Nos EUA: A Lei antiinmigración de Arizona, o Primeiro de Maio e o Movemento da Festa do Té
A sinatura da draconiana lei racista en contra da inmigración do Estado de Arizona pola súa Gobernadora, Jan Brewer, desatou unha onda de protestas en todo o país por parte d@s inmigrantes e as persoas que @s apoian, dando pé, á súa vez, as accións máis concorridas co gallo do Primeiro de Maio desde 2006, cando millóns de persoas se botaran ás rúas. Ao nivel nacional xurdiu un movemento para boicotear o Estado de Arizona (Boycott Arizona), desde campus universitarios até as cámaras municipais, e mesmo gozando do apoio de destacados xogadores das ligas de béisbol e de baloncesto.
No Primeiro de Maio, centos de milleiros de persoas manifestáronse en 80 cidades de 40 Estados, desde Los Angeles en California até Tucson en Arizona, pasando por Denver, Chicago, Atlanta e Nova Iorque, para reivindicaren a legalización d@s inmigrantes e postos de traballo para tod@s. Así, a lei reaccionaria estoupoulles na cara aos seus creadores ao avivar a loita de clase en contra do racismo en todo o país.
A poboación de Arizona cífrase en 6,6 millóns nun Estado que ten unha superficie dúas veces máis pequena que a da Península Ibérica, que vai desde o Deserto de Sonora e o Gran Canón até a capital, Phoenix, a quinta cidade máis poboada dos EUA, con 1,6 millóns de habitantes. Arizona forma parte do enorme territorio arrebatado a México polos EUA en 1848 tras unha guerra de rapina. Ao redor de 2 millóns das persoas residentes en Arizona son de orixe latinoamericana, e medio millón non teñen os seus papeis en regra. Desde que se patrulla a totalidade do perímetro da fronteira de México que linda con California, mesmo cercada por un muro, moitas persoas que pasan clandestinamente para traballaren nos EUA non teñen outra opción máis do que entraren nalgún punto ao longo dos 626 quilómetros de fronteira con Arizona.
Mais tamén hai razóns políticas para centrar a loita polos dereitos d@s inmigrantes en Arizona, sobre todo por ser este Estado un bastión da ala dereita do Partido Republicano, reaccionarios que culpan @s traballador@s inmigrantes dos problemas do desemprego e dos recortes de servizos, que en realidade teñen as súas causas no sistema capitalista e na actual crise económica. O racista desapiadado Joe Arpaio, Xerife do Condado de Maricopa, que abrangue a cidade de Phoenix, busca a fama ao nivel nacional mediante a persecución cruenta d@s inmigrantes indocumentado@s, mesmo chegando a mandar desfilar @s detid@s polas rúas de Phoenix vestidos de reclusos.
Á lei reaccionaria sáelle o tiro pola culata
Nunha votación na Asemblea do Estado de Arizona que tivo lugar o 19 de abril, a dereita, co apoio de políticos como Arpaio e os grandes terratenentes ou 'rancheiros' ao longo da fronteira con México, aprobou a Lei SB1070. Esta nova lei transforma dun golpe de pluma calquera que carece de documentación nun criminal ao definilo como 'intruso'. No canto de restrinxir a aplicación das leis de inmigración á policía federal encargada da inmigración, a lei exixe que tanto a policía local como a estatal controlen calquera persoa que 'sospeitan' de ser indocumentada, parando calquera cunha pel máis escura ou que fale inglés cun sotaque estranxeiro, abrindo as portas así á fichaxe da xente segundo os seus trazos étnicos ('racial profiling').
A lei tamén militariza a fronteira, tornando máis difícil a procura cotiá de traballo á que se vén obrigad@s moit@s inmigrantes. Permite, asemade, a incautación de vehículos utilizados para transportaren persoas sen papeis e insta ao arresto de quen axudar unha persoa sen documentación.
O Presidente Barack Obama xa criticou a nova lei, que cualificou de "equivocada," e cabe a posibilidade de o Goberno Federal tomar medidas para revogala. Mais cómpre lembrar que o Goberno federal non é ningún amigo d@s inmigrantes: en Arizona, o 15 de abril, 800 axentes do Departamento de Seguranza Interna, xunto con outros axentes federais, levaron a cabo unha redada brutal en varias comunidades de Tucson, a segunda cidade máis grande de Arizona, onde viven moit@s inmigrantes. A policía federal aterrorizou familias, parou autobuses escolares, asediando militarmente o sur da cidade durante seis horas
Como resposta a esta represión e á aprobación da lei SB1070, o 20 de abril, un grupo de nove estudantes de varios barrios de Arizona encadeáronse diante do Capitolio en Phoenix, onde foron detid@s e liberad@s máis tarde, sentando así as bases do movemento nacional de masas en contra da nova lei.
