Martin McGuinness, un nacionalista
Martin McGuinnes foi unha figura clave do nacionalismo irlandés de agora. A súa imaxe, sempre ao carón doutra persoa clave, Gerry Adams, forma parte xa da nosa memoria e da loita dun pobo polos seus dereitos.
O atentado na ponte de Westminster borrou pronto das noticias a nova do pasamento deste republicano (nacionalista) irlandés. De todos os xeitos, sempre se insistía no memso: no seu pasado “terrorista” e en sinalalo como cabeza visible do “brazo armado” do Sinn Féin.
O “pasado” de Martin McGuinness ten que ver cunha realidade colonial dura e sectaria, máis dura se cadra cara a finais da década de 1960 cando un goberno inglés, en teoría de esquerdas, enviou ao exército a Irlanda do Norte, aos Seis Condados, tamén coñecido como Úlster, pero Úlster era unha provincia histórica que non coincidía exactamente co actual territorio con este nome.
Martin McGuinness naceu en Derry, unha cidade de maioría católica, onde os protestantes dominaban de xeito sectario a vida política e a vida social. Isto levouno a dicir que un un rapaz do Bogside non era máis culpable que un rapaz negro de Soweto. Isto foi entendido como unha defensa da loita armada. Máis tarde diría que “a lección do conflito aquí é a mesma para calquera outro lugar. Non hai solucións militares, o diálogo e a diplomacia son a única garantía dunha paz duradeira”.
Naceu no Bogside, un barrio pobre ou empobrecido pola discriminación imposta polo sectarismo protestante e o apoio británico. O Bogside é un barrio fóra das murallas da vella cidade. O Bogside que coñecín xa neste século xa non tiña esa imaxe de barriada degradada que saía nas noticias, pero alí está o pinche da casa que nos anuncia que estamos entrando no Derry libre. É unha marca simbólica, xunto ao monumento aos presos do bloque H de Long Kesh e os muros pintados. Quizais o que me sorprendeu neste cambio de imaxe sufrida pola cidade tras os acordos do Venres Santo fose unha tenda instalada nun contedor ou a dos coches pasando a toda velocidade, como me sorprendeu o silencio que reinaba dentro das murallas á sombra das torres levantadas polo exército británico onde había uns anos habería o balbordo das protestas. Pero quedan as palabras de McGuinness denunciando como o exército tiña entrado varias veces na súa casa arrasando con todo diante dos seus catro fillos pequenos.
Poderíase dicir que o inicio do nacionalismo irlandés, que levou á situación actual, ten os seus comezos no contexto do bicentenario da morte de Wolfe Tone. A campaña para conmemorar o pasamento deste persoeiro, de orixe protestante e considerado o pai da democracia irlandesa, levou ao agromar do sentimento nacionalista e a unha recomposición do seu ideario, entre o que destacamos aquí a negación de que Irlanda está formada por dúas nacións, polo que o problema protestante é un problema a solucionar en Irlanda e que o apoio británico a esta minoría só lograba agrandar esta división social e a situación de discriminación da poboación católica. Hai que dicir que a revolta de Tone e os United Irishmen, intentada no contexto da Revolución francesa, fracasou, a axuda gala non chegou, e Tone foi capturado polos ingleses nunha pequena cidade de Donnegal. O que non está claro é como morreu na cadea dublinesa. Hoxe mantense a teoría do suicidio.
,No 1964 o Sinn Féin estaba prohibido. Ese ano houbo eleccións e todos os deputados electos eran unionistas. Os católicos colocaron unha bandeira tricolor na xanela dun club republicano na barriada de Falls Road (Belfast). Ian Paisley protestou iradamente e ameazou con ir cos seus fanáticos seguidores a quitala se en dous días non retiraban esa bandeira “inimiga”. Non fixo falta, a bandeira foi retirada pola policía, os RUC, a policía conformada totalmentepor protestantes. Foi a chispa que acendeu a revolta e levou a moitos mozos, algúns aínda rapaces, como Gerry Adams, a entrar en política da man do Sinn Féin.
Outro feito clave foi o Movemento polos Dereitos Civís, que xorde en 1967. O que pedían era moi simple: “one person, one vote”, e acabar co estado sectario que mantiñan os “oranges”. Hai que lembrar que os católicos non podía vivir en determinados barrios, non podían traballar por exemplo nos estaleiros de Belfast (Harland and Wolff), que era a principal industria da zona e onde se fixera o Titanic.
Durante os meses de xullo e agosto de 1969, 1.505 familias católicas perderon as súas casas en Belfast, xunto a 315 protestantes. E chegan as tropas británicas, en teoría para “protexer” aos católicos. Neste contexto dáse unha división entre os republicanos, entre os que optaban por unha vía “constitucional” e os que pensaban que o prioritario era defender a comunidade católica dos ataques dos protestantes. É aquí onde aparece o IRA provisional, produto da inxustiza e da resposta airada dos protestantes contra a comunidade católica cando reclamou dereitos.
Leo o que escribiu Gerry Adams no seu blogue, Léargas, sobre o seu amigo e camarada. Di que lendo a prensa tira a conclusión de que hai un Martim McGuinness malo e outro bo, que foi un home que caeu do cabalo camiño de Damasco e abandono aos seus compañeiros de armas para pasarse á comodidade da política. McGuinness é froito dunha realidade e dixera que, como político, o seu traballo era evitar a guerra.
A relación de Adams con McGuinness seguramente empezou nalgunha rúa, pero oficialmente empeza en 1972. Edward Heath suspendera o parlamento norirlandés e estableceu un goberno directo desde Londres, pero o secretario para Irlanda do Norte buscou en secreto negociar co IRA. E a lá van a Londres dous dos seus líderes. Mais estes ocorréuselles dar voz aos novos activistas, a Adams e a McGuinnes. Esta viaxe vailles permitir non só ter coñecer o stablisment político británico, senón tamén cementar unha relación de amizade e colaboración política de longa duración, o que lles permitiu saír adiante no tortuoso camiño cara a paz e que moitos non vían con claridade.
Dende entón, McGuinnes apareceu sempre ao carón de Adams. Este semella ser máis intelectual, máis carismático. lembramos que Adams é autor de varios libros, desde unha autobiografía a libros que rescatan a memoria da súa comunidade e falan das dificultades de vivir como católicos en Irlanda do Norte, libros que falan da vida na cadea, pero tamén libros e artigos sobre a política do seu país. McGuinnes non tiña este nivel, a penas pasou da escola primaria, pero parecía un home máis práctico, lonxe de inquedanzas intelectuais. Nas fotos sempre aparece ao carón de Adams.
Cando vivín en Londres eran outros membros do Sinn Féin os que viñan falar da situación en Irlanda do Norte, pero non McGuinnes. Semella que era máis de acción, de estar entre os seus, mais resultou ser un bo político cando tivo que desenvolver este papel.
Recordamos a Martin McGuinnes como un nacionalista que desempeñou un papel central na condución do movemento republicano irlandés lonxe da violencia para a paz. Procurou un mellor futuro para a súa xente e abofé que o logrou. O nacionalismo logrou saír dunha situación marxinal e de discriminación a unha posición relevante. Un dos seus modelos foi sempre a loita contra o apartheid surafricano. A situación marxinal tiña moitos paralelismos.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.