Nicaragua e a desinformación

Nicaragua e a desinformación

Poucos días despois do inicio das protestas en Nicaragua publiquei un artigo no que facía referencia a diversas cuestións para min relacionadas directamente coa repercusión internacional que estaban a ter as mobilizacións, sorprendente repercusión se só atendemos á razón inicial das mesmas; unha proposta de modificación da seguridade social presentada polo goberno de Daniel Ortega e rapidamente retirada polo propio goberno en resposta á esixencia dos e das manifestantes. Titulei aquel artigo O de Nicaragua, algo máis que un problema interno, e pasados dous meses reafírmome en que non estamos a falar dun conflito exclusivamente interno.

Conforme pasaban as semanas o tema Nicaragua foi adquirindo cada vez maiores dimensións, substituíndo incluso a Venezuela e Cuba. Día tras día en xornais, radio e televisión asistimos ás falcatruadas cometidas polo “réxime ditatorial Ortega-Murillo”, ao aumento do número de mortes, aos ataques á igrexa, etc...; e todas, absolutamente todas as información ás que temos acceso directo van na mesma liña, non hai ninguén que dea outra versión ou que aporte datos ou novos elementos que nos permitan comparar, facernos unha composición de lugar e unha reflexión sobre o que realmente sucede.

Vivimos nunha época na que actuamos individual e colectivamente movidos máis polas sensacións e polos sentimentos que polo raciocinio, co perigo de que esas sensacións e eses sentimentos están sendo moldeados por un sistema que por medio fundamentalmente dos medios de comunicación de masas busca “aforrarnos” o traballo de pensar, buscar información e reflexionar para tirar conclusións. O doado é deixarse levar e non cuestionar quen hai detrás da información e como pode ser que medios de comunicación ou representantes políticos que teoricamente están nas antípodas uns de outros manteñan posicionamentos idénticos de enfrontamento con todos procesos políticos alternativos que se desenvolven en América Latina.

Só vou aportar nove datos que poden ser de interese e non aparecen naqueles medios de comunicación aos que temos maior acceso, pero que pode atopar calquera de nós se dedica un tempo a buscar outras fontes que nos permitan contrastar a información

1.- A principios de xuño os activistas do Movemento Estudantil 19 de abril(M-19A), que se auto-erixiu en representante oficial d@s mobilizad@s, visitaron EEUU reuníndose con representantes dos sectores máis reaccionarios da política ianqui, entre eles os senadores Ted Cruz e Marco Rubio e a congresista Ileana Ros-Lehtinen, esta última responsábel da promulgación da Nica Act que condiciona os préstamos que solicite Nicaragua aos organismos internacionais. Curioso que un movemento que se auto-reclama democrático e recuperador das esencias do sandinismo sexa recibido nos EEUU polos sectores más reaccionarios.

2.-Hai aproximadamente un mes dirixentes do mesmo movemento estudantil visitaron El Salvador buscando o apoio de ARENA, partido salvadoreño de extrema dereita coñecido por ter entre os seus dirixentes a varios líderes dos escuadróns da morte salvadoreños responsábeis de máis de miles de asasinatos de civís salvadoreños e do asasinato de Monseñor Óscar Romero.

3.Varios dirixentes estudantís que actúan como portavoces da oposición son coñecidos por pertencer a organizacións nicaraguanas que reciben fondos de NED (Fundación Nacional para a Democracia) e USAID (Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional), dúas das entidades pantalla dos servizos de intelixencia dos EEUU para formar cadros e crear ONGs que dirixan procesos “democratizadores”, entidades que ao longo das últimas décadas teñen estado detrás da meirande parte dos procesos de desestabilización que houbo tanto en América Latina como noutras rexións do planeta. No caso de Nicaragua nos últimos dous anos teñen subvencionado con máis de 10 millóns de dólares a diversas ONGs e patrocinado múltiples actividades de formación de líderes para a “transición democrática”.