Un Primeiro de Maio multitudinario
Hai catro anos, con motivo do Primeiro de Maio, millóns de inmigrantes e outra xente solidaria obrigaron o goberno capitalista a retirar a inhumana lei de inmigración de Sensenbrenner de 2006. Ao saíren ás rúas no que viña ser unha verdadeira folga xeral, o movemento inmigrante recuperou ese día tan sinalado como día de festa para a clase traballadora dos Estados Unidos.
Dado que o ataque lexislativo chegou tan só unha semana antes do Primeiro de Maio, @s inmigrantes aproveitaron esta data para canalizaren a súa enerxía nas mobilizacións que ían ter lugar. Botáronse case un millón de persoas ás rúas en 80 cidades de todo o país, desta vez cunha meirande participación solidaria por parte do resto da clase traballadora que no 2006.
Xuntáronse ás protestas contra a lei de Arizona reivindicacións para acabar coas redadas, as deportacións, a separación de familias por parte do Servizo de Inmigración e Alfándegas. As manifestacións exixían a legalización e a fin da criminalización de tod@s @s inmigrantes indocumentad@s, apelando á necesidade de aplicar os criterios de xustiza e igualdade para todo o mundo. O éxito da convocatoria do Primeiro de Maio tamén serviu para dar un pulo aos chamamentos a boicotear produtos do Estado de Arizona, equipos profesionais afincados en Arizona e caisquer outras actividades ligadas con este Estado.
Co gallo da festa mexicana do 5 de maio, o equipo da Asociación Nacional de Baloncesto Phoenix Suns decidiu facer público o seu desacordo coa lexislación racista ao vestiren os xogadores camisetas impresas coas palabras: "Los Suns". Así mesmo, destacados xogadores da Liga de béisbol, 30% dos cais son inmigrantes latinoamericanos e caribeños, comezaron a facer declaracións en contra da nova lei, e seguidores do béisbol montaron un piquete en contra do equipo de Arizona.
Comparanza co 'Movemento da Festa do Té'
O Movemento coñecido como 'A Marcha da Festa do Té' (Tea Party Movement) xurdiu a raíz da oposición da dereita en contra do goberno de Obama, nutríndose do apoio do que gozaba dentro da ala dereita do Partido Republicano, desde a candidata á Vicepresidencia, Sarah Palin, até outros elementos xa abertamente racistas. Este movemento pretende aproveitarse do descontento popular fronte á crise económica e os ataques que sofre a xente traballadora sob a forma de recortes orzamentarios e despedimentos. O seu nome provén do Motín do Té liderado por comerciantes de Massachusetts en contra do xugo británico durante o período de rebelión anticolonial do século XVIII que levou á creación dos Estados Unidos, cando se negaron a pagar os aranceis á coroa británica. No entanto, o actual movemento canaliza o descontento popular, plasmándoo nun programa reaccionario que fai d@s inmigrantes un chibo expiatorio, vitimizando as persoas de cor, lesbianas, gais, bisexuais e transexuais e opóndose aos dereitos das mulleres.
O grupo preséntase como unha organización de base, a pesar de ser financiado en realidade por corporacións e organizacións da extrema dereita. Estes racistas foron amparados polos medios de comunicación corporatistas para espallaren a súa mensaxe, sobre todo nas pseudo rebelións que montaron nas cámaras municipais cando se estaba a debater a lei para reformar o sistema de saúde. A esquerda non pode ficar calada perante o Movemento do Tea Party, sobre todo nas rúas: e se hoxe por hoxe o Movemento parece forte, é grazas a que os dirixentes sindicais oficiais dos EUA até agora non fixeron nada para contrarrestaren os ataques que están a sufrir os dereitos d@s traballador@s a mans da clase dirixente e do Goberno.
Neste Primeiro de Maio, no entanto, a masiva afluencia de inmigrantes militantes superou con creces as manifestacións anteriores convocadas pola gandallada racista do Tea Party. Estas manifestacións son o verdadeiro reflexo do potencial real da relación de forzas que existe entre a clase traballadora e as masas oprimidas por un lado, e a extrema dereita polo outro, dende o momento en que o pobo decide mobilizarse. As forzas antiinmigración asañadas que acudiron en masa aos mitins de Sarah Palin na xira que montou o Movemento da Festa do Té non se vían por ningún lado no 1º de Maio: con moi bo criterio ficaron na casa. As mobilizacións marcaron un paso importante cara adiante na loita contra a dereita.
De momento, non se pode dicir con certeza até onde levarán as potentes mobilizacións do Primeiro de Maio de 2010. Mais o que si se sabe é que xa fixo que a clase dirixente dubide en seguir adiante co seu plan de culpar @s inmigrantes da crise económica. A loita en contra da lei de Arizona continúa. Mentres a vitoria non estea garantida, vai seguir existindo a posibilidade de facer avanzar a loita de clase e de ir consolidando a solidariedade entre tod@s @s traballador@s.