Na Ucraína, misión cumprida

Na Ucraína, misión cumprida

Hai sete meses, aos poucos días de coñecerse a decisión do daquela presidente Viktor Yanukovich de adiar a sinatura do acordo de asociación comercial entre Ucraína e a Unión Europea, publicaba noutro medio un artigo no que facía unha reflexión inicial sobre as razóns que ao meu ver levaran a Yanukovich a adoptar esa decisión e rematábao dicindo “...teremos oportunidade nas vindeiras semanas de comprobar como elementos alleos ao povo ucraíno interveñen directamente para condicionar o seu futuro.”

Finalmente o acordo de asociación comercial entre a Unión Europea e Ucraína asinouse o pasado venres 27 de xuño, sinatura na que non participou Yanukovich ao ser derrocado o seu goberno lexítimo por un golpe de estado o 22 de febreiro. Debemos lembrar que cando decidiu adiar a sinatura Yanukovich dixo que non renunciaba ao acordo pero que precisaba un aprazamento ao xurdir dúbidas sobre os beneficios do mesmo para un estado que entraba nunha importante crise económica e debería proceder a unha radical reestruturación da súa base produtiva ao tempo que perdería os seus mercados tradicionais dos estados que formaron parte da desaparecida Unión Soviética.

O acontecido nestes sete meses confirma que detrás do acordo asinado o pasado venres hai moito máis que unha eliminación de aranceis no comercio entre a Unión Europea e Ucraína, pois de falarmos só de discrepancias en canto aos beneficios ou prexuízos que ía ter o acordo para cada un dos asinantes non teríamos no taboeiro tantos actores e cun xogo tan intenso.

Para o imperialismo non había dúbidas, a sinatura dese acordo tiña que producirse sí ou sí, pois para a estratexia deseñada polos EEUU e os seus aliados da Unión Europea de aillar a Rusia o control dun estado que conta con perto de 1500 quilómetros de fronteira con ese inimigo era fundamental, e non podían permitir que de súpeto o presidente do goberno ucraíno exercera a súa soberanía poñendo paus no camiño deseñado polo imperialismo. Un camiño que ten no acordo comercial só un dos envoltorios precisos para executar unha operación de longo alcance, e Ucraína é un peón máis a mover no taboeiro da nova guerra fría que estamos a vivir.

Un taboeiro no que este novo movemento achanza o camiño para situar á OTAN nas fronteiras de Rusia nun estado chave, unha OTAN ampliada considerabelmente nos últimos 15 anos entrando a formar parte dela 12 novos estados, todos eles procedentes do que se coñecía antes da caída da URSS como o outro lado do telón de aceiro, Hungría, Polonia, República Checa, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia, Lituania, Rumania, Croacia e Albania.

De estarmos diante de dun simple conflito económico os EEUU e a UE non terían posto todos os medios para desfacerse do presidente Yanukovich dado que hai outros moitos estados cos que lles interesa chegar a acordos comerciais e cos que non actúan con semellante contundencia. Gañar esta partida era básico tanto pola situación xeográfica como polo efecto negativo que para a imaxe dos EEUU como líder mundial suporía un novo revés despois dos movementos que obrigaron á administración Obama a ter que mudar, cando menos inicialmente, a súa decisión de intervir militarmente de xeito directo en Siria; movementos nos que tivo moito que ver unha diplomacia rusa que cada vez se move con maior axilidade ao ser consciente Putin de que están tentando achicar ao seu país no contexto internacional.

Crear a situación de inestabilidade en Ucraína non foi difícil, estaba aínda presente na memoria a revolución laranxa de 2004 e inicialmente a táctica foi moi semellante, mobilización na rúa pedindo democracia e acusando ao goberno de ser un fantoche movido por Rusia que deixa de lado os lexítimos intereses do povo ucraíno, emprego masivo dos medios de comunicación para trasladar a imaxe de que os demócratas eran quen se manifestaban contra Yanukovich denominándoos euromanifestantes, inxerencia directa de dirixentes políticos occidentais que nalgúns casos chegaron a manifestar o seu apoio ás protestas na propia praza do Maidan.

Co paso das semanas e contrariamente ao acontecido coa revolta de 2004 a violencia foi cada vez maior, non sabemos se á mantenta ou porque unha vez máis as axencias norteamericanas adicadas ao traballo suxo de inxerencia en asuntos internos de outros estados preparando operacións de desestabilización perderon o control sobre os seus eventuais instrumentos para acadar os obxectivos; neste caso os grupos fascistas e neonazis empezaron a desencadear unha violencia sen precedentes atacando a todas aquelas persoas e colectivos que non se pregaban ás súas ordes, sendo obxectivo principal deses ataques a militancia comunista e o movemento sindical do país.

Un golpe de estado institucional o 22 de febreiro e unhas eleccións presidenciais o 25 de maio que deron a vitoria ao multimillonario Petro Poroshenko, que aparece nos documentos feitos públicos por wikileaks como informante da embaixada dos EEUU en Kiev en 2006 cando era deputado, prepararon todo para a sinatura do acordo comercial e para que a OTAN decida aportar máis fondos ao exército ucraíno estreitando aínda máis a súa relación con ese estado.

A integración da Ucraína na OTAN é obxectivo fundamental de toda esta operación e aí o imperialismo tiña unha conta pendente con Yanukovich que decidiu cobrar. Hai cinco anos considerábase inminente a integración de Ucraína na OTAN pero a chegada de Yanukovich á presidencia do estado en febreiro de 2010 deu ao traste coas previsións ao aprobar a Rada (parlamento ucraíno) por iniciativa do novo presidente unha lei que establecía a non integración en alianzas militares, sen por iso deixar de manter colaboración coa OTAN en diversos aspectos pero resgardando sempre a súa independencia e soberanía de xeito que poidera ao tempo establecer outras colaboracións con Rusia. Ese non aliñamento defendido polo presidente deposto desparecerá en breve probabelmente coa aprobación dunha proposta lexislativa presentada no pasado mes de marzo que establece como prioritaria a integración da Ucraína na OTAN.

Podemos dicir que este xogo gañouno o imperialismo pero a situación na que queda unha Ucraína con perigo serio de desintegración e as conscuencias sociais que van ter as reformas impostas no acordo asinado abren a porta á inestabilidade na rexión e prolongándose o enfrontamento armado aínda que sexa de baixa intensidade. Esa situación vai ser delicada para a veciña Rusia aos ser directamente afectada pero tamén pode convertirse nunha nova dor de cabeza inesperada para o imperialismo, tempo ao tempo.