O papel da xuventude na posible transformación socio-política dos países do Magreb
Dende que os pobos teñen conciencia do paso do tempo e as pegadas que ese discorrer vai deixando no noso interior e na nosa pel, intentouse abordar unha explicación crible sobre este feito; e só cando se asumiu a fin da madureza ten exaltado, como unha sorte de compensación, a puxante animalidade da xuventude. Con carácter xeral identifícase a existencia xenérica do mozo e asúmense os rituais de paso ao tempo adulto como un dos momentos decisivos da existencia. Pero non sempre, nin en todos os tipos de sociedades, se considerou a figura do mozo do mesmo xeito, nin a súa valoración e significación foi idéntica.
Estimar ese incerto paso dende a adolescencia á vida plenamente adulta, que individualizamos e denominamos como xuventude, como un período con especial significación na dinámica social ou de particular incidencia no ámbito íntimo e persoal, non é certamente, como podería pensarse, unha constante repetida en todas as épocas e sociedades articuladas na perspectiva dun proceso histórico global.
É máis, existe un cambio significativo e perceptible, que, ao meu xuízo, ten especial incidencia na consideración da dinámica do mundo contemporáneo. De xeito paulatino, a partir da exaltación voluntarista da paixón vital xuvenil do período romántico desenvólvese un proceso no que, cada vez máis, a xuventude non é tanto unha época da vida canto un conxunto de actitudes que constitúen os sinais de identidade dun grupo social cada vez máis patente e recoñecido, caracterizado e identificado por uns usos pero tamén por unha vontade de afirmación e participación política, que establece unha dimensión totalmente nova respecto da súa capacidade de incidencia e acción no seo das súas respectivas sociedades. A imaxe simbólica do mozo deixou paso á xuventude como status social determinado.
Unha variable que os dirixentes políticos, os poderes fácticos e os movementos cidadáns máis convencionais non desconsideran e que todos eles buscan orientar e empregar en beneficio dos seus particulares fins e obxectivos, conscientes da súa indiscutible forza potencial. Pero sabedores tamén de que toda esa potencia carece de articulación, de orientación, de doutrina e tan só baséase no rexeitamento e a denuncia do existente; a menos, que se dean particulares condicións e circunstancias onde a súa definición, de orientación indeterminada e incerta, se aglutinen en torno dunha reivindicación concreta que introduza algún cambio significativo en discorrer dos acontecementos. Algo que parecese caracterizar aos movementos pacifistas dos anos sesenta e setenta e que hoxe se tende a recoñecer nos sectores dos indignados e, por primeira vez, na xuventude magrebí e a súa resolta participación na loita polas liberdades civís.
Para que a xuventude se identifique como un segmento social característico que ocupa un lugar particular e específico na dinámica social, con protagonismo e crecente vontade de presenza e acción e ata con capacidade de acceso e desfrute de certas cotas de poder e participación cidadá, teremos que chegar ata o pasado século XX. Como consecuencia, de forma xeneralizada no mundo occidental aínda que non desenvolvida de xeito identicamente simultáneo, da radicalización da loita política e, paradoxalmente, da implantación progresiva do ensino con carácter masivo e obrigatorio, e a conseguinte expansión da formación a nivel medio e superior.
Ese intenso esforzo formativo, consubstancial á consolidación dos estados modernos, leva á aparición significativa dun sector social definido, claramente identificado en razón da súa idade e caracterizado por un grao de preparación intelectual e formación a nivel profesional moi superiores ao dos seus maiores. Un grupo que busca participar e incidir na vida cidadá e cuxa eclosión máis impactante e imprevista se produciu como consecuencia das revoltas do ano 1968, nas que a xuventude tivo unha presenza particularmente destacada.
