O civilizado imperio da guerra
Fai anos tocoume estar uns días nunha visita institucional que parlamentarios e parlamentarias galegos facíamos as institucións europeas: A comisión, ao Consello, ao Parlamento, etc. A única tarde que non había un programa concreto de xuntanzas fomos facer un percorrido en autobús e visitar o interesante pobo de Bruxas. Un funcionario da Xunta, dos poucos que alí ten, fíxonos de guía. Cando levabamos ao redor dunha hora de viaxe xa nos indicara moitos lugares históricos de sona polos desastres das dúas últimas grandes guerras chamadas mundiais; entre eles, a destrución da gran praza de Bruxelas e varios cemiterios nos descampados. Como queira que xa nos repetira varias veces a consigna da importancia do "acervo europeo", que logo percibín que era o lema co que nos recibían en tódalas institucións, vinme na necesidade de facerlle unha observación a este bo funcionario: _¡Mire, sendo galegos como somos nos non sei si será mellor que veñan os europeos recibir acervo e cultura xunto de nos, que mantemos intactas mámoas do tempo dos faraóns e o territorio cheo de monumentos do románico que ninguén bombardeou nunca.
Isto ben a conto de que a OTAN parece intentar por tódolos medios abrir unha nova guerra no Mediterráneo cando fumegan inda as bombas de acio peneiradas no Adriático; e todo Ísto ao parecer para impoñer un acervo, unha civilización.
As guerras da OTAN teñen o mesmiño fundamento que teñen tódalas guerras de ocupación, tódalas guerras imperiais:
a) Eliminar un maligno (Chauchesco, Milosevich, Sadam; ou incluso unha pantasma (Ben Ladem).
b) Implantar unha civilización (cultura, modelo, acervo,relixión, sistema de mercado, réxime....)
c) Apropiarse de riquezas ou mercados (que riquezas son).
Cada paso somos mais incapaces de saber nesta nosa civilización, as causas, os intereses e os desastres que crean estas guerras da OTAN, pero o que si é irrefutábel é o seu carácter imperial. Os tempos mudan, mais os imperios permanecen. O que en realidade ten mudado mais nas guerras son dúas cousas: O aumento das vítimas civís en relación coas militares, e o aumento da capacidade de enganar a poboación por parte dos imperios para poñela ao seu favor, ou para confundila. E sobre todo para facela mirar para outro lado.
¿Porqué ninguén mira para Haití? Ou é que lle convén ao Imperio telo así?
A xente do común, intelectuais incluídos, seguen sendo tan enganados sobre da realidade dos conflitos bélicos como o eran durante a idade media ou no século dezaoito. Inda peor: Na guerra do Iraque ninguén, fora dos familiares, ten recibido imaxes nin noticias de que morreran soldados da Coalición Ocupante. O que non se coñece nin é comentado non preocupa e iso depende dos mesmos que fan as guerras e se fan ricos coas guerras, dos imperios. E certo que na parte ocupada hai graves prexuízos, pero os da parte ocupada son os perversos que non se queren converter a nosa civilización ou os ignorantes que temos que redimir para a democracia, a liberdade, o mercado, a civilización,... En resumo, que teñen que estar agradecidos a OTAN por liberalos, e esta terá que seguir ocupando o país ate que os libere de todo. Non abonda con matar ao maligno. Temos que redimilos e rexeneralos.
Nestes conflitos óllase con claridade que os imperios despegan unha tormenta de propaganda para compadecer a os/as oprimidos/as e unha tormenta bélica para impedir que os oprimidos se liberen. Todo o mundo coñece a brutalidade das violacións de mulleres e nenas africanas precisamente nas guerras, mais o imperio impedirá calquera movemento de liberación destas mulleres. Como moito, consentirá ou promoverá entidades que as compadezan , que é un xeito seguro de seguir no futuro roubando a vida e a existencia desas tribos e deses pobos. E seguiralles ofrecendo, como está a facer, postos de traballo aos varóns desas tribos, de mercenarios para pelexar en África ou onde os precisen. Agora mesmo en Iraque teñen as empresas do Imperio uns cincuenta mil mercenarios. Un departamento dos que lle deixan mais dólares aos señores da guerra imperial.
¿ Que diferencia ten isto coas cruzadas da Idade Media, coas invasións das tribos que vivían dos búfalos, coas invasións de Arxelia ou de Libia polos europeos ou da Cruzada de Franco?
O cinismo e capacidade de mentir dos civilizados informadores da democrática Europa está quedando ao descuberto nestas revoltas dos países árabes. Unha de dúas: Ou nada do que nos dicían antes era certo. Ou nada do que nos din agora e verdade.
