Manifesto As Libias


Enterrade os mandos das televisións e sede libres. O opio aí está, queimando a nosa liberdade. Xa non existen os Estados. Non construímos a única guerra xusta contra o control informativo. Son os cartos transnacionalizados quen dominan: a nós, aos presidentes fillos deles. Os Bancos someteron os Estados. O teu fillo non vale máis que o fillo do musulmán. Alporízaste máis por un pano na cabeza dunha nena que polo asasinato de milleiros de nenos e persoas. As bombas non distinguen entre militares e civís. A soberanía dun país é dereito colectivo. Sen el non pode existir a democracia. Quen es ti para invadir en nome da mentira? En nome de que lei podes ter dereito a matar para roubar? Os presidentes de occidente matan e rouban. Por que votas a asasinos? Zapatero acabou por calzar os zapatos de Aznar. Que o xulguen tamén e que se vaia. Non existe o Tribunal Penal Internacional para os autores occidentais de crimes contra a humanidade. Un neno, muller ou home libio vale tanto como un neno, muller ou home de occidente. Mentres non se xulgue aos presidentes as guerras non se pararán. Ti podes denuncialos para que os xulguen. A túa indiferenza faite cómplice con eles. Deixa de fumar o opio deles. Deixa de alimentarte da mentira e enfróntate a esta película de terror. Que fas aí, parado, sempre laiando a túa sorte sen moverte? Algunha vez, na nosa vida, na dos nosos avós e tataravós nos invadiron os musulmáns ou outros pobos explotados? Quen é invadido ten dereito a defenderse. Nunca existirá un só argumento para invadir un país, arrasalo, negarlle o futuro e a evolución por moitos anos, e roubalo miserabelmente. O teu fillo non vai á guerra, por iso quedas mirando a televisión. O teu fillo non morre na guerra por iso segues a engulir o opio da inxustiza. Quen van á guerra gañan bos salarios. Fanse protexidos profesionais do crime. Por iso non nos doe a guerra. Quen dirixe os terroristas da guerra son profesionais aínda mellor protexidos e pagados. Os exércitos son empresas privadas que se moven por intereses económicos dos máis grandes. Ti votas aos que montan a guerra para gañar cartos. Coidas que pode haber presidentes do terceiro mundo que son anxos pola mañá e demos pola noite? Ti cres sempre o que che din os das pantallas. Mais tes que buscar outras pantallas que non mintan nen estean gobernadas polos señores da guerra. Mira Telesur, a Cubana, a dos puíses ameazados polos ianquis e europeos e verás que só aí se din cousas distintas. Só aí o contraste. Porque aquí todo é o mesmo rollo, a mentira redactada no mesmo ordenador. Son eu terrorista se digo isto? É terrorista quen se defende das bombas invasoras? É terrorista quen enfronta ao criminal? É terrorista quen defende o seu petróleo? E ti que fas aquí?, dicíalle un palestino a un israelí, un iraquiano a un ianqui, un de Afganistán a un inglés, un libio a un francés... E ti que fas aquí? E ti por que vés matar aquí? Por que me torturas? Depende o teu benestar do roubo que lle fan ao outro, do moito que se mate aló lonxe, no país do ouro? Ti tiras ao lixo cada día o alimento dos que tamén cada día morren pola fame. E ese alimento era deles, non teu. Que xulguen xa aos verdadeiros asasinos de occidente, aos presidentes. Enterra a hipocrisía nunha caixa na que vaia tamén o mando do televisor. Entérraos ben enterrados até que conquistemos outra televisión para servir ao colectivo e á verdadeira democracia. Faite humano e non busques a mentira para embebedarte. Todo o que queres para ti tes que querelo para o outro, para a outra. E o que non queres para ti non llo podes desexar ao outro, á outra. A hipocrisía é a arma máis negra de occidente. E ti non estás fóra das súas poutas. Onde enterrou a Igrexa a súa voz contra o martirio? Non matarás? A Igrexa tamén mata. Sé valente e mírate ao espello disposto a todo, disposta a toda. Barak tamén calzou os zapatos de Bush e xa non disimula. Que xulguen aos presidentes de occidente por crimes de guerra. Só así virá a paz mundial e os ricos non se repartirán os beneficios gañados co crime e a explotación. Só así te poderás chamar humano. E demócrata real. Só así crearás o mundo de paz que necesitamos con urxencia. Somos irmáns e irmás do asoballado.