Non son só estatuas

Estes días estamos a ver como a raiba que se desatou primeiro nos EUA após a circulación dun vídeo que mostraba o brutal asasinio por asfixia do home negro desarmado, George Floyd, a mans dun policia branco despois varreu polo mundo inteiro nunha demostración elocuente do acertado aforismo: “unha faísca pode incendiar toda a pradaría”.

Mais non debemos trabucarnos. Por moi imbécil e perigoso que sexa, a política populista de Trump, apoiado polos sectores máis rancios, non fixo máis do que agudizar unha situación que xa se levaba larvando nos EUA desde que a Guerra Civil puxo fin à escravitude que erixira o país sobre osangue e o suor das persoas afro-americanas. En efeito, se ben o actual movimento Black Lives Matter nasceu polo ano 2013 cando foi inocentado o asasino de Trayvon Martin de 17 anos, ten precedentes que remontan a moito antes no tempo, desde o Movimento dos Direitos Civís e as Panteras Negras que colleron forzas a mediados dos anos 60 durante a loita contra a segregación racial que reinou de iure até 1965. Trátase, pois, dun racismo estrutural profundamente enquistado na sociedade onde segue a existir unha segregación racial de facto que se estende às persoas migrantes con e sen papeis, sobretodo provintes dos países latinoamericanos.

Alén das multitudinarias manifestacións onde o povo mostraba a súa repulsa ao racismo ao emular a protesta que tanto indignou Trump iniciada polo xogador de futebolamericano afro-americano, Colin Kaepernick, en 2016 cando se agachou nun xoello durante o canto do himno dos EUA, unha das consecuencias simbólicas máis notorias foi o derrubamento de destacados monumentos públicos erixidos en honor a persoeiros ligados co escravismo e o colonialismo que prendeu primeiro nos proprios Estados Unidos, antes de se estender ao Reino Unido, á Bélxica ou á Nova Zelandia...

Algún/has comentaristas non hesitaron en acusar esta expresión popular de repulsa e raiba de simples actos vandálicos. Por exemplo, cando a estatua dun comerciante de escravos foi tirada à água no porto do Bristol, a ministra do interior do Reino Unido,Priti Patel, cualificou o derribamento de “absolutamente vergoñoso” e chamaba a que as persoas responsábeis fosen xulgadas por atentaren contra o mobiliario público. Non é de máis lembrar que o facto de esta mesma ministra que milita no mesmo partido que foi o artífice do escándalo racista da denominada xeración Windrush ser filla de inmigrantes de orixe indiana non impediu que apoiase a nova lei restritiva de inmigración do goberno conservador, mesmo recoñecendo que no seu día seu pai e súa mai non serían quen de satisfaceren os requisitos para seren admitidos no país... É claro que, independentemente da cor da súa pel, o único que interesa àxente da súa laia é ser o fiel servidor do rexime. Hai renegados en todas as partes...

Ao igual que a estatua ecuestre de Franco que presidía a entrada de Ferrol antes de ser retirado polo BNG, os monumentos en cuestión son obviamente moito máis do que simples esculturas, representacións físicas ou pretendidas obras de arte... Calquer crente que se teña axoellado diante dunha efíxie da Virxe ben saberá que non é simplesmente unha estatua, nen sequer ten que ser especialmente realista, nen especialmente ben executado, pois representa algo moito máis transcendente; é un símbolo, non un anaco de madeira ou de pedra. Noutra orde de cousas xa máis mundana, embora non menos importante, cando nos reunimos ao redor do busto de Alexandre Bóveda en Pontevedra cada 17 de agosto con motivo do Día da Galiza Mártir, non é para admirarmos a mestría do escultor, mais para conmemorarmos e mantermos vivo o legado e o ideario desta figura chave para o nacionalismo galego. É un símbolo da loita e da resistencia galeguista face ao fascismo españolista.

Así, pois, é moi fácil de entender por que se enfurecen tantas persoas ao veren a praza pública inzada de monumentos laudatorios que fan implicitamente apoloxía da opresión e de valores e práticas que nen antes nen agora foron aceitábeis. É máis que compreensíbel que o povo se erga para tirar abaixo as estatuas que exaltan e eloxian colonialistas, racistas, escravistas e os verdugos máis sanguinarios da historia, desde Cristovo Colón en Boston até Leopoldo II da Bélxica. O que é moito menos compreensíbel é que ficasen en pé tanto tempo, a non ser, claro, que representen valores amparados polo establishment...

Hai quen pretende turbar o debate ao suxerir, cinicamente, que talvez haxa que se desfacer dos monumentos a Platón ou a Aristóteles, xa que eles tamén defendían o escravismo. Pois non. Hai que recalcar que a historia do escravismo non é algo que haxa que buscar nos tempos pretéritos da antigüidade, mais unha parte integral da historia recente e que conformou a riqueza presente dos países occidentais. O escravismo é o paradigma mesmo dos valores e dos mecanismos que sustentan o sistema capitalista que aínda hoxe padecemos, alicerzado sobre o lucro individual a custo do sofrimento humano máis desapiadado (racismo, terrorismo patronal, escravitude moderna, explotación de man de obra inmigrante, servidume por débedas, tráfico de seres humanos, sobre todo mulleres...). En todo o caso, se se quer remontar máis atrás no tempo para entender as verdadeiras raíces profundas que xustificaron o escravismo e o racismo, hai que recorrer à Biblia e à Igrexa que lexitimaba a pillaxe das terras dos povos indíxenas das Américassob o pretexto da doutrina de que “los indios no tienen alma”, a tal ponto que o Papa Francisco se vise obrigado a pedir perdón “polos crimes contra os povos orixinarios durante a chamadaconquista da América” en... 2015! Nen é por acaso que o proprio Trump posou brandindo a Biblia ante unha igrexa cando anunciou que estaba disposto a enviar o exército para aplacar a sublevación popular que varría o país.

Non é unha cuestión de querer apagar a historia, nen de caírmos na desmemoria, antes polo contrario. Ao igual que a reivindicación da memoria histórica, trátase de recuperarmos a verdadeira historia e de destaparmos o lado máis escuro dos estragos causados polocapitalismo sob todas as súas expresións (colonialismo, imperialismo, racismo...). É xa hora de dar a voz às vítimas para que poidan contar a súa historia sen que estexa permanente ensombrada pola presenza de figuras escabrosas que encarnan a narrativa oficial e cuxo legado se honra en monumentos ciscados por todos os países e cuxo suceso se construíusobre os cadáveres de seres humanos.

Como aconteceu durante a época daloita contra o apartheid, é o deber de quen somos branc@s de utilizarmos este noso privilexio para nos solidarizarmos coa loita que están a librar as persoas racializadas ao redor do mundo a prol dos seus direitos e dasúa dignidade. Mais tamén é o deber de quen nos consideramos socialistas de denunciarmos o sistema capitalista que cría e perpetúa as divisións de clase, de xénero e de ‘raza’ sobre as cais se fundamenta a explotación de que depende para subsistir. A non ser que se abata o sistema capitalista que se reduz na súa esencia ao principio da explotación duns seres humanos desapoderados por outros seres humanos, nunca a humanidade vai ser libre de divisións e de opresión dunha forma ou doutra.