Antes: Alquaeda era unha fortísima organización que poñía en perigo a paz mundial e xustificaba calquera invasión.
Agora: Alquaeda non existe.
Movementos Islamistas:
Antes: eran poderosísimos, estaban organizados, armados ( con armas moi potentes) e coordinábanse a nivel mundial. Tiñan moitos santuarios.
Agora: Non aparecen nin movementos, nin santuarios, nin a relixión é un elemento vertebrador dos movementos políticos. O movemento vertebrador e a arma revolucionaria é internet.
As revolucións:
Antes: eran froito de longos procesos e dirixidas por movementos revolucionarios.
Agora: Xorden nun intre, fanse en dúas semanas e organizas a xuventude ao traveso de mensaxes de teléfono, o mesmo que o botellón. O único proxecto parece ser cambiar os gobernantes, e liberdade, en abstracto. Non sabemos para qué nin para quen é esa liberdade.
Tamén,segundo a información dos sabidos informadores occidentais.
Antes: As mulleres estaban todas na casa e coa cara tapada.
Agora vémolas en tódalas mobilizacións de Exipto cun importante protagonismo.
Antes: Tunicia era unha democracia modélica e avanzada.
Agora: dinnos que era unha ditadura con encadeados, exiliados, privación de liberdades....
Presidente de Exipto.
Antes: O home fundamental para a estabilidade entre árabes e palestinos. Santo devoto ao que tódolos presidentes e presidentas dos países da OTAN visitaban. E España un deles.
Agora: Un sátrapa que non quere deixar o poder e que o quere facer hereditario. Si a razón mais poderosa para botalo é esa non sei porque non deixan os seus reais pousadoiros as realezas europeas.
Ademais resulta que ten el e a súa familia grandes cantidades de diñeiro nos bancos da Suíza, outro tanto o Presidente de Tunicia, o de Libia.... E digo eu, porqué a Europea e democrática Suíza non nos informa das fortunas de tódolos Presidentes, incluso os dos clubs de fútbol, que tamén son elixidos por sufraxio directo dos socios, por si están enriquecéndose a conta do pobo?
E a monarquía Marroquina é boa, mala ou regular? E unha democracia aberta, pechada; ten o diñeiro investido en bonos do Estado, na Media Lúa Roxa ou tamén na Suíza?...
No futuro haberá que seguir facéndose moitas preguntas para ver como reviran a información os civilizados salvadores da OTAN e iremos comprobando como avanzan en condenar ao maligno,implantar a súa relixión do mercado e as súas igrexas. Nestes dous apartados van estar bastante de acordo, o peor, e o que está a causar mais problemas, e que os está causando xa, é o terceiro apartado: O reparto do botín. O xefe do Imperio ten claro que lle corre moita presa collelo e quedarse con el.
Escoitamos estes días ao traveso de tódolos medios de comunicación potentes arengas para que se bombardee Libia. Os que defenden esa postura está claro que están a defender intereses, como sempre que hai un conflito.
Cando menos, para alguén minimamente defensor dos dereitos democráticos cabería facerse varias preguntas antes desa solución:
En que melloraron as condicións de vida e os dereitos dos habitantes de tódolos pobos que foron bombardeados estes anos, e están a selo agora mesmo, como Iraque, Afganistán, Palestina, ou o Pobo saharahui?
Si a razón para intervir militarmente en Libia é a opresión e dano que uns poderosos gobernantes fan moita xente, non habería moitas mais razóns para bombardear Israel, Franza ou os Estados Unidos?
A quen beneficia desfacer a organización social e económica e a paz coa ocupación militar e con unha guerra?
Son os bombardeos da OTAN a única e mellor solución posíbel a un conflicto interno dun país?
Si unhas folgas que paralizan un país como Exipto uns días poden traer trastornos para o seu futuro económico, e o exército que hoxe goberna, esixe paralizalas; que pode pasar si se estrangula o país cunha ocupación militar estranxeira?
Unha ollada ao pasado, e incluso ao presente, das relacións de colonización que moitas potencias e países da OTAN tiñan e teñen con países africanos e árabes pon de manifesto que a maioría das guerras son guerras imperialistas, e que a maioría dos crimes e aldraxes, que se cometen nas guerras son produto do terrorismo de Estado, que canto mais dano lle produce a humanidade mais necesitado se ve de incrementar a propaganda e a mentira. Desto tamén sabía moito un redentor alemán. Que por certo para unificar as masas tamén utilizaba o odio a un maligno..