O de Ucraína e Venezuela vén sendo máis do mesmo

O de Ucraína e Venezuela vén sendo máis do mesmo

Hai persoas de ben, seguro que moitas, persoas de conviccións progresistas, seguro que moitas, persoas que queren sinceiramente a transformación da nosa sociedade en interese das maiorías, seguro que moitas tamén...., todas elas impresionadas e sensibilizadas estes días diante da visión das imaxes de violencia nas rúas de Venezuela e de Ucraína fan chamamentos a intervir para parar esa violencia. Eses chamamentos polo xeral están a facer fincapé na responsabilidade de quen gobernan e incluso na súa culpabilidade sen parar a reflexionar e analizar a situación.

Hai violencia en Venezuela, é un problema estrutural que a revolución bolivariana até agora non foi quen de atallar, e hai en Ucraína altos niveis de corrupción.Todo iso é innegábel e ademais lémbrasenos machaconamente día si día tamén, pero ocúltase que hoxe en América Latina Honduras xa é un estado máis violento que o venezolano e México ándalle moi perto, e a carón de Ucraína poderíamos poñer outros estados da rexión dos que non se fala nos que a situación é moito peor. Co anterior non busco agachar os problemas, as deficiencias e erros, pero cando se fala de algo hai que ser serio e non deixarse levar polas vísceras nin polas doadas técnicas de manipulación de masas que unha vez máis o inimigo pon a funcionar.

Hai uns meses falabamos de que o imperialismo norteamericano actuaba en Siria non para defender ao povo senón para garantir os seus propios intereses xeopolíticos que na actualidade teñen como unha das liñas prioritarias de actuación evitar a reubicación de Rusia no plano internacional. O conflito sirio pasou temporalmente a un segundo plano perdendo presenza mediática, e nisto influíu en moito o intelixente movemento da diplomacia rusa que forzou un acordo e impediu o que a finais do pasado agosto víamos xa como un ataque inminente a Siria por parte das potencias occidentais lideradas pola OTAN. Ese acordo do mes de setembro sobre Siria, o que poida pasar no Exipto actual froito do golpe de estado contra os irmáns musulmáns e a espectativa sobre o camiño que seguirá o Irán do novo presidente Hassan Rohani fan que neste momento nun Oriente Medio sempre convulso haxa calma aparente.

Pero como o imperio non pode parar e precisa da existencia de zonas de tensión que trasladen unha imaxe de inseguridade e perigo permanente alimenta dous conflitos en estados aloxados entre si tanto xeográfica como políticamente como son Venezuela e Ucraína pero unidos polo feito de que o que aconteza neles ten unha importancia que sobarda as súas fronteiras.

En Venezuela foron experimentadas nos últimos quince anos todas as técnicas desestabilizadoras posíbeis e algunhas repetidas veces, golpe de estado, acusacións de fraude electoral, mobilizacións, disturbios nas rúas,, etc…, pero a dereita asesorada polos EEUU até agora non deu sumado a forza suficiente para poñer fin ao proceso revolucionario bolivariano iniciado co triunfo de Hugo Chávez nas eleccións de decembro de 1998 e que até hoxe foi refrendado polo povo en todas as convocatorias electorais celebradas agás en 2007 no referéndum para unha reforma constitucional. Non considerando eu as eleccións o único xeito lexítimo de acceder ao goberno si que cabe sinalar que todas as convocatorias electorais celebradas en Venezuela desde 1998 contaron con importantes delegacións de observador@s internacionais que as consideraron válidas, limpas e democráticas; algo que non se pode dicir das realizadas en países do mesmo continente sobre os que se bota un manto de silenzo como son Honduras, Paraguai, Guatemala ou México.

O problema real en Venezuela non é a violencia, nin é tampouco a escaseza de determinados produtos de uso diario, o argumento da violencia é unha escusa e a escaseza en grande parte provocada artificialmente forma parte das técnicas desestabilizadoras que coñecemos moi ben e foron empregadas con éxito no Chile de Allende para preparar o ambiente que desembocou no golpe de estado do 11 de setembro de 1973.

Cal é o problema entón?, pois, non é máis que a decisión do imperio de non aturar a existencia de gobernos que loiten por manter a soberanía nacional e por construír unha sociedade máis igualitaria, con todas as súas contradicións e deficiencias pero tamén con todos os avances que permitiron no caso de Venezuela que centos de milleiros de persoas que estaban ao marxe da sociedade adquiriran dereitos de cidadanía e unha mellora na calidade de vida recoñecida por organismos internacionais nada sospeitosos de simpatizar co chavismo. Ademais o papel de Venezuela na rexión tanto polas súas reservas enerxéticas como pola súa decisión de pular por construír e manter alianzas políticas e comerciais independentes dos EEUU é un obstáculo fundamental para os intereses ianquis.

Kiev non está no Caribe e o presidente deposto Viktor Yanukovich non é un líder revolucionario que busque camiñar cara o socialismo, pero o imperio precisa dunha Ucraína controlada para cumprir o seu deseño dunha Europa que se manteña como instrumento dos seus intereses e na que Rusia estea cada vez máis illada e sen capacidade de ser actor principal con capacidade para desempeñar o papel que en lóxica lle correspondería pola súa ubicación xeográfica, a súa dimensión poboacional, as súas reservas de recursos naturais e a súa aínda moi importante capacidade económica.

Para acadar ese obxectivo o imperio actúa por medio de entidades propias como a National Endowment for Democracy-NED e o Instituto Albert Einsten-IAE que son pantallas para asesorar e financiar ao movemento opositor para reeditar a revolución laranxa, co traballo abnegado dunha Unión Europea que intervén directamente presionando en favor de parte, e de ser preciso aliándose grupos de extrema dereita e neonazis sen que isto lles cree cargo de conciencia.

Vimos hai uns días como non houbo problema en forzar a posta en liberdade e limpeza de imaxe da princesa do gas Yulia Timoshenko condenada non por cuestións políticas senón por estar probada a súa conduta corrupta e o seu enriquecemento ilícito.

A quen enchen a boca co mantra das eleccións convén lembrarlles que o derrocado Viktor Yanukovich gañou en 2010 unhas eleccións presidenciais democráticas e en 2012 o seu partido foi o máis votado nas eleccións ao parlamento.

E se non están a construír o socialismo na Ucraína, cal foi o horrendo crime cometido polo seu presidente que leva a provocar o golpe de estado?, pois o crime foi a decisión do goberno lexítimo de non asinar un tratado de libre comercio coa Unión Europea que de ir adiante suporía a destrución da súa economía e ter que cortar os importantes lazos comerciais e políticos con Rusia. Un tratado que non implicaba a entrada de Ucraína como membro da UE pero que desequilibraría a rexión en favor dos intereses occidentais.

Cantaba Victor Jara na súa Zamba del Che

“Que los derechos humanos
los violan en tantas partes
en américa latina
domingo lunes y martes....”

Lembrando esa canción sería bo que as persoas de ben, as persoas de conviccións progresistas e as persoas que queren sinceiramente a transformación da nosa sociedade en interese das maiorías reflexionaran sobre a que pode ser debido tanto interese do imperialismo en levar a súa democracia a Ucraína e Venezuela e non a outros estados.