O estado de excepción mantense en Euskal Herria

Hai xa máis de tres anos do abandono da loita armada por parte de ETA pero semella que os gobernantes do estado español non se deron por aludidos, en Euskal Herria a violencia procedente do estado segue presente e a esquerda abertzale continúa a ser perseguida polo poder xudicial español e polas forzas de seguridade do estado.
Nas últimas semanas tivemos coñecemento de varios feitos que non son illados e que dan mostras dunha estratexia dos poderes do estado español de intensificar a actuación represiva contra a esquerda abertzale; a fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco presentou a solicitude de seis anos de cadea para o presidente de Sortu Hasier Arraiz por actuar "ao servizo das actividades e fins da organización terrorista ETA", a fiscalía da Audiencia Nacional pediu seis anos de cadea para cinco membros de Askapena e a ilegalización desta organización vasca de solidariedade internacionalista por formar parte da estratexia de ETA, aos dous máximos dirixentes do sindicato ELA ven de serlles prohibido polo goberno español visitar ao secretario xeral de Sortu Arnaldo Otegi, preso con outros catro dirixentes abertzales como consecuencia do chamado caso Bateragune, sendo o argumento para prohibir a súa visita que a mesma foi feita pública.
Estes tres son só os exemplos máis recentes e máis chamativos pero poderíamos citar múltiples actuacións represivas dirixidas día a día contra persoas e entidades vinculadas á esquerda abertzale.
,Fronte a esta vaga represiva hai movementos en sentido oposto propios de quen non pechan os ollos aos cambios, son quen de ler a realidade de cada momento e de actuar en función das necesidades de cada momento; hai uns días Lokarri (organización independente que traballa polo fin do conflito e a normalización da convivencia) anunciou a súa disolución despois de 13 anos dunha actividade moitas veces incomprendida por elementos de ambas partes, e sabemos tamén que cada vez son máis as actuacións e encontros públicos ou privados nos que vítimas dos dous lados e familiares de vítimas dos dous lados tentan pechar unha dura páxina na historia de Euskal Herria apostando pola reconciliación e a construción dun futuro sen violencia.
Estas dúas realidades son mostra de dúas concepcións opostas sobre o futuro de Euskal Herria.
Por unha banda os poderes do estado e o PP consideraron sempre, consideran hoxe e semella que seguirán considerando no futuro o tema vasco como un activo electoral na España profunda, un activo electoral para o que precisan manipular a realidade alimentando co tema vasco e co discurso da violencia as vísceras do rancio españolismo sabedores que con esa manipulación permítelles aínda tirar un importante rédito electoral; así comprobamos como ao achegarse as eleccións as noticias sobre ETA, terrorismo, etc... enchen minutos e páxinas en todos os medios de comunicación achegados ao poder.
Pola outra a esquerda abertzale mantén a súa folla de ruta e traballa, consciente da complexidade do camiño e firme diante das múltiples provocacións, por construír un novo país no que todos os actores aporten a súa visión e para iso como dicía Joseba Permach nunha entrevista no Sermos Galiza “...Necesitamos artellar mecanismos de participación e de decisión máis amplos para a xente. E si, neste sentido, seguimos a reflexionar para ter un proxecto que aglutine e inclúa a máis xente...”
Non hai dúbida sobre quen mantén un compromiso coa paz e co futuro.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.