O delito de presentarse as eleccións

O delito de presentarse as eleccións

A saúde desta democracia tutelada e xestionada polos franquistas reconvertidos está baixo mínimos, como podemos ver no xuízo que desde o día 3 deste mes se está a celebrar na Audiencia Nacional (antigo Tribunal de Orde Público franquista), por promover candidaturas de Demokrazia 3 Milloi (D3M) e Askatasuna nas últimas eleccións ao Parlamento Vasco. Por ese grave delito trece vascos enfróntanse a unha petición fiscal de 109 anos de cárcere.

En poucos países do mundo estes feitos poden constituír delito algún, pero no reino do gran vividor e cazador de osos borrachos, que se partiu a cadeira en Bostsuana ao tropezar nas escaleiras coa trompa de elefante que levaba de trofeo, aínda segue habendo persecución ideolóxica e o feito de ter certas ideas poden facer que des cos teus ósos nunha lúgubre cadea durante moitos anos.

Aínda non asumiron que outros poidan pensar diferente do que se coce nas súas imperialistas mentes. A pesar do tempo que fai que lles morreu o xefe aínda non cambiaron o chip e, cando pensábamos que aquelo de que o “todo é ETA”, inventado polo ególatra e prevaricador Garzón pasara a mellor vida, vemos que seguen nas mesmas e cometendo os mesmos erros que xeran repudio na inmensa maioría deste pobo.

Non aprenden da súa historia imperial e repítena, traxedia tras traxedia, causando moito dano e moito dolor. Non entenden que o cariño e o respecto non se poden impoñer pola forza das armas, pero eles seguen en plan guerreiro e provocador. Por iso tiveron que volver ao lugar crime: Para escarnecer e botar mais sal gorda nas feridas, viñeron facer manobras co seu exército a Elgeta, xusto o día que se cumprían os 75 anos da batalla dos Intxortas (un macizo montañoso cerca dese pobo gobernado agora por Aralar), onde un grupo de gudaris se enfrontou a IV brigada de Navarra e a aviación nazi, moi superiores en número e material bélico, comandados polo militar fascista Camilo Alonso Vega (Don Camulo), que fusilou homes e violou mulleres cando entrou nesa vila guipuscoana. Despois aínda din que son os nacionalistas os que sementan odio e fracturan a sociedade, mentres eles son os integradores. Eles que, ao igual que Don Juan Tenorio, sempre deixaron memoria amarga por onde pasaron. Neste xuízo, como noutras anteriores inxustizas, basean as acusacións en subxectivos informes elaborados por gardas civís que despois elevan a peritos no acto de xuízo como si foran sisudos especialistas imparciais. As probas de cargo mais importantes que aportaron estes “técnicos” son que “deron roldas de prensa, recolleron firmas para poder presentarse as eleccións” e outras actividades normais en calquera movemento político que se prece, pero tamén iso debe ser delito dependendo de quen o faga. Incluso van mais alá e piden nove anos de cadea para Hodei Egaña, quen a única relación que tiña coas plataformas electorais era que traballaba nunha empresa que se adicaba a montar os aparellos das roldas de prensa.

Eses gardas civís que exercen de peritos queren retorcer tanto a realidade que chegan ao ridículo de afirmar que os imputados seguían o mandato de ETA por facer exactamente o contrario de Askatasuna, a que tamén acusan de seguir as ordes da organización armada. Haber quen me ata esa mosca polo rabo! Tamén dixeron, no informe correspondente a Askatasuna, quehabía diferencias moi notables no xeito de proceder de D3M”, o que os levou a pensar que “era a mesma estratexia”, do que se pode deducir que ese título de peritos non o adquiriron en ningunha escola, xa que a escola non foi o seu, nin debeu ser alí onde desenrolaron o seu sentido común, porque as súas conclusións non gozarían de crédito algún fora deses tribunais especiais, pero as probas e as razóns son o de menos cando o xuízo é político e, por razóns de Estado, a sentencia xa está ditada de antemán polos políticos que o gobernan. Aquí os xuíces cren a pé xunto esas delirantes fábulas que escribe a policía ou a garda civil despois das interpretacións interesadas que fan dos documentos que atoparon e son suficientes para incriminar e condenar a persoas que non comungan coa ideoloxía xacobina do Estado.

Os que non van ser xulgados son os mandos da Ertzaintza e o subordinado que disparou a corta distancia a pelota de goma que acabou coa vida do seguidor do Athletic de Bilbao, Iñigo Cabacas, e xa anda Rodolfo Ares recuando das súas primeiras declaracións e deixando pasar o tempo para que ese homicidio ou asasinato quede no mais fondo do baúl dos recordos. A Ertzaintza matou a Iñigo e rebentoulle un ollo con outra pelota a Xuban Nafarrate en Gasteiz, uns días antes, pero a Ares válelle a mentira para xustificarse porque conta con moitos colaboradores necesarios nos medios de comunicación que non teñen vergoña nin dignidade, ao xustificar os seus excesos represivos en base a un suposto “victimismo” da esquerda abertzale. Así anda a xustiza e o periodismo por estes pagos, esa presunta xustiza do país veciño que foi capaz de condenar a Arnaldo Otegi, Rafa Díez e os seus compañeiros, por unhas declaracións que fixo Argala en 1974, que xa manda chover na Habana!, e por dicir nunha rolda de prensa que querían abrir o proceso democrático que necesita Euskal Herria, para que, por medio da negociación e o acordo, nos leve a un escenario no que todos os proxectos políticos, incluído o independentista, non só sexan defendibles senón que tamén sexan alcanzables, sen mais limitación que a vontade popular expresada dun xeito libre, democrático e pacífico, que se recolle na sentencia como proba da súa pertenza a ETA. E... así é como pretenden integrarnos?