Néstor Kirchner: legados e desafíos
É indiscutible que a inesperada e prematura desaparición de Néstor Kirchner terá un enorme impacto sobre a vida política arxentina. Sucintamente podería dicirse, primeiro, que con el desaparece o político máis influínte da Arxentina, o que marcaba a axenda da discusión pública e o ritmo da vida política nacional.
Segundo, que durante a súa xestión como presidente cambiou o rumbo por onde viña transitando a Arxentina -moi especialmente en materia de dereitos humanos e política internacional, pero tamén cunha exemplar renovación da Corte Suprema, reparando as vexacións que neste senso, como en tantos outros, cometera o menemismo.
Terceiro, desaparece coa súa morte o único que reunía as condicións requiridas para conter, como ningún outro, a complexa e turbulenta realidade do peronismo, cuxas pugnas internas en épocas pasadas meteron ao país en gravísimas crises institucionais. Este tal vez sexa o máis serio desafío co que terá que lidar a presidenta.
Cuarto, a súa morte prívaa dunha compañía insubstituíble: durante décadas Néstor Kirchner non só militou cóbado a cóbado con ela senón que tamén foi o seu conselleiro, aliado e confidente.
A súa desaparición deixa un baleiro moi grande na Casa Rosada. Pero, contrariamente a moitas mal intencionadas especulacións expresadas nestas horas, a presidenta é unha política feita e dereita e, ademais, unha muller de moito tempero e carácter e que seguramente saberá sobreporse á súa inmensa dor e honrar a memoria do expresidente mantendo con firmeza nas súas mans o temón do Estado e evitando que no interior do PJ se desencadeee unha feroz pelexa pola sucesión.
Nada autoriza a pensar nun paralelismo entre a súa situación e a de Isabel Martínez de Perón ante a morte do seu esposo, en 1974. Esta non reunía as menores condicións para gobernar a Arxentina, non tiña traxectoria política algunha e o país achábase nunha situación incomparablemente distinta á actual, onde a presenza de militares fascistas era o dato máis significativo daquela conxuntura. A de hoxe é completamente distinta en todas e cada unha daquelas dimensións.
De todos xeitos, para responder aos desafíos do momento, Cristina Fernández, terá que contar con moito apoio, reforzar a súa articulación coas clases e capas populares mediante a rápida implantación de políticas sociais e económicas máis efectivas (e, nalgúns casos, longamente demoradas) e, sobre todo, manter á raia aos aparellos que se arrogan unha representación popular que en realidade non teñen e que poden interferir negativamente no crucial último ano do seu mandato e nas súas perspectivas electorais.
A Arxentina asómase a unha nova etapa marcada pola ausencia do expresidente: o asasinato de Mariano Ferreyra xa iniciara este proceso; a morte de Néstor Kirchner acelérao e profundízao aínda máis.