LIBERDADE E DEMOCRACIA PARA O MUNDO ÁRABE?

LIBERDADE E DEMOCRACIA PARA O MUNDO ÁRABE?

Os procesos políticos que están vivindo moitos países árabes, concretamente os do norte de África, teñen unha causalidade interna acompañada de estratexias deseñadas, especialmente desde os Estados Unidos de América (EUA), seguido, como sempre, de forma subordinada pola Unión Europea (UE). Non cabe dúbida de que os réximes de Exipto e Túnez eran falsas democracias, ditaduras con autócratas en idade terminal, asentadas no papel determinante do Exército, amparadas por Occidente, con amplos sectores populares desafectos politicamente. Todo parece indicar que, en principio, as revoltas populares foron toleradas ou mesmo alimentadas para acelerar a transición a democracias controladas. O mesmo exército antano represor cumpre agora un aparente papel de garante da transición. No caso exipcio, neste momento xa sen rubor, ofrécese o modelo español como alternativa, desde a servil diplomacia española, que actúa como eco das consignas da Casa Branca. Esperemos que non se trate tamén dunha restauración monárquica. Hai que cambiar algo para que o substancial non mude. A conflitividade interna, as forzas confrontadas, as distintas formas de concibir o futuro desaparecen da información. Só o plano predeseñado merece atención mediática. Esperemos que as forzas sociais e políticas, democráticas, populares e contrarias á inxerencia nos asuntos internos destes países, saiban aproveitar a ocasión para arrincar conquistas económicas, sociais, políticas e culturais, para as maiorías, ao tempo que impiden ou dificultan o aliñamento servil cos EUA e a UE, tradicional das agora deostadas ditaduras.

Libia merece unha atención aparte. Gadafi é un autócrata, sen dúbida, tamén na fase terminal da súa vida. O réxime libio unha peculiar manifestación de estado paternalista sobre un extenso territorio con importantes fontes de enerxía e unha poboación tan escasa como diversa racial e culturalmente, comezando pola diversidade tribal. A construción dunha conciencia nacional aquí é un fenómeno contemporáneo e fráxil. A maioría da poboación non é desafecta ao réxime, entre outras razóns, porque Libia ten a renda per cápita maior de todos os Estados africanos, cunha presenza de inmigrantes palestinos, subsaharianos, filipinos..., precisamente ben acollidos alí para desenvolveren actividades laborais determinadas. Sen dúbida existen contradicións e falta de liberdade. Porén, as posibilidades de actuar desde dentro do réxime, para lograr a súa desaparición, eran menores que en Exipto e Túnez. No deseño externo optouse por provocar unha desestabilización a calquera prezo, incluída a posibilidade dunha guerra civil, alimentada de forma irresponsábel por Obama, co esperpéntico coro europeo de acompañamento, onde a voz de España, facendo de mascarón de proa dunha intervención militar, resulta patética. De súpeto entroulles a todos o puritanismo democrático, após de faceren suculentos negocios durante anos en Libia e de mimaren e adularen ao agora demonizado coronel. Pasa a ser a besta negra de novo, como o fora xa do imperialismo americano até fins dos anos oitenta. Un mínimo de intelixencia e rigor intelectual impídenos seguir, de forma entusiasta, estes cambios de posición, que non están guiados por ningún afán humanitario e moito menos pola intención de traer paz, benestar, felicidade e igualdade ao pobo libio. Vai sendo hora de que non se nos confunda con cantos de liberdade e democracia que agachan intentos de opresión económica e de subordinación das nacións, con maiores quebrantos e indignidades para os respectivos pobos. Non se pode ditar a lexitimidade ou ilexitimidade dun réxime ou dun gobernante desde fóra do país co recurso a bombardeo e á intervención militar estranxeira, con o sen beneplácito do Consello de Seguridade da ONU. Este si é un mundo de intimidación e imposición unilateral ao servizo de intereses inconfesábeis: control económico de certas zonas pola súa importancia enerxética ou control político pola súa importancia xeoestratéxica. O resultado final é máis sufrimento, máis destrución, máis desigualdade, menos dignidade, máis subordinacións aos poderosos da Terra.

Por certo, cabe subliñar o descaro, a falta de pudor e rubor, a naturalidade coa que, desde a casa Branca, se dita o que está ben ou mal. Consideremos, porque así nolo dita o gran amo americano, que a intervención militar saudita en Bahréin para acabar coas protestas populares contra o rei, non é unha invasión. Aquí a protesta popular non gosta, iso que é masiva e necesita ser acalada cunha ocupación militar estranxeira masiva. Esta dualidade valorativa repugna calquera conciencia intelixente. Alértanos da cautela coa que debemos analizar a información hexemónica que recibimos. Distáncianos sempre das propostas impúdicas e cínicas do recurso á intervención militar estranxeira e a ocupación de países en nome da liberdade e da democracia. Lembremos que liberdade e democracia deben significar tamén xustiza social, soberanía nacional, libre capacidade para decidir, igualdade nas relacións internacionais. Xustamente todo o oposto ao militarismo e a guerra imperialista, á rapina económica e ao control das riquezas doutros, á imposición cultural, ideolóxica ou lingüística aos que son diferentes. Erra quen se limite a analizar o que está pasando no norte de África, e en xeral no mundo árabe, como un simple e espontáneo fenómeno posibilitado por Internet. Cavilemos, polo menos, na nova estratexia dos EUA para a zona, as súas discriminacións evidentes, os intereses que agocha, e tamén no momento crítico para o capitalismo no que se aplica... Teremos unha descrición máis matizada e unha explicación máis acorde cos feitos e as dialécticas políticas que, informativamente, se nos furtan a mantenta.