O Imperio contraataca


“Por el bien del Imperio” é un voluminoso, pero interesante libro escrito polo historiador catalán Josep Fontana, onde fai un repaso minucioso e documentado da historia desde a II Guerra Mundial até os nosos días. Neste relato, que mesmo chega a ser entretido, fai un retrato do Imperio sobrecolledor, que non só loita por manter e expandir a súa influencia política e económica, senón -e aquí está o importante- por impedir que ningún outro Estado lle faga sombra. Daquela, tendo claras estas claves, temos que interpretar o que está ocorrendo en Ucraína, en Palestina, Siria e Irak, e en toda a parte onde están en xogos intereses económicos e xeoestratéxicos.

O derrube do Boeing 777 de Malaysia Airlines -por certo o mesmo modelo e a mesma compañía do avión que desapareceu sen deixar rastro o pasado mes de marzo- pode ter consecuencias impredecíbeis para o futuro inmediato. Este atentado -temos que chamalo así, xa que o avión non sufriu unha avaría mecánica- acontece, nun territorio onde hai unha guerra civil entre ucraínos e pro-rusos, ou mellor habería que dicir entre o tándem Estados Unidos-Unión Europea contra a Rusia de Putin, que pretenden acurralar dentro do seu extenso territorio. Mais este atentado, que segou a vida de case 300 persoas, acontece logo de movementos políticos e económicos importantes, non só para os seus protagonistas, senón para o status quo do Imperio.

Hai unhas semanas Rusia e China asinaron un convenio económico transcendental para ambos países. O acordo non só é importante para Rusia, que pode enfrontar en mellores condicións as sancións polo conflito aberto en Ucraína, senón tamén para China, que consegue enerxía a un prezo máis asequíbel e en grandes cantidades para afrontar o seu forte crecemento. Pero o importante non é iso, o verdadeiramente importante é que a empresa rusa Gazprom, a que asinou o acordo, está preparada para deixar de utilizar o dólar como moeda de intercambio con China no canto do dólar, para o que só falta a decisión política de levalo a cabo, nun acordo comercial a 30 anos, no que están en xogo máis de 400.000 millóns de dólares.

Por outra parte, a semana pasada os BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) veñen de crear o Banco de Desenvolvemento, unha alternativa ao Banco Mundial e ao FMI, buques insignia do Imperio e da súa moeda, que xa todos sabemos como son as súas “condicións contractuais”. Un acordo que significará a creación ou o uso dunha soa moeda, deixando de lado o dólar estadounidense.

E tamén foi o dólar o que condenou tamén a Gaddafi e a Sadam Hussein, que pagaron moi caro a ousadía de abandonar o dólar nos seus intercambios comerciais, o que levou a desestabilización e a morte a Libia e Irak respectivamente.

Desde a conferencia de Bretton Woods Estados Unidos gozou dun posicionamento privilexiado. Alí deseñáronse as regras para os intercambios comerciais, onde a moeda estadounidense tería e ten unha papel clave ao ser moeda de reserva, e creáronse o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, que servirían para espallar a influencia política e económica do Imperio por todo o planeta onde hai sobrados exemplos de países arrasados e espoliados polas políticas destes dous organismos que procuran extraer as súas riquezas e escrabizalos nunha espiral de débeda sen fin, e en dólares, por suposto.

Para un país como Estados Unidos, que é o maior debedor do mundo mundial, é clave non perder o privilexio de ter a moeda de reserva. Cantos máis dólares haxa en circulación, maiores serán as facilidades para financiar a súa débeda impagábel. É o soño dourando de calquera mafioso, que todos lle paguen na súa propia moeda.

O dólar é clave para Estados Unidos, necesítao como a auga. Cantos menos dólares haxa en circulación menor desenvolvemento e influencia terá, e menor será o seu poder. Mais como estamos a ver, o Imperio resístese a perder o seu statu quo, non quere un mundo multipolar, quere un mundo onde eles manden e os demais simplemente obedezan.