reunións entre Noriega e Pablo Escobar incluídas, muda a defensa pública que antes lle brindaran os seus amigos dos EUA, e unha vez Bush pai chega a presidencia, tras indultar a todos os condenados da administración Reagan polo mencionado caso, inicia os preparativos para derrocar a Noriega.
Se ben en teoría a única intención era capturar a Noriega para xulgalo en EUA, e sen ter en conta as probas de armas e novas técnicas bélicas feitas durante a agresión a Panamá, dende o primeiro momento a invasión por tódalas frontes se converteu na opción favorita para os norteamericanos, a pesar de que entre outros, déronse varios intentos de derrocar a Noriega ao interno das mesmas Forzas de Defensa, chegando dous meses antes da invasión Moisés Giroldi, con Noriega reducido e capturado, a chamar as bases da Zona do Canal de Panamá -nome oficial da colonia de soberanía estadounidense arredor do Canal- solicitando información sobre onde querían que lles deixaran o ditador. Finalmente varias horas despois, ante a falta de resposta dos EUA, os militares aliados a Noriega acadan a súa liberación, mentres que Giroldi e o restos dos oficiais foron fusilados esa mesma noite, na chamada Masacre de Albrook.
Trala invasión, Noriega foi levado a cadea en Miami-Dade, e condenado a 40 anos coma prisioneiro de guerra, coas redución de penas agardábase que en 2009 podería saír, e en coherencia co seu estatuto de prisioneiros de guerra como di a Convención de Xenebra, debía ser repatriado a Panamá o remataren a súa condena, sen embargo, tanto as implicacións que podería ter ao interno da política panameña a súa volta e sobre todo, o risco de que puxera en disposición do público información sensible para os intereses dos EUA levaron a xustiza norteamericana a ignorar a lexislación e envialo a Francia, por una condena de dez anos acusado de lavado de cartos naquel país. A condición imposta para facer efectiva a extradición foi que antes de ser enviado nun hipotético futuro a Panamá isto tiña que contar coa aprobación dos EUA.
Un dos puntos máis controversias desta extradición foi que amais da súa consideración coma prisioneiros de guerra, ten condenas pendentes en Panamá por crimes máis graves coma homicidio, e que poderían sumar 20 anos de prisión; nesta situación, os xuíces dos EUA argumentaron que o estado panameño non se interesara polas acusacións contra Noriega, chegando a non presentar representantes do mesmo os xuízos.
Aínda que non se contaba con que Noriega puidera regresar con vida a Panamá, a irrupción dos Wikileaks trocou o panorama informativo mundial, abrindo o público unha gran cantidade información que deixaría en segundo plano as revelacións que Noriega puidera dar ou por xa estar mencionadas ou por que en vista do caudal de datos feitos públicos estas xa non serían tan negativas. Isto levou ao goberno dos EU a cambia-la súa posición sobre o tema, o que levou a semana pasada a un tribunal francés a aproba-la volta de Noriega a Panamá.
Agárdase que antes de final de ano poida chegar ao país istmeño, provocando na clase política panameña un medo case irracional, tendo en conta que boa parte dos persoeiros políticos da actualidade fixeron as súas fortunas coa a colaboración de Noriega e a outros tanto foi el que os meteu na area política, o que explica o pouco interese en que o ex ditador volvera a súa terra, canto máis o provir esa decisión de intereses máis importantes que os que afectan a Panamá.
E todo isto, pouco menos dun mes antes do 22 aniversario da invasión estadounidense, cun número de mortos aínda por determinar de xeito oficial, pero con fontes que falan de ate 5 mil, e mentres as fosas comúns en barrios humildes onde os EUA agocharon os seus pecados continúan pechadas.