4.-Da delegación estudantil que visitou diversos países de Europa, entre eles Galiza, e que mantivo reunións con organizacións políticas e sociais e institucións para denunciar a actuación do goberno sandinista e pedir solidariedade, formaban parte dirixentes de ONGs financiadas polas entidades anteriormente sinaladas.

5.- Hai xa case un mes que o estudantado deixou de ter o protagonismo nas mobilizacións sendo substituído por grupos armados, moitos deles relacionados coas famosas maras (grupos de delincuencia organizada que controlan o tráfico de drogas e teñen convertido El Salvador, Honduras e Guatemala nos estados máis violentos de Centroamérica) que non existían en Nicaragua, sendo até agora xunto con Cuba e Costa Rica o estado máis seguro da rexión. Varios dos detidos nas protestas son de nacionalidade salvadoreña, entre eles un dos líderes da coñecida Mara 18.

6.- Dáse unha cifra de 400 persoas mortas pero ao non especificar máis a imaxe que se transmite é de que a todos os mataron forzas gobernamentais cando iso non é así; son múltiples os casos de torturas e asasinatos cometidos polas maras empregando métodos salvaxes e tácticas de guerrilla moi semellantes ás que se empregaron nas guarimbas en Venezuela.

7. Grande parte dos ataques dos grupos armados opositores se dirixen contra escolas, cooperativas e centros sanitarios, algo que fai lembrar o xeito de actuar da contra financiada pola administración Reagan, que entre 1980 e 1991 tentou con actuacións terroristas derrocar o goberno sandinista.

8. Recibimos imaxes de mobilizacións multitudinarias contrarias a Daniel Ortega pero se nos ocultan outras tan ou máis multitudinarias aínda apoiando á FSLN e esixindo o fin da violencia.

9. FFálase de ataques por parte de Ortega á igrexa católica pero ocúltanse os casos de sacerdotes e bispos que se dedican a botar leña ao lume chamando a perseguir a simpatizantes sandinistas.

Non é cuestión de sermos confesionais co actual goberno de Nicaragua nin con ningún outro goberno, nin se trata tampouco de estarmos en contra del ao considerar que non está levando adiante a revolución sandinista que idealizamos desde a nosa confortábel atalaia europea. Trátase de obter información pola nosa conta e contrastala, pero desgraciadamente falamos cada vez máis, reflexionamos cada vez menos, e tratamos problemas serios como poden ser as cuestións internacionais como se estivéramos diante dun partido de fútbol actuando como siareiros, sen ter en conta a existencia de intereses e de contradicións, a importancia da xeopolítica, etc...

Seguro que podemos facerlle moitas críticas ao goberno de Nicaragua, a alianza coa igrexa católica e a prohibición do aborto, a alianza con sectores do empresariado que agora están por detrás das protestas, actuacións represivas contra as protestas, etc..., pero sería bo lembrar que aos poucos días do inicio das mobilizacións o goberno retirou o proxecto de modificación da seguridade social e leva semanas chamando ao diálogo para rematar cos enfrontamentos.

Pensar que en Nicaragua hai unha revolución encabezada polo estudantado universitario que vai rescatar o sandinismo é vivir nun mundo ideal sen decatarse de que as cousas son moito máis complexas na realidade, pois non existe unha forza de carácter revolucionario que encabece ese proceso, e unha mobilización que puido ter a súa lóxica comprobamos unha vez máis como remata por ser aproveitada/teledirixida polos intereses norteamericanos co obxecto de desestabilizar un estado no que os gobernantes non obedecen os seus ditados.

As revolucións de cores, das flores, primaveras árabes, etc... xa vimos en que desembocaron todas; e diante dos acontecementos que se producen en América Latina debemos ter sempre presente a frase do presidente Porfirio Díaz, referida a México pero que pode aplicarse a todo o continente, "Tan lonxe de Deus e tan preto de EEUU".