O golpe de estado no Brasil tamén é un golpe patriarcal

O golpe de estado no Brasil tamén é un golpe patriarcal

Chámanlle impeachment ou xuízo político ao que é un golpe de estado. Non é o primeiro que se fai desde as institucións en América Latina, lembremos o de Paraguay e Honduras, mais neste caso concreto ten unha compoñente engadida: o machismo.

Non só é un golpe patriarcal porque foi unha operación dirixida por homes contra unha muller, senón polos argumentos achegados polos homes encargados de levalo a cabo. A meirande parte das acusacións contra Dilma non estaban baseadas na presunta maquillaxe das contas públicas, eran citas de pasaxes da Biblia, alusións ao seu voto no nome de Deus, consignas contra o comunismo, no nome da patria e do seu modelo único de familia – nuclear- patriarcal, mesmo invocando a memoria de militares que participaron na ditadura. Eran manifestacións en contra do acceso das mulleres a métodos anticonceptivos ou mesmo do dereito ao aborto en caso de violación, argumentos defendendo que as mulleres teñen que gañar menos porque quedan embarazadas, que consideran contra natura as relacións entre as persoas do mesmo sexo, que consideran que a cor da pel supón perda de dereitos.

Durante e após das eleccións do ano 2014, chamáronlle "vagabunda", "prostituta", "maldita", especulouse sobre a súa sexualidade, porque ela non se corresponde ao patrón de feminidade imposto ou aceitado polo que eles consideran a maioría da poboación. Foron moi recorrentes ás críticas ao seu peso ("vaca”). Empregaron unha foto do seu rostro e as pernas abertas en dirección á entrada do tanque de gasolina. Mesmo hai medios que recolleron que merecía unha agresión sexual!. Nas redes sociais impulsaron unha campaña baixo o título de “Unha persoa para namorar a Dilma” co obxecto de “compartindo a cama, acariciando o seu corpo, motivase o seu espírito, que lle murmurase a verdade do estrago que vive o Brasil. Dese modo, mobilizaría a súa alma feminina, e ela pasaría a sentir os brasileiros en vez de enfrontalos”

Nesta farsa hai que destacar o importante poder que teñen os medios de comunicación. Os ataques machistas a Dilma foron constantes. En moitas revistas e xornais retratábase á presidenta como unha desequilibrada, comparándoa coa raíña de Portugal María I, coñecida como “a tola”. Criticábase a cotío os seus peiteados, o seu xeito de vestir, a forma de andar. Retratábase como unha muller descontrolada que agredía aos seus subordinados e poñía en marcha medidas en base a arroutadas. Uns argumentos que nunca serían empregados no ataque a un presidente.

A Lula, a pesares da crítica dos opositores, sempre se lle tratou como un político intelixente, experto e formado. Porén, Dilma foi descrita polos medios como unha muller estúpida, inculta e suxeita a vaivéns emocionais, obviando non só a súa formación académica, como economista, senón a súa dilatada carreira política.

Dilma Rousseff é unha militante marxista cunha longa traxectoria activista na confrontación e resistencia contra a ditadura militar. Con tan só 23 anos foi detida e torturada durante 22 días, e condenada por un tribunal militar a seis anos de cadea e 18 de inhabilitación, ficando presa finalmente tres anos. A dereita non podía permitir que fose unha muller, co seu pasado revolucionario, a que acadara a vitoria e o respaldo do pobo, dos movementos sociais, e a que puxera en práctica, políticas públicas, programas sociais que tiñan o obxectivo de eliminar a pobreza extrema, que confrontaban o neoliberalismo, que reivindicaban a soberanía do pobo, tecendo redes de solidariedade con Cuba ou Venezuela, e que por tanto, con todas as críticas que se lle poidan facer, afastábanse das antigas políticas postas en marcha polas organizacións herdeiras da ditadura.

Este xuízo político culminou non só co afastamento dunha muller da presidencia. É un golpe machista, sexista que rematou coa presenza das mulleres nos ministerios. É un golpe do capital, do patriarcado, das clases altas da burguesía, que nos últimos anos perderon moito en favor das clases populares. Toman o poder sen o uso do voto. E así deixan á marxe a un sector da poboación que baixo a súa mirada misóxina debe ficar fóra da vida pública, da política e da loita polos dereitos.

Eu solidarízome con ela. Con todas aquelas mulleres que ocupan un lugar tradicionalmente ocupado por homes. Que loitan contra a hexemonía branca, heterosexual, patriarcal e rica do poder. Denuncio este golpe machista, racista, homofóbico. Denuncio este ataque á clase traballadora, aos movementos sociais, ás mulleres. Dilma é unha figura incómoda porque rompe o status quo. Mais nas trincheiras ficará todo un exército de mulleres dispostas a amosar o machismo que se oculta tras o golpe. A recuperar o espazo do que foron afastadas. En todos os recunchos do mundo. En todos os ámbitos da vida.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.