Con posterioridade, o seu recoñecemento como un sector de elevado nivel de consumo especializado, dentro da chamada sociedade do benestar, e a súa familiarización cos usos e abusos das novas tecnoloxías, reforzan a súa condición específica como grupo e consolidan a súa presenza e protagonismo social. Unha forza potencial que se busca estabilizar e neutralizar a partir da oferta dun espléndido e encantador repertorio de lúdicas proposicións virtuais que, sobre a base dun continuo e renovado entretemento concibido para ocupar totalmente o seu tempo sen cumprir, fatalmente, as súas expectativas vitais, disolve e individualiza a súa inconformidade e o seu potencial rebeldía. Unha forma de prolongar o seu período xuvenil que podería chegar, no extremo, ata o final da súa vida laboral. Unha das contradicións máis indixestas da nosa insegura contemporaneiade. Ben distinta e moito menos gradual é a evolución do proceso de identificación dos sectores sociais xuvenís no marco das sociedades islámicas e, en particular, no contexto magrebí. Algúns dos problemas que lles producen cobiza non son senón a consecuencia dese acelerado xurdimento que se xera a partir dos anos oitenta do pasado século e estala, de xeito xeneralizado aínda que con distintas particularidades nos diferentes contextos políticos, xa iniciado o século XXI.
No Magreb, os usos sociais tradicionais e a necesaria e imprescindible renovación modernizadora a abordar, que defina, de forma necesaria e imprescindible, os modos de vida esencialmente contemporáneos das súas respectivas sociedades, coexisten e cohabitan nun sempre difícil e inestable contexto cheo de desequilibrios e contradicións. No que todos os esforzos por frear os cambios que deben de producirse están condenados ao fracaso, con grandes custos e perturbacións para esas comunidades, pero cuxos resultados reais non poden predicirse aínda.
A concepción social tradicional, derivada dunha interpretación en clave relixiosa da vida da comunidade, descoñece o papel da xuventude, obrigada a unha madureza temperá, e cuxa capacidade de decisión está fortemente mediatizada polas oligarquías que controlan a administración e a propiedade territorial, no caso das sociedades de natureza sedentaria, e polo poder exercido polos maiores e polos pais no seo das familia e dos clans, dentro dos modelos de organización orixinariamente procedentes dun modo de vida nómade. Só o acceso á minoritaria sociedade oligárquica, enormemente complexo e restrinxido, nun caso, ou á condición adulta de pai, indubidablemente máis factible, no outro, permiten acceder a cotas de participación e decisión significativas. Unha situación que implica o non poder asimilar corporativamente a novidosa aparición dun sector ou grupo xuvenil definido nestes contextos nin lle asegurar outra participación social que a espera da condición adulta ou o status necesario para ser asimilados a ela.
En contradicción con esta, os intentos de modernización que se potencian como consecuencia da influencia dos modelos sociopolíticos occidentais na época colonial e a construción dos novos estados independentes, necesitados dunha dinámica histórica nova e á vez renovadora e moderna, sobre a que construír as súas potencialidades societarias como tales estruturas políticas nacentes, xera transformacións que, no tema que nos ocupa, producen, a través dunha crecente escolarización, un proceso semellante ao europeo, no que ese grupo xuvenil nacente aparece definido con forma e forza puxante. Cuxa formación cultural é moi superior á da maioría da poboación, na súa parte máis definida e concienciada, aínda que numericamente máis reducida en relación coa que xorde en occidente, pero cuxo volume e peso social é máis forte e significativo, como consecuencia dun proceso demográfico particular no que a poboación en idade xuvenil adquiriu un volume moi considerable que oscila entre o 30% de Túnez e o 40% de Libia. O seu número supera á súa capacidade de conciencia, análise e decisión, decididamente moito máis reducida, pero implica unha potencialidade maior nun proceso de transformación que a adxudicada aos seus homólogos europeos.
