Nunca serán noticias de primeira plana

Nunca serán noticias de primeira plana

Os medios de comunicación de hoxe en día carecen, como norma xeral, de toda pegada de vocación informativa e, aínda, de toda vontade ou criterio formativo cara a creación dunha conciencia crítica na cidadanía. A información neste momento se nos vende, ollo: non se nos facilita ou participa, en base a criterios de selección cando menos favorables aos intereses dos propietarios deses medios ou baseadas no seu carácter sensacionalista; ou, tamén, se nos presentan arroupadas por adulteracións que percuran máis a adhesión ou o adoutrinamento que a reflexión participativa.

Son signos dun tempo que nos obriga a camiñar polas sendas informativas con enormes cautelas e apetrechados por todos os recursos que nos permitan establecer, en todo momento e circunstancia, os referentes cardinais.

Pero non son elas nin eles o obxecto da miña consideración presente senón algunhas das moitas noticias de interese, ao vó, que ou pasan desapercibidas ou non chegan a alcanzar a categoría de sensacionais por moito que non deixen de ser, cada unha en sí mesma, significativas.

A CONSTITUCIÓN DO TEMPO DAS REVOLTAS

Nestes días se deu a coñecer que o novo texto constitucional do Reino de Marrocos tiña sido rematado e se presentaría a un inmediato referendo no prazo de 12 días. Un cambio lexislativo, o primeiro, que se propiciaba como unha resposta ás inquedanzas manifestadas no contexto das revoltas dos pasados meses no mundo árabe.

Nesa nova elaboración se introducirían algunhas reformas de alcance político-administrativo sen pretender reformar nin os fundamentos do estado e do poder nin revisar os marcos de relación social configurando a existencia dunha cidadanía, nin, moito menos, propiciar unha modificación efectiva das profundas desigualdades económicas que caracterizan á sociedade marroquí. Sen perder a súa condición de supremo líder relixioso, xefe do exército, responsable do poder xudicial e da seguridade o Monarca perde a súa condición de persoa "sagrada" substituída pola de "inviolable". E que acaso a Carta Magna marroquí considera que todos os demais homes e mulleres de Marrocos como violables? Esa e outras matizacións de non escaso calado non foron obstáculo para que o Rei de España fora a primeira autoridade internacional que se apresurou a felicitalo. Tamaña honra... pero... en nome de quen? Eu espero que o fixera, cando menos, tan só a título persoal.

O que ningún dos medios recolle, á hora de facer reconto das súas características e posibles deficiencias, é a integración, que a nova lei querería ver lexitimada, so Sáhara Occidental como territorio nacional marroquí, unha declaración de nulo dereito que serviría para invalidar o seu carácter democrático como contraria ao establecido no dereito internacional e na doutrina e recomendacións da ONU.

Un territorio que se considera aínda pendente dun proceso de descolonización non pode ser anexionado unilateralmente en virtude dun acto de forza, por moita aparencia legal que teña, que trate de pasar por riba das negociacións, dos acordos, das resolucións e das argumentacións emitidas nese sentido e que evidencia a escasa boa fe dos negociadores marroquís nas sucesivas roldas de contactos levadas a cabo e anula todo o seu sentido e eficacia.

A DENUNCIA DO EXPOLIO DOS RECURSOS

Porque o contencioso, que perdura por máis de 35 anos, é unha cuestión de soberanía pero tamén de dereitos acerca do territorio e a lexítima utilización dos seus bens e recursos.

Si ben os asesores xurídicos da ONU teñen determinado que os produtos do Sáhara Occidental e as súas augas territoriais só poden ser aproveitados si os beneficios conseguidos se empregan en favor da poboación autóctona do territorio, única propietaria lexítima dos mesmos, o cero é que Marrocos, coa complicidade da comunidade internacional, exercita un uso arbitrario sobre as riquezas saharauís, en proveito de intereses privados e públicos marroquís, nun negocio fraudulento de que tamén se están a beneficiar algunhas empresas españolas e galegas, como Mercadona ou Jealsa-Rianxeira.

