Migrantes invisíbeis


Mandoume un compañeiro de colexio un comentario no que se preguntaba, retoricamente, «se Cuba, Nicaragua e Venezuela están tan ben… por que todos queren ir a Estados Unidos», en alusión á caravana de migrantes que percorre Centroamérica cara ao norte e querendo deixar ver que, ao final, todo o mundo quere ir ao mesmo sitio.

Dos tres países en cuestión, dous foron historicamente receptores de inmigración (Cuba e Venezuela) e non foron nunca catalogados como países do mal chamado «primeiro mundo».

Por razóns xeográficas obvias (Cuba é unha illa) e por razóns políticas, Cuba deixou de ser un país receptor de inmigración na actualidade. Moitos anos antes da revolución, co crack de 1929 en Wall Street, deixara de ser receptora de inmigración galega.

Pero Venezuela, que ten unha longa tradición migratoria cara aos Estados Unidos, coa súa historia de decepcións, El Norte (Estados Unidos) es una quimera (1928), é un dos principais receptores de inmigración de Latinoamérica.

Dende unha visión brancocéntrica (europea), os países deixan de ser receptores de inmigración cando non son atractivos para os brancos. A realidade venezuelana dista moito dese punto. Agás Estados Unidos, ningún país do mundo ten tanta inmigración haitiana coma Venezuela. Guianeses, trinitarios, colombianos, ecuatorianos e peruanos conforman unha porcentaxe que podería acadar case o 10% da poboación.

Nas estatísticas oficiais Venezuela conta con máis de 900.000 colombianos residentes no seu territorio, pero a realidade é que esa cifra chega ao dobre.

Existen migracións constantes no tempo dende o Caribe a Venezuela, tan constantes como as históricas de paraguaios, peruanos e bolivianos cara a Arxentina, que non se deteñen nin coa hiperinflación nin coa deflación nin coa inestabilidade crónica da Arxentina.

Por iso, non todos queren nin poden ir á quimera estadounidense (ou europea)… o sur tamén recibe inmigración e o sur tamén existe.