O referendo grego
Despois de moitas tirapuxas nas reunións do Eurogrupo o goberno de Syriza deu un sorprendente e arriscado movemento que deixou descolocada á troica convocando un referendo o 5 de xullo para que sexa o pobo grego o que se pronuncie directamente sobre as medidas postas enriba da mesa polos representantes do Eurogrupo, medidas que de aplicarse suporían novos e máis duros recortes para a poboación grega.
A pregunta á que o pobo grego debe respostar SI ou NON é
Debería aceptarse o acordo que foi entregado pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional no Eurogrupo do 25.06.2015 e que se compón de dous partes e que constitúe a súa proposta unificada?
O primeiro documento titúlase: "Reformas para a culminación do actual programa e máis aló" e o segundo, "Análise preliminar de sostenibilidade da débeda".
Nesa consulta do vindeiro domingo Syriza pide aos greg@s que voten NON.
Van alá cinco meses desde que Syriza gañou as eleccións parlamentares do 25 de xaneiro dando unha luz de esperanza a un pobo farto de sacrificios que non servían para nada e de supostas negociacións coa troica que á hora da verdade eran claudicacións duns gobernantes que respondían sempre cun “sí, bwana” aos señores de negro procedendo a impoñer novos axustes que teñen levado a unha perda de máis do 50% de poder de compra da clase traballadora e a que segundo datos oficiais europeos en 2014 máis do 35% da poboación grega estivera por debaixo dos índices de pobreza.
A convocatoria da consulta do 5 de xullo pode verse como un golpe que di CHEGA XA! nunha mesa que non podemos chamar de negociacións pois é unha mesa de imposicións, e caso de gañar o NON o balón pasará ao tellado dunha troica que deberá estudar moi moito o que facer diante dunha decisión soberana non só dun goberno senón dun pobo chamado a consulta.
Pero caso de gañar o SÍ quen se atoparía cun grave dilema sería un Tsipras que sería desautorizado por un pobo que con ese SÍ estaría aceptando as medidas da troica, nese caso a Tsipras só lle restarían dúas opcións, a primeira aceptar as condicións impostas polo Eurogrupo e aplicalas, a segunda dimitir e dar paso a novas eleccións parlamentares.
Non vou ser eu quen lles dea leccións ás xentes que en Grecia sofren as inhumanas políticas ditadas pola Unión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional, pero ao igual que mostrei a miña alegría pola derrota de Nova Democracia e do Pasok o 25 de xaneiro pasado tamén dicía nun artigo escrito o día despois daquelas eleccións que o difícil empezaba naquel momento, pois nin acreditaba daquela nin acredito cinco meses despois en que que a cuadratura do círculo sexa posíbel; é dicir, eu non creo posíbel que as esperanzas de mudanza expresadas polo pobo grego derrotando ao bipartidismo o 25 de xaneiro poidan compaxinar co manifestado polo propio Tsipras no Financial Times días antes de celebrárense aquelas eleccións cando dixo que “...Un Goberno encabezado por Syriza respectará as obrigas de Grecia como membro da eurozona para manter o equilibrio orzamentario e comprometerase a obter obxectivos cuantitativos...”.
A chamada a unha consulta popular é unha medida audaz sempre e cando leve detrás unha alternativa que non sexa a proposta do goberno grego posta enriba da mesa o 22 de xuño e que aínda sendo menos lesiva que a feita polo Eurogrupo tamén incluía recortes como o aumento progresivo da idade de xubilación até os 67 anos, o aumento da cotización da clase traballadora e do empresariado á seguridade social e dos pensionistas ao sistema de saúde.
,Debo recoñecer que son pesimista ao respecto da existencia dunha alternativa solvente pois nestes meses Tsipras e Varoufakis perderon ocasión de ir vacinando ao pobo grego contra o que verdadeiramente significa a Unión Europea e cales son as súas regras, deberían ter sido máis pedagóxicos e ir preparando á xente para o que sen dúbida ía vir pero non o fixeron. Por contra crearon unhas expectativas falsas chegando incluso Tsipras a facer unhas declaracións que se demostraron ridículas cando en febreiro ao remate do primeiro Consello Europeo ao que asistiu dixo que a troica xa non existía e que eles estaban a negociar coas “institucións”.
A convocatoria do referendo sendo un movemento táctico importante agocha un problema político de fondo que impide a Tsipras poñer sobre a mesa unha proposta que non sexa só a de afrouxar a soga dos recortes. A maioría da dirección de Syriza encabezada polo propio Tsipras segue mantendo a súa confesionalidade coa Unión Europea e non asume que o problema dos recortes impostos non se debe a unha actual correlación de forzas negativa e circunstancial senón que a Unión Europea ten papel protagonista na explotación e no sometemento dos pobos e nacións de Europa. Manter esa confesionalidade coa UE e co euro pode ser a súa perdición tal e como veñen advertindo desde hai algún tempo sectores internos do partido que defenden un cambio de rumbo como a Plataforma de Esquerda con Lafazanis e Lapavistas ou a xente do maoísta KOE.
Unhas horas despois de terse anunciado o referendo podíamos ler como o dirixente do KOE Errikos Finalis escribía preocupado na súa conta de facebook que o referendo como simple táctica negociadora podía producir un efecto boomerang, resumindo dese xeito tan explícito un duro artigo da revista Dromos publicado ese mesmo día no que despois de atacar ao Eurogrupo polas inaceptábeis presións sobre os negociadores gregos dicían que non había cambio de estratexia en Tsipras e sinalaban que algunhas declaracións de membros do sector maioritario de Syriza poñían moi difícil o labor de quen debían facer campaña polo NON e daban a impresión de que ao ser o referendo un simple movemento táctico até podería darse o caso de que antes do día 5 Syriza modificara a opción de voto pedindo o SI a unha nova proposta de acordo.
Nas críticas coincide tamén o KKE (Partido Comunista Grego) que denuncia o tipo de pregunta aprobada para a consulta por considerala gañe o SI ou gañe o NON un xeito de apostar pola continuidade de Grecia na UE e no euro; para eles Syriza propón ao pobo grego escoller entre Escila e Caribdis (na mitoloxía grega dous monstros situados nunha estreita canle de auga e que supoñían un perigo mortal para os mariñeiros pois ao tentar fuxir dun deles caían en mans do outro). O KKE chama ao voto nulo e a converter a participación no referendo nun xeito de expresar e fortalecer a oposición á Unión Europea.
De ser grego eu votaría NON o domingo, sería un NON á UE e un SI á construír unha Europa dos pobos agardo que ese sexa o resultado maioritario aínda que o vexo moi difícil pois son intereses moi poderosos os que están bombardeando Grecia con mensaxes que anuncian a chegada da apocalipse se non aceptan as condicións impostas polo Eurogrupo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.