A súa aparición e toma de conciencia e a súa presenza na dinámica social como grupo definido coinciden coa inestabilidade política e as tensións sociais que vive o Magreb nos inicios do século XXI, resultado desigual de condicións endóxenas e intervencións exóxenas, e producen un novo factor a considerar cuxa importancia non deberían de minimizar os que se preocupan pola construción futura das súas respectivas sociedades. Grupos de mozos, homes e mulleres (nos que a muller adquiriu novos papeis e responsabilidades non contempladas no modelo tradicional), con capacidade de análise e conciencia crítica cara ás grandes deficiencias e desigualdades nas que se forxaron as súas respectivas sociedades que reducen e minimizan as súas expectativas cara ao porvir. Basicamente non se encontran cómodos co seu presente pero séntense moito menos identificados cos seus previsibles futuros, que quererían construír de formas substancialmente diferentes ás esperadas.
A súa primeira percepción constata unha enorme inseguridade, resultado duns elevados índices de desemprego que non aseguran senón o mantemento dun nivel de vida absolutamente precario e a posibilidade de acceso a un mercado laboral escaso e de mínima efectividade social. Outras das súas denuncias e reclamacións poñen o seu acento no rexeitamento do despotismo autoritario que adoita caracterizar o comportamento de calquera representante do poder, na falta de liberdades e na ausencia de respecto cara aos e as demais, a denuncia da corrupción xeneralizada, os recortes nas xa restrinxidas políticas públicas de protección social, a negación efectiva dos dereitos humanos máis elementais, a represión policial e o control da liberdade de expresión, a especulación e, en último termo, a inadecuación das estruturas políticas actuais para promover os cambios que supoñerían a superación das denuncias anteriores.
Unha lista de deficiencias e esixencias que inclúe desexables transformacións de carácter político pero tamén, o que resulta máis problemático aínda que non o pareza, o rexeitamento a actitudes e comportamentos que inciden nun cambio cultural e nas formas e modos de vida das súas sociedades. E eses son, aínda que non o pareza, os puntos máis conflitivos dunhas sociedades pouco predispostas ás transformacións esenciais.
O peso dos modelos tradicionais de vida, asociados de forma equívoca á defensa dos principios esenciais do islamismo, dificulta tanto o recoñecemento dos novos interlocutores canto a aceptación da lexitimidade das súas propostas doadamente cualificables como "demoníacas". E é que un momento diferente necesita de interlocutores que pensen e, sobre todo, actúen dun xeito distinto aos usos comunmente admitidos. Se asumimos a necesidade de transformacións e cambios nestas sociedades deberiamos de poder aceptar a capacidade de promovelos e plasmalos a través do maior consenso e diálogo social posible, facilitando a presenza de todos os interlocutores que asuman esa vontade renovadora no proceso de redefinición. Algo que necesita, en primeiro termo, da tolerancia e o respecto que o Islam defende pero non sempre practica, e do recoñecemento das novas capacidades de interlocución entre as que os mozos ocupan un lugar importante. Ningún futuro se construirá contra eles pero pode facerse posible sen eles, e esa será a tentación constante. A recente constitución tunecina constitúe un posible exemplo da dinámica a seguir para conxurar ese perigo.
Esas transformacións políticas e sociais non poden deixar de lado, non convén esquecelo, a resolución dos problemas de ordenación territorial da zona que impoñen un forte condicionante á articulación transnacional do propio Magreb e contribúen a aumentar a desestabilización dunha zona sometida a profundas tensións e inquietudes. Refírome á solución imprescindible do contencioso do Sahara Occidental que a miopía e curtidade de miras de Marrocos impide, en favor do actual status quo que claramente o favorece. Ao meu xuízo, a independencia do Sahara podería facilitar a futura estabilidade e o diálogo social na zona, facilitando mesmo a transformación e prosperidade do mesmo estado marroquí.
Só dende unha vontade innovadora e unha concepción dos problemas libre de prexuicios, aberta e plurinacional, tería de ser viable un proceso articulado e efectivo dese porvir incerto; unha posibilidade que os indicadores históricos non parecesen propiciar hoxe por hoxe e que aumenta a inseguridade e incerteza na que nos movemos.