Un espolio que foi denunciado con insistencia polos acampados, home se mulleres, de Gdeim Izik e que hoxe, no silencio máis abafante por parte da prensa, das radios e das televisións e coa indiferenza das autoridades marroquís, mantén a seis mozos saharauís de Goulimine, xunto ao Uad Draa, en folga de fame dende o pasado 12 de abril. Os sesenta e seis días transcorridos no maior desinterese e desatención serven para testemuñar unha vontade de protesta radical e firme que ameaza con causar danos irreversibles na saúde destes mozos de entre 22 e 35 anos e para que nos cuestionemos a eficacia e o valor dos mesmos para unha visión atenta do que nos rodea.

AS INQUIETANTES DERIVAS DUN PARTIDO NACIONALISTA

Nese contexto de normalidade?, un certo partido nacionalista triunfante dende una perspectiva electoral e conxuntural, decidido a participar e influír na política internacional deixando de lado os presupostos legais, as cautelas ideolóxicas e, mesmo, o respecto aos dereitos alleos, e primando os intereses nacionais cataláns na súa perspectiva máis rancia e oligárquica, a Unió Democràtica de Catalunya, decidiu promover, por iniciativa de Josep Antoni Duran i Lleida, unha iniciativa no Parlamento español para solicitar que a Proposición de Lei de recoñecemento e protección das vítimas do terrorismo se modificara na súa exposición de motivos inicial coa inclusión dunha "referencia especial para deslegitimar política, social y públicamente los actos terroristas contra ciudadanos y empresas españolas, que fueron objeto de atentados terroristas en el Sáhara español durante la década de los 70 y hasta finales de los 80, principalmente por parte del Frente Polisario" (sic).

Un nacionalista, con vontade imperialista, que acolle a existencia dun Sáhara español nos anos 70 e na década dos 80, recoñecendo a nosa condición de potencia administradora entón traizoada, e pretende facer da Fronte Polisario un movemento terrorista, na liña dos esforzos baldíos reiterados por Marrocos nestes últimos anos.

Desafortunadamente para a intención de tan douto e pulcro estadista con visión de estado nin os informes emitidos entón polas autoridades españolas do período colonial, nin o dereito internacional que establece de forma inequívoca a lexítima defensa dos pobos colonizados, nin a Carta das Nacións Unidas, nin as resolucións da Comisión de Descolonización e outros varios organismos internacionais, nin os informes reservados dos servizos secretos dos países occidentais avalan o seu razoamento.

Unha constatación que o levou á vergoñenta retirada da proposta, despois dun informe elaborado pola Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara, retirando a emenda nº 85 da devandita proposición pola "interpretación errónea de nuestras intenciones" (sic). O que nos permite abondar na idea de que os nacionalismos non teñen en si mesmos virtudes ou potencialidades esenciais que non sexan quen de construírse na súa construción e vontade política.

E VOLTARÁN OS NENOS SAHARAUÍS

Nos alicerces do verán e facendo niño como as andoriñas das que falaba o poeta, novamente os nenos e nenas do Sáhara, procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria), volverán a pasar uns meses de lecer e recuperación física e anímica nos nosos pobos e nas nosas cidades, facendo a ledicia e o contento das súas familias de acollida e de moitos dos nosos veciños e cidadáns. Chegan a Galiza os días 1º e 2 de xullo próximo as 360 criaturas que despois se repartirán polos currunchos do noso país.

Pero quizais a súa chegada, menos abundante como consecuencia dos efectos da crise que estamos a vivir, non sexa a doutras veces pois sen sabelo non se atoparán coa mesma sociedade destes anos pasados. Os espera outra máis triste, máis empobrecida nos seus recursos, máis feble e dubitativa, menos esperanzada e optimista, máis indignada, aínda que forte e activa e tamén, é posible, máis real e decididamente solidaria. Porque a acollida e a entrega xa non se producen en termos de superioridade/inferioridade, ou da tan autosuficiente arrogancia doutros tempos; as circunstancias teñen minorado, sen facelas desaparecer as nosas diferenzas económicas propoñendo circunstancias para exercitar unha maior igualdade, unha posibilidade de recíproco intercambio de afectos e predisposicións, máis aló do estritamente material, no que se exerce en maior medida a verdadeira conciencia solidaria, aquela que leva non tanto a dar ou ceder canto a compartir. Inshallah...

E, despois de todo, ningunha delas será noticia de primeira páxina.