Latinoamérica: privatizar as sementes
«Cando teñas cortado a derradeira árbore, atrapado o derradeiro peixe e contaminado o derradeiro río, haste decatar de que non podes comer diñeiro». Gaby Rodríguez.
Unha pantasma privatizadora percorre os países latinoamericanos «de fiar» (para a Unión Europea (EU) e Estados Unidos (EUA)): Colombia, México, Chile e Paraguai. Agora tócalle a quenda ás sementes e detrás do intento está a multinacional estadounidense Monsanto. O Ministerio do Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel de Colombia redactou o Decreto polo que se regula o acceso aos recursos xenéticos que permitiría ás multinacionais[i] a privatización das sementes tradicionais de Colombia rachando co principio de soberanía alimentar e que deixarían de ser patrimonio de todos os colombianos (chilenos, mexicanos ou paraguaios) e ben común da Humanidade.
A intención de Monsanto, que impera en Colombia após a sinatura do Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos o 15 de maio de 2012, é privatizar as sementes utilizando a biotecnoloxía dos organismos xeneticamente modificados. Unha vez intervida a semente, paténtaa e esta pasa a ser propiedade corporativa da empresa (coma os medicamentos). A «pirataría» da semente patentada sería imposíbel para os labregos, xa que as sementes están intervidas xeneticamente coa biotecnoloxía denominada terminator, que imposibilita a súa reprodución e obriga aos labregos a mercarlle á empresa novas sementes cada ano.
En México o Senado, malia a oposición na rúa, aprobou en novembro de 2011 o decreto que reforma a Lei federal de variedades vexetais de 1996. Unha campaña sen precedentes logrou adiar na Cámara de Deputados, abril de 2012, a discusión da reforma.
En liñas xerais, a reforma tenta protexer as variedades de sementes transxénicas baixo o nome de «variedades esencialmente derivadas» e «produto da variedade» que engloba todas as partes da planta e os seus produtos e subprodutos, coma un tecido vexetal, para consumo animal, industrial ou humano, garantindo a propiedade da transnacional e o requisito de autorización para o seu uso.
A alternativa sería usar sementes propias, pero a propia reforma limita o dereito dos labregos a produciren e usaren a súa propia semente ou as variedades melloradas polos fitomelloradores.
Para que non fique dúbida da propiedade da semente increméntanse as sancións por uso sen autorización e colocan como ente inspector e sancionador un organismo público, o Servizo Nacional de Inspección e Certificación de Sementes, que imporá desde multas impagábeis até a prohibición, de por vida, de traballar nas terras en que foran utilizadas as sementes sen autorización do propietario.
A retirada do proxecto de lei foi momentánea e vencellada ao impopular da medida e a proximidade das pasadas eleccións mexicanas, que gañou Peña Nieto. As orixes e o contido son un calco da lei colombiana e chilena de privatización da agricultura. Coinciden coa entrega por parte destes Gobernos consumada no Acordo de Libre Comercio de Norteamérica (TLCAN) e coa aplicación dos acordos de propiedade intelectual que figuran, no caso do asinado por México, no anexo 1701.3 do TLCAN.
En Chile, ao abeiro do Tratado de Libre Comercio asinado cos Estados Unidos, consumouse a privatización das sementes mediante a adhesión ao Tratado da Unión Internacional para a protección das obtencións vexetais. Este asenta os alicerces legais para a regulación da propiedade intelectual de multinacionais sobre as variedades de sementes. O tratado coloca organismos públicos como o Servizo Agrícola e Gandeiro (SAG) (igual que en México) como entidades fiscalizadoras e punitivas para a salvagarda da propiedade privada das multinacionais e do uso das sementes. O tratado asegura que calquera persoa natural ou xurídica que teña os cartos pode presentar unha solicitude no SAG e ter un «dereito de obtentor», un eufemismo para sinalar unha patente. Este dereito é sobre calquera variedade vexetal, incluíndo os seus derivados, que sexan recoñecidas como «novas» pero entendendo por «nova» aquelas plantas que non foran previamente inscritas, é dicir, todas, polo que se poderán rexistrar tanto os transxénicos novos coma as plantas antigas, por non estaren rexistradas.
O caso chileno tamén prohibe a utilización de sementes rexistradas e pena o almacenamento de sementes que resulten da propia produción dos labregos.
Para saber máis:
O mundo segundo Monsanto. Documentario-denuncia dos efectos negativos que provocan os produtos agroquímicos e as sementes de soia transxénica que comercializa a empresa multinacional estadounidense Monsanto, a máis grande do mundo do sector.
[i] Entre as principais multinacionais están as alemás KWS SAAT AG e Bayer Cropscience. A dinamarquesa DLF-TRIFOLIUM. As estadounidenses, Deltapine, Dupont, Land O' Lakes Inc. e Monsanto. A suíza Syngenta. A francesa Limagrain e as xaponesas Sakata, Taikii e a Tokita Seed Co.