O referendo de autodeterminación

O referendo de autodeterminación

Palestina, Kurdistán,... moitos povos persisten na súa loita por seren libres, pois só renunciarán á liberdade cando a acaden, como ben dicía Castelao para a nosa nación, Galiza. Nos últimos tempos, nun ámbito máis achegado Escocia ou Catalunya –por pór só dous exemplos- están a avanzar a grandes pasos cara a culminar procesos de autodeterminación. O caso do Sáhara ensínanos como a grande vontade do seu povo, a resistencia política e a non renuncia ao territorio pode facer que unha nación continúe no camiño para lograr un día a liberdade e así poder relacionarse co resto do mundo en pé de igualdade. A loita do Sáhara é de longo percorrido e debe enfrontar o atranco do esquecimento intencionado da comunidade internacional e innúmeras outras dificultades. Pero a xustiza das súas reclamacións ha de ser, cedo ou tarde, recompensada coa vitoria por riba de intereses allleos.

Dous son os países que en grande medida xeraron o enorme problema político, económico e humanitario que dende hai décadas esmaga o povo saharauí: o Estado Español, antiga colonizadora dende finais do século XIX, e Marrocos, invasora e ocupante que dende hai corenta anos exerce con toda caste de violencias un poder ilexítimo sobre o territorio do Sáhara Occidental. A responsabilidade española é tripla. Primeiramente porque ao longo da recente historia tivo un rol colonial que impuxo o seu dominio ao que era un territorio independente. En segundo lugar porque respostou de xeito desastroso ás demandas de liberdade que tomaron corpo a finais dos anos 60 do pasado século, cando se comezou a organizar un movemento de liberación nacional que culminaría coa constitución do Frente Polisario. Tampouco as recomendacións e demandas expresas das Nacións Unidas conseguiron que o Estado Español exercera con responsabilidade o mandato de descolonización como potencia administradora que era a mediados dos anos setenta, ao xeito do que se viña producindo no resto dos países africanos e doutros continentes. Permitir que Marrocos invadise o territorio saharauí en 1975 foi unha decisión inefábel que leva provocado enorme dor e inxustizas a centos de miles de saharauís ao longo de máis de catro décadas. E finalmente a responsabilidade do silencio, do interese económico e político, o non querer molestar outros países por cálculo egoísta de todos estes anos, o que provoca que falar do Sáhara é falar do derradeiro territorio que fica formalmente por descolonizar de toda África e case do mundo.

Pero o povo saharauí nunca se deixou vencer. Leva tanto tempo reclamando os seus dereitos como o que vive baixo o xugo marroquino, como antes do español. Constituiu a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), expulsou Mauritania do seu territorio, logrou manter parte do seu país lonxe da cobiza de Marrocos e mantén a dignidade e a esperanza nas mohaias, nos acampamentos de refuxiados do Tindouf, agardando que as xentes de El Aaiún poidan voltar ao El Aaiún orixinario, as de Smara á Smara hoxe ocupada, as de Auserd ao Auserd onde viven sometidas as súas compatriotas, e que as persoas da wilaya de Daila poidan se reencontrar coas vellas veciñas, parentes e amigas da vella Daila e vivir en paz e liberdade. Dende o ano 1991 a guerra por liberar o seu país deu paso á MINURSO, a Misión das Nacións Unidas para a organización do Referendo de Autoderminación. Este debera terse feito en 1992 pero aínda a día de hoxe non se celebrou debido á feble postura das Nacións Unidas, ao desinterese de moitos dos países influentes e responsábeis desa situación (Franza significadamente), e á prepotencia e chantaxe dun Marrocos que quere consolidar co paso do tempo a situación de ocupación que lle permite, de facto, aproveitar os grandes recursos saharauís, como son a pesca no banco canario-sahariano e as minas de fosfatos.

Son moitos os anos agardando pola xustiza e o cumprimento da legalidade internacional en forma de referendo de autodeterminación. O estancamento do proceso condena os habitantes dos campos de refuxiados a non ter futuro, alén da axuda prestada por nacións amigas como Alxeria ou Cuba. A poboación que vive nos territorios ocupados (dentro desoutro muro da vergoña que Marrocos construiui ao longo de máis de 2.000 quilómetros) non ten unha situación mellor, vítima de torturas diarias e submisión económica, cultural e social. A experiencia di que as expectativas do povo saharauí son a día de hoxe escasas e só haberá futuro de continuar a loita para facer valer os seus dereitos. As novas xeracións procuran saídas que lles dean esperanzas. Unha nova fase albíscase na procura da soberanía ante un Marrocos que unicamente contrapón unha falsa autonomía e unha represión certa e sistemática. A finais de 2010 un movemento de miles de persoas protestou durante varios meses pola situación en que se atopaba, constituindo o acampamento de Gdeim Izik. A resposta de Marrocos foi a de asaltar o acampamento con 3.000 militares provocando ducias de mortos e desaparecidos, así como miles de detidos e o posterior asalto e destrución de vivendas en varias cidades ocupadas, feitos dunha magnitude que a censura non permite visualizar cara a fóra. O pasado mes de xullo, un xuízo militar condenou 23 activistas saharauís de Gdeim Izik a penas de decenas de anos e 8 cadeas perpetuas. O xuízo foi denunciado repetidamente por moitas organizacións internacionais pola súa ilegalidade xurisdicional (un tribunal militar que xulga persoas dun territorio ocupado sobre o que non ten capacidade legal ningunha), polas febles probas achegadas, obtidas en moitos casos mediante torturas, e polas ducias de ataques aos dereitos humanos.

Dende hai un ano Brahim Gali é o novo presidente da RASD e mantén vivo o compromiso de loita do seu povo até acadar a completa liberdade. E aínda recentemente o Exército de Liberación do Sáhara mantivo unha tensa disputa con Marrocos por Gerguerat, localización de grande importancia simbólica e estratéxica pola súa situación achegada ao mar, única vía en que os territorios liberados saharauís acceden ao Océano e, ao tempo, fronteiriza con Mauritania e a zona baixo control militar marroquino. Todo o Sáhara Occidental, como o Gerguerat que se abre ao mar, ha ser un país libre.

Isto é o que centos de nenas e nenos saharauís nos contan estes meses na súa estadía en Galiza e outros países: a esperanza de manter unha identidade, de acadar un futuro e de loitar pola liberdade e unha vida digna. Con todas as diferenzas e semellanzas, a súa determinación é tamen a nosa, e a de todos os povos que procuran a liberación.