O pobo saíu a rúa
Ninguén pode negar o arraigo social dos presos vascos nin os sentimentos de solidariedade que suscitan entre a poboación de Euskal Herria. Esa solidariedade encheu o pasado día 7 as rúas de Bilbao para levar a cabo unha das manifestacións populares mais importantes deste pobo, a pesar da intimidación que supuñan os membros da Ertzaintza encarrapuchados e co seu material antidisturbios apostados nas rúas polas que se podía acceder a praza da Casilla, de onde saía a manifestación.
Algúns deles, debido a indiferenza dos manifestantes que pasaban ao seu rente, daban a impresión de que se sentían ridículos e fora de lugar, como ridículas son as ordes dadas pola Audiencia Nacional de perseguir os sentimentos de afecto e de cariño, prohibir que os familiares porten fotografías dos presos; non como un acto de escarnio nin para ofender as vítimas, que merecen todo o respecto, senón para reclamar os dereitos mais elementais que lles corresponden as persoas presas ou exiliadas. Non poden entender que os que eles chaman terroristas conciten tantas simpatías despois de estigmatizalos con adxectivos despectivos e prohibir que se lles chame presos políticos vascos, como si houbera outra forma de explicar a situación na que se atopan os condenados no proceso 18/98, os do caso Egin, Arnaldo Otegi, Rafa Díez e outros tantos, que o único que fixeron foi poñer en marcha este proceso de paz.
Os que non se debían sentir ridículos eran os ocupantes das nove furgonetas policiais paradas na rúa Autonomía antes da saída da manifestación, que de vez en cando aceleraban bruscamente no medio dos manifestantes co fin de intimidar. Tampouco se cansaron de facer xestos provocativos desde dentro aos que os manifestantes non deron aprecio para que a marcha chegara sen incidentes as portas do Axuntamento.
Esta manifestación, convocada pola iniciativa Egin Dezagun Bidea (Fagamos o camiño) estivo apoiada pola Esquerda Abertzale, Ea, Aralar e Alternatiba, ademais de diversos colectivos e partidos políticos de outras nacións do Estado. Podemos dicir que estiveron presentes todos os partidos políticos con base social en Euskal Herria salvo o PP, PSE, UPN e PNV. Non se entende a negativa do PNV salvo polo seu aliñamento co españolismo polo medo a perda de poder económico na nova situación creada, xa que apoiaron a do 1 de abril de 1996, cando ETA deu un alto ao fogo e a que tivo lugar o 9 de xaneiro de 1999 tras o Acordo de Lizarra-Garazi e non agora que o cese da violencia é definitivo.
Probablemente pague o PNV pague nas próximas eleccións a súa falta de compromiso nun tema tan sensíbel para a sociedade, porque unha cousa é o que pense a dirección do partido e outra moi distinta o que pensan os militantes e os que depositan os votos nas furnas. Parece ser que, nesta conxuntura, para os militantes e simpatizantes foi mais forte o sentimento de solidariedade cos presos que seguir as liñas do partido, xa que esta manifestación foi mais numerosa que a que apoiaron os seus dirixentes tras o Acordo de Lizarra-Garazi. Neste caso viron que se daba unha nova situación e acudiron a ela sen a recomendación do partido e de pouco serviu que durante toda a semana un periódico próximo ese partido, co ánimo de enredar e crear confusión, estivo dándolle voltas a uns supostos documentos que un dia atribuía a ETA e outros a calquera organización da Esquerda Abertzale, afirmando que ETA esixía aos presos que non pediran perdón as vítimas do terrorismo e non reparar o dano causado. Non é a primeira vez que ese periódico recorre a estas argucias, pois xa en maio do ano pasado profetizaba interesadamente a volta a violencia dunha escisión de ETA para despois das eleccións municipais.
A marcha foi un acto de civismo colectivo, civismo que non se rompeu sequera coas provocacións que antes dixemos, e os únicos lemas que se corearon foron Presoak kalera, amnistia osoa (Presos a rúa, amnistía xeral), Euskal presoak etxera (Presos vascos a casa) e a canción de Nadal Hator hator (Ven, ven), que non estaban censurados pola Audiencia Nacional.
Xa non hai escusa -como dixeron ao remate da manifestación- e despois de esta numerosa manifestación o Goberno debe de cambiar a súa política penitenciaria se quere tomar a senda do Estado de Dereito, porque a política actual non ten nada que ver coa aplicación da xustiza senón que se trata dunha vinganza e un castigo engadido a presos e familiares, algo impropio nun país que se queira chamar democrático. Hoxe, dos 665 presos que hai nas cadeas, segundo a asociación Etxera hai 175 que xa cumpren os requisitos para ser liberados. O Estado non pode seguir guiando a política penitenciaria polo odio, xa que o outro día en Bilbao simplemente se reclamou que se cumpra a legalidade, rematar coa excepcionalidade e que verdadeiramente a lei sexa igual para todos tal e como dixo o Rei dos españois.
Perderon a batalla política e por iso utilizan a represión como baza. Non poden aceptar a confrontación democracia e por medio do castigo aos presos pretenden volver ao pasado no que se atopaban moito mais cómodos, por iso a presidente da Asociación de Vítimas do Terrorismo, Ángeles Pedraza, o mesmo día que se cumpría un ano da declaración de ETA dixo que fora un ano nefasto para as vítimas da organización armada. Si esta situación non é do seu agrado pode agardar sentada polos tempos pasados, xa que o pobo vasco non vai dar marcha atrás na súa teima de acadar a paz, a democracia e a liberdade.