O embigo do mundo (2ª parte)
Os acontecementos que determinaron a actual configuración do ecosistema illado de Rapa Nui tiveron a súa orixe a partir do ano 800 DC cando nesta illa comezan a detectarse clareos xeneralizados da vexetación autóctona para ser substituída presumiblemente por cultivos agrícolas. As análises efectuadas utilizan os restos de pole acumulado nas zonas húmidas da illa como os lagos dos cráteres dos volcáns Rano Raraku, Rano Kau e Rano Aroi (Monte Terevaka). Tamén se analizaron mostras procedentes dos restos de erosión situados nas cárcavas da península de Poike.
Destes xacementos proveñen as probas efectuadas mediante análise por Carbono 14 do pole antigo acumulado nestes lugares caracterizados polas condicións axeitadas que evitan a súa degradación posterior. O pole antigo é moi utilizado porque se conserva en bo estado durante enormes períodos de tempo e adquire as formas características das especies ou xéneros aos que pertence. Isto permite unha relativamente fácil identificación e adscrizón ao tipo de planta correspondente.
Hai que destacar que aproximadamente entre o ano 800-1200 DC a agricultura en Rapa Nui ten un carácter sostible xa que non se producen cambios apreciables na vexetación da illa composta principalmente por un bosque subtropical cunha compoñente principal e característica: a Palmeira de Pascua (Paschalococcus disperta). O seu cultivo principal foi en toda a prehistoria de Rapa Nui, a batata (Ipomoea batatas) de suposta orixe sudamericana. Esta historia descarta claramente o chamado "Colapso da Ratas" que estaría orixinado pola rata polinesia (Rattus exulans) que acompañaba involuntariamente aos colonos polinesios nas súa canoas de dobre casco. Aínda que hai abundantes mostras de noces de Palmeira de Pascua roídas pola rata polinesia non existe evidencia de que estes animais puideran ter ocasionado deforestación e o declive irrecuperable da devandita palmeira.
A cultura dos Moai (Estatuas de pedra que representan cabezas humanas) comeza aproximadamente en 1000 DC, todas saen da canteira de Rano Raraku e son trasladadas a outras partes da illa, sempre preto do mar. A cultura dos moai caracterízase porque parece indicar unha certa unidade política da illa. Ademais estas estatuas teñen dende o seu inicio cada vez un maior tamaño, están agrupadas en centros cerimoniais chamados "Ahu" e representan o culto aos antigo.
Hai tamén unha intensificación agrícola clara a partir de do ano 1100 DC no sur da illa e xeneralizada a partir de 1280 DC, aproximadamente, na que o sistema agrícola sostible é substituído pola deforestación e cultivo xeneralizado que leva ao descenso das cantidades relativas de pole das especies do bosque autóctono e a súa substitución por cultivos e gramíneas.
Entre 1300-1500 DC, cando os españois están chegando a América, ten lugar a deforestación principal da illa xunto cun aumento da poboación humana que segundo algúns autores chegou a un cénit de 8-10.000 habitantes nestas datas. Sen embargo outros autores suxiren que a poboación nunca superou os 3.000 habitantes sendo este un debate aínda non resolto satisfactoriamente.
A deforestación e a superpoboación que rompe o equilibrio ecolóxico da illa provocou supostamente entre 1500-1700 DC o colapso da civilización dos Moai e rematou de forma abrupta a fabricación dos Moai. Este final abrupto evidénciase porque na canteira de Rano Raraku quedan restos de Moai a medio elaborar que foron abandonados ao mesmo tempo que a canteira foi paralizada.
Moita xente imaxina a historia da cultura Rapa Nui en base ao relato da película de ficción "Rapa Nui" dirixida en 1994 por Kevin Reynolds que tivo o mérito de espertar o interese de novo por esta cultura, pero que fai concesións á forza dramática do relato aínda sacrificando a rigorosidade histórica dos feitos acontecidos.
Polo tanto non é unha película baseada en feitos reais e podemos atoparnos con que na película a produción de Moais coincide ao mesmo tempo que a competición coñecida como "Carreira do Home Paxaro" cousa que non ten fundamento de ningún tipo.
A Carreira do Home Paxaro comeza despois de que cesara a construción de Moais. Compiten pola xefatura da illa durante un ano os dous clans principais daquel momento, os orellas longas e os orellas curtas que produto dunha mala tradución inicial realmente significan "xente corpulenta" e "xente lagartixa" respectivamente.
Esta división en clans non sempre territorializados é moi característica dos pobos polinesios aínda en illas de pequena superficie, polo que non resulta sorprendente que existira algo similar incluso durante a cultura dos moai a pesar da súa aparente unidade política.
Outros dos sacrificios en aras ao dramatismo da película de Rapa Nui constitúeno as imaxes das últimas árbores que os indíxenas conservaban como ouro en pano. Nada máis lonxe da realidade, as análises polínicas revelan o descenso constante da Palmeira de Pascua e outras plantas autóctonas durante o período clásico de Rapa Nui pero sorprendentemente tamén revelan que a maior parte das especies autóctonas estaban vivas moito despois do colapso da civilización. Rexístrase pole pertencente á Palmeira de Pascua até mediados do século XX. Só dende esa data está extinguida esta palmeira. A excepción poden ser algunhas especies de paxaros terrestres autóctonos que si foron extinguidas polos habitantes pre-europeus da illas.
Hai que seguir indagando no período posterior da illa de Rapa Nui para descubrir porqué se extinguiron a maior parte das especies vexetais autóctonas desta illa e así datar estes eventos correctamente para non tomar conclusións erróneas tanto da influencia do ser humano na extinción de especies como nos medios tecnolóxicos que determinan a intensidade do evento.
Polos actuais coñecementos da historia natural de Rapa Nui podemos destacar que o colapso ecolóxico da illa ocorreu, aínda que a intesidade do acontecido foi certamente moito menor do que previamente se supuña. Parte dos míticos relatos sobre o colapso ecolóxico de Rapa Nui débense aos primeiros descubridores occidentais das illas como se verá no seguinte período e final da Historia do Embigo do Mundo.
CONTINUARÁ.