Moscova e a realidade virtual
A imaxe que ten a maioría da xente sobre Rusia é a dunha ditadura que non dá evolucionado e supón un perigo para a paz mundial e por conseguinte para o futuro da humanidade; pois o seu “ditador” Vladimir Putin, que foi membro da sinistra KGB, practica unha política sumamente agresiva tentando reconstruír o imperio soviético. Como exemplo recórrese reiteradamente á suposta política de agresión rusa contra Ucraína, cando está demostrado que o golpe de estado nese país entre 2013 e 2014, coñecido como Euromaidán, foi financiado e promovido por un occidente que se negaba a asumir a lexitimación do goberno ucraíno para paralizar o proceso de achegamento á Unión Europea, pero non está preocupado nin pola presenza cada vez máis importante de grupos armados de ideoloxía nazi nese estado nin pola represión contra as forzas patrióticas e de esquerda.
É moi común tamén a idea de que a xente en Rusia é ruda, fría perigosa e moi desagradábel co estranxeiro; e para asentar esa idea a cada pouco nos medios de comunicación saen informacións negativas ao respecto da vida en Rusia, que moitas veces son totalmente falsas e outras son convenientemente manipuladas. Non hai moitos días, exactamente o 8 de agosto, varios informativos de tv facían referencia á detención de perigosos delincuentes da “mafia rusa” cando realmente eran delincuentes de nacionalidade estoniana, non sendo este un caso anecdótico de adxudicarlle nacionalidade rusa a delincuentes que son de outros estados.
,Ao respecto das andanzas dos oligarcas que controlan a economía rusa tamén se nos conta case todo; e coñecemos os seus negocios escuros moito mellor que os dos oligarcas que controlan a nosa propia economía. A demais, de cando en vez, co obxecto de afianzar esa imaxe negativa de Rusia, infórmasenos dos enfrontamentos entre Putin e algún oligarca, enfrontamentos nos que sempre remata por gañar o primeiro quedándose coa parte do pastel que lle interesa; mentres, o oligarca adversario de Putin remata na cadea, no exilio ou morre en estrañas circunstancias, pois todos e todas sabemos como as gastaba a KGB cos seus inimigos.
En agosto Montse e máis eu estivemos en Moscova, pero debo recoñecer que diante do panorama descrito, propio das películas de medo, démoslle mil voltas e por varias veces estivemos a piques de renunciar a esa viaxe. A verdade é que a cousa non parecía pintar nada ben e podíanos pasar calquera cousa no momento en que puxeramos o pé nunha ditadura tan perigosa, sendo o menos malo que nos enviaran a Siberia.
Finalmente non atendemos ás advertencias, actuamos como uns verdadeiros irresponsábeis, e fixemos a tolemia de saír cara Moscova.
Era unha visita que tiñamos pendente desde había tempo, e nada mellor que facer coincidir a visita á capital rusa co ano no que se cumpre o centenario da revolución que mudou o rumbo da humanidade, e que aínda tendo sido derrotada deixou a pegada permanente en todos os povos e nas clases traballadoras de que é posíbel e necesario construír un mundo máis xusto.
Despois de unhas horas de avión, menos das que agardaba tendo en conta que íamos cara o mundo descoñecido, chegamos a Moscova. O primeiro golpe nada máis baixar do avión e sen que nos avisaran antes foi atoparnos con todo escrito en cirílico. A verdade é que íamos coa mosca detrás da orella, pois estiveramos na antiga Leningrado en 2007, pero que menos que ter avanzado nestes dez anos e empezar a empregar un idioma que entenda todo o mundo, como por exemplo o inglés ou o español. Pois nada, estes sonvos peor que os cataláns, e aínda por riba escreben con signos raros, o meu nome por exemplo póñeno así ДУАРТЕ ЌОРРЕА ПИНБЕЍРО.
A cuestión é que xa estabamos alí e non era cuestión de dar volta aínda que valoramos esa opción; por tanto decidimos botar fóra medos e tentar coñecer un pouco Moscova, non deixando de visitar os lugares emblemáticos como a Praza Vermella, o Kremlin ou a rúa Arbat pero procurando afastarnos do turismo e patear a Moscova real na que fai vida a súa povoación.
O primeiro que comprobamos foi que os e as moscovitas non se diferencian en nada da xente de Vigo ou Cambados en canto ao consumismo. Estábamos nunha típica capital capitalista con todo o mundo enganchado ao móbil, e as persoas en vez de falar entre elas facíano vía redes sociais e mensaxes; nas rúas moitas tendas cheas de produtos que nos eran coñecidos pois as franquías eran das mesmas marcas que temos nós en Compostela ou que teñen os españois en Madrid. Iso debo recoñecer que nos tranquilizou, pois poderíamos comprar, comprar e comprar nuns comercios que non tiñan os andeis baleiros e estaban cheos de luz, capitalismo puro e duro.
,En canto á xente nada do que temíamos, nin te comían, nin pasaban de ti, nin te respondían de xeito maleducado; todo o contrario, nas moitas ocasións nas que nos levaba un pouco de tempo de máis facernos entender e memorizar a frase en ruso para soltala de corrido nun establecemento ou tentabamos descifrar o mapa do metro ao pasarnos de estación, a xente tentaba botarnos unha man.
Aínda que soe a tópico manteñen un transporte público, herdado da época soviética, que para nós quixéramos tanto polo prezo como pola frecuencia. E para falar das famosas estacións do metro de Moscova precisaría un mar de artigos; entrar en calquera delas era pensar que entrabas nun teatro, nun museo ou nunha mansión, non sendo casual que Stalin denominara ao metro moscovita o Palacio do Povo pola súa grandiosidade que nada ten a ver cos buracos nos que debe entrar a xente na meirande parte dos metros de occidente.
A verdade é que conforme pasaban os días case todo o que íamos coñecendo deixábanos un pouco descolocados e pensando que á volta non íamos poder contar que foramos a unha cidade perigosa e que vivíramos unha aventura; nin sequera podemos dicir nada especial ao respecto dos sinais de pobreza e de desigualdade propios do capitalismo; mentiríamos de consideralos como un sinal destacado pois en calquera capital europea das que coñecemos temos visto maior mendicidade e maiores síntomas de problemas económicos na súa povoación.
Visitando o Museo dedicado á Gran Guerra Patria, denominación que lle dan á Segunda Guerra Mundial, veume á mente a experiencia do pasado curso co meu alumnado de ESO e Bacharelato á hora de tratar ese tema na aula, pois tiven que dedicar moito tempo a tirarlles da cabeza a idea transmitida pola industria do cine dos EEUU de que foron eles quen derrotaran case en solitario á Alemaña nazi, e despois sen poder desfrutar da vitoria tiveran que enfrontarse á maligna Unión Soviética na defensa dos valores democráticos. Este Museo, que xunto co da cosmonáutica é un instrumento para uso educativo de carácter excepcional, procede a unha explicación profunda e interactiva dese feito histórico. É certo que lle dá protagonismo ao exército vermello e á heroicidade do povo soviético, pero hai un recoñecemento claro do papel que tiveron os outros estados aliados, incluídos os estadounidenses; sen manipulacións da historia como as que sufrimos nós acotío. Mentres ía dunha sala a outra do Museo pensaba nos inventos do Cid, da Reconquista, da nación española creada polos Reis Católicos, das armas de destrución masiva que ten todo o mundo menos a OTAN, etc...
Ao respecto do pasado soviético, se ben é certo que hai un Parque ao que levaron algunhas das esculturas dos líderes da revolución non é complexo atopar en lugares emblemáticos iconografía soviética e nas rúas elementos que lembran feitos relacionados con esa época. Achegándose ao Museo de Historia Contemporánea (anteriormente Museo Lenin) pode contemplarse unha exposición sobre os 100 anos da revolución bastante completa.
A verdade é que non coñecer o idioma fixo que non puideramos intimar máis cos e coas moscovitas pero en oito días de estadía tiramos a conclusión de que se Rusia é unha ditadura que funciona en base ás ocorrencias e aos intereses do sátrapa Vladimir Putin e dos seus corifeos, o estilo de vida parécese moito ao das ditaduras nas que vivimos outr@s.
PD: teño moi claro quen é Vladimir Putin e considero que a desaparición da URSS, á que lle podo facer múltiples críticas, provocou en grande parte a situación que estamos vivindo dun capitalismo cada vez máis cruel que se considera invencíbel. Pero tamén hai anos que descubrín que a figura do demo é un instrumento que emprega o sistema para ternos a tod@s como ovelliñas mansas arredor del.